in

Unha imaxe a pé de páxina

Foto de Pablo Carrera
Foto de Pablo Carrera

Creo que a primeira vez que lin algo sobre o teatro foi nos últimos anos de primaria. Si, esa etapa tan importante e tan esquecida por nós mesmos. Pasa o tempo e malamente lembramos aqueles cursos fantásticos, pero en cambio, eses anos non acaban por irse de todo da cabeza. As sensacións quedan e tamén pequenas lembranzas fugaces de momentos que, no seu presente, o foron todo.

O caso é que eu debía ter uns, por redondear, digamos dez anos. E nun dos libros aqueles, imaxino que no de lingua castelá, falábase, intúo, dos diferentes xéneros literarios. E alí, nunha esquina, case a pé de páxina, o teatro.

Outro día falamos do porqué ao teatro sempre lle toca ser a anécdota ao final da lección.

Pero volvamos a aquela aula. Imaxinade as paredes divertidas, as baldosas frías e as pequenas mesas verdes. Nenos e nenas corricando, un encerado cheo de cousas e ese cheiro a infancia que o impregna todo.

Na esquina inferior dereita había unha foto. Era dunha representación dalgunha obra de época, ou iso quero recordar. O texto trataba de explicar a idea do aparte, a imaxe trataba de ilustrar ese concepto e os alumnos trataban de entender algo.

Lembro a actriz da fotografía. Lixeiramente apartada dos seus compañeiros e dicíndolle ao público algún segredo que non podía confesar aos outros personaxes.

A clase seguiu, claro. Pero eu, que sempre fun un pouco despistado, fiquei naquela imaxe. Tanto que, en certo modo, aínda sigo alí.


Publicidade

Dende aquel momento o xerme do teatro non fixo máis que ir facéndose oco. Pasaron anos ata que empecei a facer teatro, anos ata que empecei a estudalo con seriedade e algúns anos máis ata que puiden dedicarme profesionalmente.

Foi un camiño longo e tortuoso que me foi definindo como persoa. Pero nada do que fixen ou son tería pasado, probablemente, sen a fascinación que levantou en min aquela pequena imaxe na esquina da páxina dun libro de primaria.

Imaxino que agora de teatro xa non se fala na primaria. Se xa por aquel entón era unha anécdota, agora será unha vaga lembranza, unha pantasma ou un apunte rápido. Con sorte. O máis probable é a nada.

A nada é ese lugar que non existe pero que se come todo aquilo no que deixamos de pensar. É, tal vez, un sitio peor que a morte. A vida moitas veces consiste en loitar contra iso tratando, constantemente, de alcanzar ese aquel que nos manteña no tempo para sempre. Ou polo menos pretendemos que esa ilusión non se desfaga.

O teatro salva. A pouco que se lle deixa espazo, aparece como un forte de inmenso poder positivo. Por iso pregunto: Puido o teatro algunha vez xerar algo tan negativo que xustifique quedar relegado a unha nota a pé de páxina no libros de texto?

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Nuria Sotelo en Mortais e vulnerables

Nuria Sotelo estrea ‘Mortais e vulnerables’ no FITO de Ourense

Greenpiss

Greenpiss