in

AdoroAdoro

Blast

Facendo cositas na escena

Imaxe: Luz Soria

Facendo “cositas” na escena

Pódese mudar o mundo dende un escenario? Esa é a premisa da que parte Blast, montaxe do CDN Centro Dramático Nacional dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez, de Teatro en Vilo.

A cuestión non é nova e son moitos os que se aventuran a dicir que si. Ilusos todos. Coido que hai tempo que me fago esa mesma pregunta —e mais dentro dun sistema teatral supeditado aos gustos dos catro programadores-amiguiños como o galego—, pero iso é outro tema…

Algúns tacharanme de pesimista pero o teatro, amigos, non vai cambiar o mundo. Penso, pola contra, que un bo espectáculo —tamén un bastante malo— pode transformar ao espectador e a súa forma de mirar ese mundo que nos abafa. Pero non transformalo.

E iso é o que ocorre con Blast. Sete rapazas e rapaces que queren romper con todo, loitar contra o pensamento mainstream e as formas clásicas de vida. Intérpretes moi novos que saíron dunha selección na que se buscaba ese activismo e esa revolución. Teño que confesar que saín contrariado do Teatro María Guerrero, non porque a montaxe me emocionase, senón pola decepción que sufrín. Levo tempo escoitando falar ben das montaxes de Teatro en Vilo e non agardaba atoparme cunha obra-panfleto coma esta. Porque en Blast o contido é puramente cosmético, algo que reflicte a realidade dunha Xeración Z atada ao movemento Woke —os ofendiditos—, ás modas ideolóxicas e moita inconsistencia no discurso. “Se vienen cositas” reza un grafiti pintado na gran escenografía branca, deseñada por Alessio Meloni, e non minte: “cositas”.

Sobre as táboas non vin verdade, só as manidas poses ideolóxicas que estamos ultimamente acostumados a ver en redes sociais: contra o racismo, o sexismo, a prol do ecoloxismo, contra o capitalismo… Causas nobres todas elas pero que se tornan en mero pancartismo cando non hai nada detrás, cando non hai verdade —ou canda menos non se traspasa ao público—.

Porque semella que esta obra foi construída cun exceso de ambición na procura de emotividade a través do discurso pero sen partir da verdade real dos protagonistas. A proposta afirma estar composta a través das inquietudes e realidades dos sete actores menores de 26 anos que a protagonizan. Realmente sete rapaces de familia media acomodada poden estar tan fartos e rebotados coa vida? Para min é unha pose pouco crible, unha mentira forzada para construír un suposto espectáculo comprometido. Con que? A saber! Un discurso moi repetitivo que chega ao cansazo nas dúas horas de función e que convida ao espectador a revisar o reloxo varias veces.

 

[embedyt] https://www.youtube.com/watch?v=RfsSyZrylSg[/embedyt]


Publicidade

 

A obra divídese en dúas partes ben diferenciadas, a primeira é fundamentalmente discursiva onde os intérpretes debaten, interpélanse, cuestiónanse e mesmo implican puntualmente ao público; e unha segunda parte, constituída por un tótum revolútum de efectismos e música para levantar o cansazo de tanto discurso naif.

É curioso pero os únicos dous momentos nos que puiden conectar coa peza estiveron protagonizados polo público. A primeira, durante un sondeo aos espectadores que debían sentar como resposta á situación económica de presente e futuro: se queren ter fillos pero non poden, se queren ter a súa propia casa pero non poden, se queren ir de vacacións pero non poden… Un in crescendo que nos une en comunidade e deixa constancia da nosa realidade social e dos nosos soños frustrados. Tamén conectei co emotivo relato dunha espectadora que contou un desengano amoroso. A sinxeleza e a verdade que transmitiu emocionounos a todos e fixo que as debilidades discursivas da peza se acentuasen por contraposición. Porque a xente senta no patio de butacas para rir, chorar ou encabuxarse coa verdade, aquela que é crible e non con “cositas”.

O elenco está correcto e moi comprometido co espectáculo, tanto que ás veces forzan o sentimentalismo. Compre destacar a forza escénica da actriz Conchi Espejo, a ecoloxista, o seu humor petardo fai que adoremos os seus momentos de xogo escénico xunto cunha memorable serea de plásticos reciclados. Pero non podemos esquecer o fermoso número musical de Julia Adun que consegue poñer en pé unha función que comezaba a facerse costa arriba.

Sen dúbida, a parte máis potente de Blast esta no final, cun xogo de efectismos ­—vento, fume, pelotas de cores que caen da tremoia, luces…— e números musicais que axudan a crear ritmo e deixan ao público nunha sensación de éxtase para aplaudir como se esquecesen a dilatada primeira parte.

Quero pensar que tanto desatino na proposta vén dada polo exceso de ambición de traballar nunha produción dun teatro nacional como o CDN, algo comprensible nestes tempos de únicas oportunidades. O que está claro é que máis recursos non implica mellores resultados e moitas veces a esencia primixenia é a que se debe seguir coidando. Ás veces compre ter menos “cositas” e só un chisco de verdade.

Blast, Centro Dramático Nacional CDN

Texto: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez.
Dirección: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez.
Intérpretes: Julia Adun, Nadal Bin, Conchi Espejo, Iván López-Ortega, Saúl Olarte, Álex Silleras e Alejandra Valles.
Escenografía: Alessio Meloni.
Vestiario: Yaiza Pinillos.
Iluminación: CUBE BZ (María de la Cámara e Gabriel Paré).
Música e espazo sonoro: Fernando Epelde.
Movementos: Amaya Galeote.

Teatro María Guerrero, Madrid. 18 de maio de 2022

Avatar

Javier Lojo

Director de escena, xornalista e marketing dixital. Membro da erregueté e das compañías Señora Supina e Feira do Leste. Na actualidade, coordina o proxecto editorial Á Feira de textos teatrais e novas dramaturxias.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Renacimiento pase34 2712 |

‘Renacimiento’ | 39 Festival de Almada

17.03.22 ©Jose Frade 5 |

‘Em casa, no zoo’ | 39 Festival de Almada