in , ,

Primeira finde no FIOT de Carballo

FIOT
Imaxe do FIOT de Carballo

Entre o jazz melancólico das “follas mortas” e o sentido comunitario dos rituais, coa súa circular corrente, emerxe, como cada outono, o salvavidas artístico do FIOT, “eterno retorno” onde o costume nunca se torna rutina. Seguindo a máxima de Heráclito, as artes escénicas en Carballo xamais se bañan no mesmo Anllóns.

Precisamente esa tensión entre o inevitable fluxo do cotiá e a necesidade humana de transcender a súa inercia foi, en fondo e forma, o punto común das tres pezas da programación do FIOT ás que asistín a fin de semana que inaugurou o mes de outubro. Tras unha complicada elección entre a variada oferta, decidinme: o venres 1 de outubro, polo espectáculo de rúa familiar A corda, de A vela circo; o sábado 2, por Déjà vu, de Manolo Alcántara, no marco da programación de Sala; e o domingo 3, por Camiños, de Paula Carballeira na Rúa dos Contos.

A corda e Déjà vu presentaron, ademais a urda condutora común de trasladar ao absurdo as accións tan habituais como erguerse polas mañás, vestirse, asearse ou ir traballar. Unha tradución que tan só a linguaxe transformadora do circo pode lograr de xeito tan eficaz como inesperado.

Publicidade

No caso de  A corda a compañía acadou a conexión co público infantil, por completo entregado a axudarlle á protagonista coas súas disparatadas dificultades. De feito, a nivel de interpretación dramática o peso recaeu sobre a aludida capacidade de comunicación, moi apoiada a nivel xestual e no código que tradicionalmente corresponde ao clown. Así, aínda que o ritmo decaeu nalgún momento e as condicións climatolóxicas non xogaron ao favor do espectáculo, ben é certo que aplaudo a proposta pola imprescindible acción de sacar as artes escénicas ás rúas e por captar a atención máis esixente e apaixonada, que é a da rapazada.

A Corda 2 |
Imaxe do FIOT de Carballo

No que atinxe a Déjà vu, poderiamos empezar por multiplicar a semántica da expresión francesa e facela extensible, por unha banda, á presenza de Manolo Alcántara e a súa maxia escénica no marco do FIOT, pois é a terceira vez que actúa no festival con distinto espectáculo e, por outra, á deliberada homenaxe que este novo proxecto realiza aos clásicos do cinema mudo como Chaplin ou Buster Keaton. Nese senso, a espectadora mantén a constante sensación de que “ten visto”, vivido, presenciado antes escenas similares de diferente maneira.

Deja vu 5 |
Imaxe de Rosinha Rojo

Esa aposta polo Déjà vu, en fondo e forma, ten tantas vantaxes como riscos e nese funámbulo tendido ante o horizonte de expectativas móvese, durante toda a función, quen a contempla. O xogo a favor destas e outras referencias citadas é que apelan directamente á memoria emocional do público. Resulta, así imposible, non sorrir ao recoñecer as repetidas aparicións dos simbólicos chapeus, incluído o xigante sobre o que xira o corpo do protagonista, mais tamén aqueles que lle serven de boomerang. O mesmo acontece co bastón ou coa perfecta estrutura que emula un armario e unha oficina á vez, sobre as que Manolo Alcántara executa todo tipo de acrobacias imposibles.

Ese xesto case melancólico que asoma no rostro de quen mira, desemboca na maior parte dos casos, ademais, nunha risa inevitable en canto o punto de absurdo acada niveis sorprendentes. A volta á calma, en moitas ocasións, volve acompañada dunha poesía escénica onde o corpo, a música e a fluidez dos acontecementos se suceden cunha harmonía e mestría ao alcance de moi poucos artistas escénicos.

Non obstante, o que vai en contra do Déjà vu é que resulta moi difícil crear unha peza de admiración aos clásicos, desde un dominio absoluto desa linguaxe, e á vez irromper, chegar a extremos dos que esta compañía sería capaz pola súa calidade e experiencia, como xa ten demostrado noutras ocasións.

En calquera caso, cómpre aclarar que esta última afirmación non escurece a impecable interpretación, a limpeza e destreza excelsas da expresión corporal, o ritmo nin o perfecto aparello de reloxería sonoro, que non pode ser máis coherente nin estar mellor integrado coa trama. Estamos no terreo da sublimación do novo circo e resulta un agasallo para os sentidos contemplar unha obra de arte que nos invita a transcender a rutina cotiá que critica e que logra situarnos nun “outro lugar”, o dos soños dunha outra existencia posible.

A un “outro lugar”, a camiños insospeitados, nos conduciron tamén os contos de Paula Carballeira, un clásico xa da literatura oral contemporánea dentro e fóra de Galicia. Da outra banda, no chicote contrario da teatralidade muda das pezas anteriores, aparece coma a néboa da noite que a autora relata, a voz inconfundible desta muller que é teatro en si mesma, poesía e acción.

FIOT 308218 |
Imaxe do FIOT de Carballo

Hai poucos privilexios maiores que sentar a que che envolvan entre relatos antes de durmir. Nese senso, a trama de Paula Carballeira, a arañeira do seu tecido narrativo é un dos máis luxosos teares onde enredar. Ben é certo que a naturalidade e destreza con que zurce as historias fan que tal fazaña semelle doada. Pero aparecer soa en escena, sen máis elemento que corpo, memoria e voz, e armar semellante escenografía literaria supón un reto moito máis complexo do que parece.

Tras contemplar as tres propostas, cuxa meta común era unha viraxe inesperada na inercia da existencia sometida á rutina, resultaba natural a transformación e a translación a outras realidades posibles. Dese xeito, unha non é a mesma antes e despois das funcións admiradas; unha, como lle acontece ás artes escénicas en Carballo, no marco do FIOT, nunca se baña dúas veces no mesmo Anllóns.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Rosalía Fernández

Rosalía Fernández

Rosalía Fernández Rial (1988) é licenciada en filoloxía, doutora en didáctica das linguas USC e ten formación en artes escénicas e musicais. Pero, sobre todo e desde moi nova, dedícase á escrita. Como poeta ten publicados os seguintes libros: 'En clave de sol' (2009), 'Átonos' (2011), 'Vinte en escena' (2012), 'Un mar de sensacións' (2012), 'Ningún amante sabe conducir' (2014), 'Contra-acción' (2016) ou 'Sacar a bailar' (2016) e 'Árbores no deserto' (2020). Como narradora publicou o libro de relatos 'Bonus track' (2018) e no ámbito do ensaio destaca o traballo 'Aulas sen paredes' (libro-DVD, 2016), onde experimenta coa expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para o ensino e aprendizaxe de linguas.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ivan Villar Mejor Interprete Masculino de Danza Premios Max |

Iván Villar gaña o Premio Max ao Mellor Intérprete Masculino de Danza por ‘Leira’, de Nova Galega de Danza

Xornadas profesionais Escena Galega

O FIOT acolle as xornadas profesionais de Escena Galega