A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT, vén de presentar as bases do V Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Con esta convocatoria pretenden apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadores emerxentes, ofrecendo un contexto privilexiado para a presentación e estrea de espectáculos, así como captar novos públicos e implicar os espectadores e a cidadanía en proxectos escénicos.
Trátase dun concurso de proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais nos que o público se situará a curta distancia dos intérpretes.
As compañías, grupos e artistas individuais participantes deberán presentar unha proposta de dramaturxia dunha duración de entre 10 e 20 minutos creada para ser representada en espazos non teatrais de Carballo, determinados pola organización, e que busque a proximidade entre intérpretes e espectadores e espectadoras.
O prazo de inscrición está aberto e remata o 30 de xuño. Logo o xurado seleccionará de 4 a 6 propostas de dramaturxia. As propostas seleccionadas deberán ser representadas no marco do FIOT e percibirán unha compensación económica de 450 €.
Todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán ao Premio do Público ao Mellor Espectáculo e ao Premio do Público á Mellor Interpretación.
- Sete persoas e entidades foron distinguidas nos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas - 07/07/2026
- Moaña acolle a primeira edición do Festival Internacional das Culturas Mar da Illa de Samertolameu - 03/07/2026
- O Convento de Santa Clara acolle a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra - 03/07/2026



