in

N.E.V.E.R.M.O.R.E.

big |
Imaxe de Luz Soria

ou como falarlle dunha traxedia á Xeración Z

En novembro de 2002 acontece o desastre do Prestige. Un barco petroleiro afunde, e comeza así unha histórica catástrofe medioambiental. Milleiros de persoas mobilízanse para limpar a Costa da Morte, mentres a clase política marcha de caza.

Pasaron case vinte anos dende a desgraza, case unha vida, como di a compañía Chévere no espectáculo N.E.V.E.R.M.O.R.E., dedicado a esta traxedia. E a vida que pasou puido ser tranquilamente a miña.

Nacín no 2001, de xeito que carezo de ningún tipo de lembranza sobre o Prestige, máis aló de profesores explicando o acontecido, sen tocar o fondo político da situación. Polas conversas que se deron despois do espectáculo, asumo que o meu caso non era único. A xente que non viviu o acontecemento descoñece todo o que este supuxo, máis aló da marea negra.

Non coñeciamos a neglixencia, a toma de decisións completamente improvisada, o mirar para outro lado, e, sobre todo, a non asunción das responsabilidades. Non eramos conscientes de que o dano non quedou só no medioambiental.


Publicidade

Tamén asumo que os integrantes de Chévere serán conscientes desta carencia, e por iso a produción do espectáculo. A cuestión é que toman esta función didáctica e que, mediante N.E.V.E.R.M.O.R.E., nos din a nós, a Xeración Z, de que distintos xeitos a clase política (e o capitalismo en xeral) xa leva bastante tempo podre e, sobre todo, como non nos comprenden a nós, o pobo, como humanos.

Tendo en conta que precisamente a Xeración Z acaba de ver a súa vida adulta profundamente afectada pola COVID, e aínda máis, pola neglixencia da clase política, os feitos amosados en N.E.V.E.R.M.O.R.E. son especialmente familiares.

A pesar de que ambas as traxedias (a pandemia e o Prestige) son de natureza bastante distinta, os responsables da miseria posterior son exactamente os mesmos.

Agradécese no espectáculo a comicidade que adoita aparecer nas pezas da compañía, facendo máis humanas as situacións expostas e, sobre todo, facendo que as dúas horas que pasas sentada non pesen como sucede noutras producións. Pero, sobre todo, agradécese o lado positivo amosado. A pesar do duro do Prestige, existía a solidariedade, o movemento e conciencia de grupo. Agardemos que en desgrazas futuras, non desapareza iso.

N.E.V.E.R.M.O.R.E., de Chévere

En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Borja Fernández

Idea e creación: Chévere

Dramaturxia e dirección: Xron

Comunicación: Xana García

Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo

Iluminación: Fidel Vázquez

Axudantía de dirección: Nekane Fernández

Espazo escénico: Carlos Alonso

Distribución: Cremilo / Carlos M. Carbonell

Produción: Inés Portela

Montaxe: Enrique Martínez

Son: Xurxo Pinheiro

Fotografía: Tino Viz, Luz Soria

Documentación: Xron, Arquivo AC Unha Gran Burla Negra

Vestiario: Uxía Vaello

Obxectos escénicos: Pepe Penabade

Axudantes de escenografía: Tristán Ron, Anabel López Grela, Brais Lestón Rama

 

Teatro Afundación, Vigo, 27 de xaneiro de 2022.

Diana Longa

Diana Longa

(Vigo, 2001) estudante de Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Formada en música, sobre todo canto. Cofundadora do podcast Isolda, Diana e Martín viven nun mocasín.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe artigo 20 |

Os lugares pequenos

Supernormales CDN

Supernormales