in

Público, votos, políticas culturais e outras cousas de meter

Políticas
Fotograma de A night at the Opera (1935), película dos irmáns Marx

O público é de seu.

Vaia por diante que non é real a expresión tan usada polas persoas que programan de:  “é que esta proposta non lle vai gustar ao meu público”. Ti non es dona de ninguén, moito menos do público e no que si deberías ter propiedade é en criterio, formación e, en moitos casos, educación básica para saberes que o dossier que tes no correo, ou a persoa que tes ao teléfono, está falando de algo seu, de si propia, porque as creacións escénicas si teñen autoría. Así, a comunicación sería máis eficaz e todas sairiamos satisfeitas de ir á feira.

Mais entendo que co concepto de público debe pasar como cos votos: teñen o costume de pegárselle posesivos e, como ben sabemos, pola vida cotiá non traen nada bo; os meus fillos, a miña muller, o meu home… Si, non me quero poñer pureta, pero a linguaxe designa unha maneira de pensamento, de funcionar na vida, e está en corrixir a nosa forma de expresarnos a revolución para modificar o anaco de realidade que nos tocou ocupar.

Publicidade

Cando falamos de público sempre nos movemos na demagoxia de dicir que non hai fórmulas, que non se sabe, ás veces acertas, outras o tempo, outras o fútbol… Que va! Si que sabemos facelo, pero debe ser como co dos votos e a política, non podemos camiñar por certos carreiros que saen da ruta oficial porque sabemos que o tirón de orellas está aí, e porque a relación de política e cultura está na base dos dous conceptos que dende hai tempo casaron nas “industrias” e denomínanse “política cultural”, que tantas alegrías e monumentos funerarios que se denominan “cidades” deu á tecnocracia.

Na miña intensa experiencia na Sala Ingrávida, fun quen de probar e analizar ao público con detemento, valentía e todo o rigor que pode ter unha persoa irreverente. Grazas a isto, podo formular dúas claves sen que me trema o pulso. Collan papel e boli, se queren, agardo sen problema:

A primeira, o traballo intenso na(s) liña(s) de programación. Iso é coñecer o tipo de espazo que temos, a súa contorna e axustar a liña a todo iso. Parece sinxelo, pero non sempre é. A importancia é radical, pois o público asiduo é o que trae ao público novo e para iso recomenda. Se, polo que sexa, a súa recomendación non se axusta porque a peza non ten nada que ver ca da semana anterior, pois a persoa recomendante non vai facelo máis e a persoa recomendada non vai volver, e isto semella un parágrafo no que fago unha chiscadela aos irmáns Marx: “A parte  contratante da primeira parte…” Tómeno en conta porque podo estirar o chicle co símil entre contratos, públicos e votos!

A segunda, a experiencia total (soa Wagner). Dende a decisión de mercar a entrada ata que se chega ao espazo: o trato, a empatía, a forma de atender, a función e o despois. En Ingrávida había persoas que me preguntaban se podían vir o día seguinte á posfunción… Penso que iso forma parte do magnetismo que teño (porque adoitaba guiar eu as posfuncións) e non llo debo á AstraZeneca!  [Inserte aquí os seus emojis de cariñas sorrintes e xiringas ]

Xa,  semella que non teño avoa… O que pasa é que collo vacacións e vinme arriba.

Pecho, así, esta Irreverencia, dando moitos azos aos teatros privados, esas naves do misterio. Porque, mirade, facer teatro é de tolas pero ter unha sala é apostar porque que outras poidamos facelo. E ás persoas que traballan nos teatros públicos, dicirlles que repasen as notas e reflexionen cos símiles propostos. Entre posesivos e políticas culturais está o xogo. Última recomendación: gocen dos festivais teatrais do verán que son as nosas verbenas; porque aquí, ademais, son excelentes.

Ata a volta, queridas irreverentes!!

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Programación do CDN

A próxima tempada do Centro Dramático Nacional terá acento galego

Festival de Almada

Presentada a programación do 38º Festival de Almada