O biopic de dúas horas faise excesivamente longo. Seguimos sen descubrir quen foi Carolina Otero, raíña pop da Belle Époque, artista francesa de acollida, bailarina exótica emigrante que decidiu mudar a súa pertenza de Valga a Cádiz. Hai modas que sempre volven. A Otero finxiu un marcado acento andaluz, modo de ocultación persistente que aínda hoxe escoitamos con diversos acentos imposibles nas capitais.
Supervivente longamente esquecida, María Félix levou a súa vida ao cinema. Non lle cadrou ser a Lola Montés de Max Ophüls. Tampouco agora renaceu a muller bandeira que só atoparemos bailando nun vídeo de YouTube durante un breve minuto nunha actuación moscovita datada de 1898. Carolina Otero, artista de gran sona do cabaré Folies Bergère, xirou longamente por cidades americanas e europeas segundo recolleu a prensa da época.
A bailarina principal desta ópera ballet en dous actos, Patricia Guerrero, é encantadora, mais en ningún intre destila ese conflito táctico da muller fatal que debeu ser a Bella Otero. Muller fantasmal, belísima e sinistra. Descoñecemos a súa achega espectacular á escena moderna cando en París sucedía de todo antes da Primeira Guerra Mundial.
Aburridas de escoitar que a Otero non foi unha gran cantante, nin actriz, nin bailarina. Entón, que perdura da súa arte e porque? A montaxe do Ballet Nacional non logra tourear a cuestión. Dúas horas, despois de 14 escenas de danza española executada con gran corrección, sen que nada apaixonante suceda, a historia pasa e non leva. A danza de grupos e solos fía longamente a vida da Otero aos continuos cambios de parella. Ela pasa sen que percibamos ningún interese, cambia ao mellor postor ata a caída en desgraza final, sen moita trastenda.
A escena da violación e dúas escenas sobre o xogo de casino poderían ser claves, pero o espectáculo dilúese nun musical braquísimo onde non hai nin un so espido. Nada picante, todo para todos os públicos. Non hai drama que acompañe a mestiza partitura musical dirixida por Manuel Busto e, cara o final, ata aparece Rasputin, Rubén Olmo, director e coreógrafo, que fai un cameo para xulgar a caída en desgraza da muller perdida. Carolina Otero, unha muller de mundo bregada -a encantadora Patricia Guerrero semella un anxo- non atopa a épica da fatalidade por ningures, ata o xogo coma adicción perigosa semella un divertimento lixeiro.
A apropiación cultural, a ludopatía, a prostitución e a violación semellaban temáticas perfectas para actualizar a exótica figura dunha Otero de gran formato, pero aínda en tempos covid hai que pensar na billeteira, apóstase por musicais politicamente correctos ata para rescatar unha muller fatal, artista picante de cabaré, que planificou unha exitosa carreira sobre o escándalo.
Se desexades descubrir unha das caras orixinais da Carolina Otero atoparédela nos versos sencillos de José Martí, nun emblemático poema titulado La bailarina española. En Cuba esta composición incorpora a dignidade do valor martiano e nas escolas, os pioneritos repiten versos ardentes do poeta nacional mentres descoñecen que está dedicado a unha galega non andaluza. A do Ballet Nacional aseméllase á Carolina do hit homónimo de MClan.
A Carolina Otero de Valga ten na saia un lagarto pintado, cando Carolina baila o lagarto dalle ó rabo. Se pasades pola vila pontevedresa, parade. Visitade o museo municipal colindante á Casa do Concello. Alí atoparedes reproducidos fermosos vestidos, fotos coloreadas e obxectos vintage que lembran á artista local máis internacional da vila: a fenomenal Carolina Otero, unha das cabareteiras máis famosas do París das cocottes, tan fotoxénica e longamente perdida coma recuperada atopamos na actualidade a Belle Époque.A