in

‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, a estrea máis esperada nesta Semana Santa

as oito da tarde cando morren as nais elenco CDG
Foto: Miramemira / Composición: erregueté

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves Ás oito da tarde, cando morren as nais, con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, será no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe leva a escena o texto da dramaturga AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco.

O espectáculo estará en cartel en Santiago ata o 1 de maio con 14 sesións e logo xirará ata xuño polos concellos de Cee, Cedeira, Catoira e A Estrada, así como polas localidades portuguesas de Beja e Coímbra. Convértese así na primeira produción deste ano en saír de Compostela. “Despois de momentos complicados, a cultura galega está a vivir un momento de consolidación e expansión como constata o ritmo da actividade cultural en Galicia”, expresou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, durante a presentación da montaxe.

Ademáis da xira, o CDG pon ao servizo dos concellos interesados, autobuses para desprazar público tanto ao Salón Teatro como aos espazos galegos incluídos no percorrido.

Funcións escolares,  inclusivas e ‘impros’

Ademais, a montaxe permanecerá en cada un dos concellos galegos durante catro días, un deles dedicado a unha función escolar para centros de ensino medio. O obxectivo é acadar a maior cantidade de público posible e achegarlles o teatro e a dramaturxia galega contemporánea aos máis novos. O percorrido previsto comeza o xoves 5 de maio no Auditorio Baldomero Cores de Cee, onde estará ata o domingo 8. Tras ofrecer senllas funcións en Beja, no marco do Festival de Teatro do Alentejo, un dos máis potentes festivais de teatro iberoamericano do país luso, e en Coímbra os días 12 e 14, o espectáculo regresa a Galicia con parada no Auditorio Municipal de Cedeira, do 19 ao 22 de maio. Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Catoira acollerá a montaxe do 26 ao 29, e, por último, o Teatro Principal da Estrada farao do 2 ao 5 de xuño.

O programa de teatro inclusivo creado polo Centro Dramático Galego estará tamén en funcionamento a partir da segunda semana de exhibición do espectáculo e durante a xira. Deste xeito, todas as funcións contarán con interpretación en lingua de signos, audiodescricións e subtitulado para que as persoas con discapacidade auditiva ou visual poidan gozar de calquera das representacións sen limitarse a sesións específicas.


Publicidade

Por outra banda, haberá novas sesións do programa ImproVersións, dirixido por Antón Coucheiro e que ofrecerá versións aloucadas e improvisadas arredor de Ás oito da tarde, cando morren as nais. Serán os luns 18 e 25.

O público, protagonista

Recomendada para maiores de 12 anos, Ás oito da tarde, cando morren as nais sitúa o público como elemento central da obra e analiza a relación entre o teatro e a súa recepción. En palabras de Marta Pazos, a posta en escena, na que se reproduce unha sala teatral, “pretende recoller a loucura que hai detrás da obra de AveLina Pérez”, de xeito que o público “é o protagonista e a actriz preséntase como público do propio público”.

O elenco caracterízase pola súa multidisplinariedade nunha interpretación que presenta diferentes rexistros. A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.

As entradas están xa á venda na web ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dúas horas antes de cada sesión, que serán ás 18,00 horas os mércores e domingos e ás 20,00 horas de xoves a sábado. O prezo é de 10 euros, con descontos de ata o 40% para diversos colectivos, así como os mércores na sesión descontraída e os domingos, Día do espectador.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Supernormales CDN

Supernormales

PetraPorter1 150x150 1 |

O Teatro Gorrilla volve en abril cos ‘Contos invertidos’ de Nico Elsker