Un total de 38 espectáculos e máis de 300 profesionais concorren aos XXV Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados de forma anual pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O proceso de inscrición finalizou o pasado 14 de maio rexistrando unha gran participación, segundo informan desde a organización. Estas 38 montaxes postúlanse nas catorce categorías nas que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.
A primeira rolda de votacións está aberta dende o día 25 de maio e conta cun censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de xuño
Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión teatral. Este ano, a entrega celebrarase o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía Castro, tras a decisión de adiar a súa data habitual no mes de marzo pola situación sanitaria. Ese día entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle concede cada ano como homenaxe a unha persoa ou a unha entidade, e lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, que neste insólito 2020 redactou o actor Evaristo Calvo.
Espectáculos inscritos nos XXV Premios de Teatro María Casares
Espectáculo
| Compañía |
Ferro, Federici | ABAR |
Entelequias | Abismo Caracol |
Anxos abandonados en mosaicos despois do combate | Anómico Teatro |
Illas desertas | Artesa Cía |
Ris Ras | Baobab Teatro |
32m² | ButacaZero |
Clausura de Amor | Cámara Negra Teatro |
Catro | Caramuxo Teatro |
PYKA (O corazón na eclipse) | Cinema Sticado |
Aibō | Compañía Eléctrica |
O electo | Contraproducións |
Feminísssimas | De Ste Xeto producións |
Guerra de identidade | DeuVe |
Dreaming Juliet | Elefante Elegante |
O candil. Un musical galego | Escolga Galega de Teatro Musical |
Carabela | Galeatro |
O mel non caduca | Ibuprofeno Teatro |
Microspectivas dun marica millennial | Incendiaria |
O Premio | La Quintana Teatro |
SÓS | Malasombra |
Bailar agora | Marta Alonso Tejada |
Lixo | O Baúl da tía Tola |
12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva | Olivas Negras |
Pura | Os Náufragos Teatro |
Lázaro de Tormes | Pedras de Cartón |
Os nenos da varíola | Pérez&Fernández |
Estrela do día | Producións Teatráis Excéntricas |
O mozo da última fila | Redrum Teatro |
A lingua das bolboretas | Sarabela Teatro |
O libro da selva | Teatro Avento Producións |
Poeta en Nova York | Teatro baixo da area |
O Monte das Aras | Teatro de Ningures |
A conquista da escola de Madhubai | Teatro do Atlántico |
As virxes salvaxes | Teatro do Noroeste |
Palabras en Pedra | Teatro en Punto |
Pinocchio | Teatro Ghazafelhos |
O estraño caso do Dentista da rúa Brasov | Troula Animación |
Crónica dunha heterosexual insatisfeita | Verdeveras Expresións Artísticas |