in

O teatro comunitario como estratexia de creación de público na Sala Ingrávida

64580350 1669302479870515 8663174457390530560 n |

Cando falamos de traballos artísticos estamos a valorar a pegada que esa proposta deixa na sociedade, o que transcende son os traballos que reverten na sociedade á que pertencen; por controvertidos, por acertados, por molestos, por pertinentes… Un longo etcétera que se pode sintetizar na repercusión que ten no seu contexto.

Ben, pois cando un espazo cultural se implanta nun lugar, a primeira análise é a do territorio ao que pertence, e como dialogar co xa existente, como propoñer, debater, cuestionar e mellorar a realidade, en definitiva facer un oco, a poder ser imprescindíbel, na contorna.

É polo que un espazo cultural que vive de costas ao que o rodea ten os días contados, e só vive para esmorecer como proxecto, porén o espazo que enraíza dende o comezo, está destinado a ser decisivo para a comunidade.

Así é como o teatro naceu, da tribo, da comunidade que pedía ao xamán máis teatralidade, máis ficción, querían unha fe edulcorada polos efectos escénicos, e que mantivera a tensión e o interese ata o final da comuñón.

Xestionar un espazo cultural implica a preocupación pola creación e estabilidade do seu público. Como deseñar estratexias eficaces para manter a programación cun volume de público sustentábel para un sala teatral. Máis alá do marketing tradicional está o compromiso que os cidadáns desenvolven con ese proxecto cultural onde teñen que ser conscientes do consumo da programación. Como manter vivo o interese e como achegar formación a un público que está mergullado nunha crise económica que non deixa lugar a pensar en gastos culturais? Como sobrevivir xestionando e non morrer no intento.

O teatro comunitario é o que nos vai permitir devolverlle o público ao teatro. Son tendencia, así que axiña moda, os termos; compromiso social, barrio, comunitario… O que vai supor unha posta en valor do Teatro Comunitario que levan ensinando ao mundo as arxentinas e arxentinos dende o 1980.

Naceu no 1983 co grupo «Catalinas Sur», nas súas orixes pais e nais veciños, que debe o seu nome ao lugar onde se xuntaban, unha praza entre bloques de edificios na Boca. O nacemento foi político, por aqueles anos Arxentina vivía unha represión civil por parte do Estado enmascarada como «medidas de seguridade», estábanse acordoando os parques, as alamedas, deixando sen espazo público á cidadanía que ía perdendo os seus dereitos para converterse en presas do medo consumista que obrigaba a mercar alarmas, valos… Todo o que axudara o illamento social, debilitando así a forza e o encontro do colectivo. Pois nun intento de recuperar o público, o grupo Catalinas Sur, comezou por repolitizar os espazos e facerlle entender á comunidade que o barrio non era un foco de delincuencia e medo, porque o barrio somos todas e temos que vivilo, defendelo e gozalo.

A defensa da alegría prendeu como unha mecha e no 1996 outro grupo «Los Calandras», grupo de rúa profesional decide asentarse no barrio e facer teatro alí,dando así comezo á segunda etapa do Teatro Comunitario. Neste caso, este grupo profesional de rúa estaba farto de ir na procura de público e ver como esa estratexia non funcionaba.

No 1997 hai outro feito determinante, Catalinas Sur inaugura un espazo propio e deste xeito sabemos que a súa forma de entender o teatro ten un futuro inmenso.

Foi no 2001 cando o Teatro Comunitario triunfa dende Arxentina. O esforzo é recoñecido e comezan a elaborar a fórmula de creación e deseño do teatro comunitario, onde se reflexiona sobre as características, tendo moi en conta á hora de exportar a idea que as normas deben ser flexíbeis, atendendo á idiosincracia de cada lugar.


Publicidade

As influencias teatrais hai que buscalas no Agit Prop, no Teatro Campesiño de Váldez, nos movementos de rúa de San Francisco, no teatro antropolóxico de Barba e as súas experiencias en México… Brecht e a súa preocupación polo pensamento crítico a través do teatro, Boal e as súas técnicas do Teatro Foro.

Desde o Teatro Foro de Augusto Boal resignifican os espazos públicos e escriben dramaturxias específicas para as súas montaxes, partindo de historias propias achegadas polos participantes, o que fai do proceso unha viaxe, ás veces nostálxica e outras reveladora para todo o barrio que se ve implicado no deseño da proposta escénica. Normalmente teñen un espazo cedido por algunha asociación ou colectivo e é onde ensaian unha vez á semana, no verán é común que se trasladen á rúa. Hai casos como Los Calandras ou Catalinas Sur que teñen espazo propio, espazo que explotan económicamente pola semana con cursos de formación e a fin de semana como sala teatral. O espazo que escollen ou ocupan, normalmente é un lugar senlleiro do barrio. Combinan técnicas de teatro de rúa, teatro como arma social, de clown e música moita música para cantar as mágoas e dificultades da contorna, como se dunha murga gaditana se tratara, que canta para espantar e superar en comunidade a crise. A difusión é de boca a boca, pois ninguén do barrio quere perderse a festa da estrea, que é moi normal que remate en chourizada colectiva festexando o feito de estar nun barrio con boa saúde social. A maiores os patrocinadores e sponsors, incluso as institucións, colaboran; creando a Rede de Teatro Comunitario, facendo a cartelaría e demais. O traballo e a súa metodoloxía é parente das orixes da creación colectiva, cun formato horizontal onde todos os participantes achegan a todas as áreas de traballo. Traballan no sistema da dramaturxia participativa, onde os textos e as escenificacións están sometidas ao colectivo, e a asemblea toma decisións durante todo o proceso artístico. Este trazo característico fai que elementos como a interpretación e a dramaturxia non sexan elementos externos no proceso que hai que entender e memorizar, aquí isto non sucede, pois as participantes están dende a xénese construíndo o que se vai contar e como se vai contar, ten un resultado auténtico e ademais ninguén, agás o teatro comunitario ía contar esas historias, o que proporciona un plus de calidade e descubrimento, tanto para participantes como para público, no resultado final. A mobilidade do grupo é unha característica propia do traballo na comunidade. A súa natureza aberta, non exime de compromiso, non é unha barreira senón un trazo característico que permite elencos multitudinarios e resignifica o seu sentido, pois é da comunidade, que somos todas as que pertencemos a un territorio; barrio, vila, aldea… A idea de conxunto supera á individual. As participantes son moi conscientes que elas, de xeito indivudual, non conseguirían o éxito, polo que a defensa é do proxecto, non de nomes de persoas en cartel.

O Teatro Comunitario, ataca a globalización e aumenta o capital social, axuda a afastar o medo, o medo que nos impide volver a ocupar os espazos públicos. Fai que as persoas non se sintan soas e enclaustradas, senón que saian e conecten cos seus veciños e veciñas, participen activamente das decisións comunitarias da contorna e practiquen un exercicio similar á ágora grega. Devólvelle ao barrio a súa memoria e a súa autoestima, a través de dramaturxias colectivas, e procura, que a través de coñecementos de feitos históricos non volvamos repetir os mesmos erros.

por catro perras ingravida |

O máis importante é querer formar parte, pois os integrantes, agás a cúpula que adoitan ser profesionais, son actores e actrices afeccionados que a través dos cursos de formación, que en moitos casos imparten os profesionais que están anexados ao proxecto artístico, van mellorando a técnica escénica. Quizais a condición máis importante é pertencer ao territorio, pois esa é a chave para poder falar de calquera problema do barrio por miserento que sexa, mentres vivas no barrio podes falar del. O Teatro comunitario aglutina moitos estilos e formas de facer teatro que xa pasaron pola pátina do tempo; agitprop, teatro político, teatro campesiño, antropolóxico, de rúa, … No teatro comunitario podemos tocar todos eses estilos e seguimos na mesma onda, no mesmo lugar. É iso o que fai que triunfe porque está feito dende o lugar , dende o territorio, dende o que nos modifica a nosa forma de falar, de movernos, de pensar: a nosa contorna.

É un teatro do barrio para o barrio. As estreas paralizan as actividades do barrio, pois ninguén quere faltar a unha función na que van falar da historia da túa avoa, do cemiterio da vila…

En Ingrávida comezamos nesta tempada a realizar de cheo Teatro Comunitario, aplicando as súas características e reformulando outras novas, pois cambia o contexto. Entre as novidades é realizar o teatro en formato «Serie Teatral», onde se realiza un capítulo ao mes (6 capítulos) e ao final realízase unha Maratón, onde se pode ver a serie completa e ese día remátase con cea no teatro, para manter ese trazo de celebración colectiva e onde a posfunción fai do teatro un lugar de encontro e festexo social. Decidimos afrontar o proxecto dende a memoria, as historias que nos puideran contar arredor dos anos 60 e así, construímos unha estrutura dramatúrxica onde ordenar as anécdotas, traballando moito os mecanismos de transformación da narración á acción escénica, e poder presentar asi unha paisaxe da memoria escenificada. Evitamos o teatro documento que nos ía obrigar a un tempo grande de investigación que non tiñamos.

O resultado é a serie teatral Por catro perras!, onde cada capítulo obedece a unha temática; A verbena, O estraperlo, A ferida aberta, Misa de 12:00, Sesión de cine, O caruncho: industria lisérxica.

Foi tal o descubrimento que non só arrasa o proxecto a nível de participación, senón que é inxente a cantidade de historias que nos contan para que as traslademos ao teatro, quedando no tempo da posfunción, público e grupo, debatendo sobre: o punto de vista da dramaturxia, as técnicas usadas para a escenificación… Facendo da sala un encontro, que case sen darnos conta sucede unha vez ao mes e, asi transformamos a este público, na maioría dos casos alleo ao teatro, en participantes activos do Teatro Comunitario e na súa maioría novo público teatral, pois acaban asistindo máis dunha vez ao mes ao teatro.

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

soncc83ovoadora1 |

Os formatos teatrais de Voadora

Discurso sobre o filho-da-puta. Teatro da Rainha. Foto de Paulo Nuno Silva

Discurso sobre o filho-da-puta