Crítica

‘Cigarreiras’

Imaxe de Basilio Bello

A loita pola dignidade

Si es lo que yo os predico siempre [..]. Los peorcitos están arriba, arriba. Quien no lo ve, ciego es. Ínterin no agarre el pueblo soberano una escoba de silbarda [..] y barra sin misericordia las altas esferas… ¡ya me entendéis!

Emilia Pardo Bazán, La Tribuna.

 

Momentos históricos como os que estamos a vivir, con peches de grandes fábricas e industrias, con empresas que non teñen ningún tipo de escrúpulo á hora de botar fóra a centos de empregadxs –ER(T)E en man–, pechando e abrindo a pracer segundo onde sopren os ventos do maior beneficio económico, chaman sen dúbida á memoria daqueles tempos onde a loita social polos dereitos laborais levou á humanidade a unha época de prosperidade e benestar social como non se tiña visto até entón.

Certo que, finalmente, todas aquelas loitas sociais e sindicais acabaron mantendo un sistema –o capitalista–, que en pouco acaba beneficiando ax traballador/x, converténdoo nun novo ben de consumo para usar e tirar a gusto do capital. Mais, quen podía sospeitar que o comunismo había fracasar como sistema político e social?

Cigarreiras é unha peza que nos leva a aqueles tempos pretéritos de loita e comunidade, onde todo era posíbel porque todo estaba por facer, e mesmo xs poderosxs –que curiosamente seguen a ser xs mesmxs de sempre–, eran se cadra máis inxenuos ca os de hoxe, e acabaron aceptando a mellora das condicións laborais (unha mellora que basicamente establecía un mínimo de dignidade).

Se cadra isto sexa o que nos conte esta produción dirixida por Cándido Pazó: a loita pola dignidade persoal, tanto dende o laboral como dende o privado, se é que isto se pode separar nalgún momento. Pazó firma tamén a adaptación do texto, extraído da novela La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, a nosa singular condesa que tanto vivía os seus privilexios de aristócrata como defendía os dereitos básicos dxs traballadorxs.

Pasa Dona Emilia por Cigarreiras a modo de narradora omnisciente, xogando nos pregues temporais do presente e do pasado (e mesmo dos tempos ficcionais da súa propia novela), intervindo tanto nos acontecementos que ela mesma narra como comentando a xogada ao público. Convértese así no fío condutor que abre e pecha a trama, levada pola dirección de Pazó dun xeito moi cinematográfico, como se estiveramos vendo un episodio de Cuéntame no século XIX.

Esta elección de narratividade fai que camiñemos sempre da man da relatora, perdendo un tanto o foco dramático dos acontecementos, que suceden un tras doutro a modo de escenas independentes, marcadas polas entradas e saídas das cigarreiras ás que alude o título. As cancións coas que as actrices amenizan o seu ir e vir enganchan ao público co seu aire de protesta, remarcado polo seu número final, que pecha a peza cun berro republicano coreado dende a bancada.

Sen dúbida o feito de seren mulleres axuda a esta conexión co público. La Tribuna ambiéntase na loita polos dereitos laborais das traballadoras da Fábrica de Tabacos de A Coruña durante a crise política que entre 1868 e 1873 levou á caída en desgraza da raíña Isabel II e á posterior proclamación da I República, tempos se cadra pouco estudados da nosa historia, e que curiosamente teñen sonoros ecos no presente.

Neste grupo de traballadoras, podemos resoar cos dramas de mulleres que apenas teñen con que levar o pan para casa, con rapazas que coidan de pais tolleitos e/ou irmáns pequenos, con nais ás que lles levan os fillos a guerras alleas, con mulleres maltratadas ou con namoradas que han ficar para sempre solteiras, xa que as súas relacións amorosas con homes de clase económica e social superior as condena case que ao ostracismo. Un mundo de miseria feminina do que todxs vimos e que non está tan lonxe como quixeramos.

De entre todas elas, destaca o personaxe de Amparo, a Tribuna que co seu ben falar e ardor combativo convértese na cabeza visíbel da loita pola dignidade laboral das cigarreiras. Unha Amparo interpretada con afouteza por Tamara Canosa, e á que secunda un reparto solvente, enteiramente feminino, e con nomes de sobrada experiencia escénica como os de Ana Santos, Covadonga Berdiñas ou Mercedes Castro, que xunto con Isa Naveira e Ledicia Sola completan o reparto de traballadoras. Un pouco a parte, como observadora e comentarista da súa propia obra, unha Emilia Pardo Bazán interpretada de novo por Susana Dans, xa que a actriz coruñesa coñecía xa as saias da condesa dende que a interpretase no filme Emilia Pardo Bazán, la condesa rebelde (2011) e aínda de novo coa lectura dramatizada que da obra de Dorotea Bárcena, As mulleres do porvir, dirixiu Tito Asorey no 2020.

Como ben comenta a mesma condesa de Pardo Bazán, a súa novela pretende aires naturalistas na súa investigación do popular, e así entendemos a ambientación da proposta, con vestiario de época e un espazo escénico a modo de muro da Fábrica de Tabacos, con rúas a ámbolos lados por onde entran e saen as cigarreiras co seu tabaco.

Se cadra poderiamos tamén ambientar esta peza nas mesmas folgas que as empregadas de ZARA ou H&M manteñen a día de hoxe, salvando as distancias, pois o que botamos hoxe en falta é precisamente unha Tribuna que fale alto e claro sobre as súas precarias condicións laborais, que dalgún xeito seguen a ser denunciadas polo baixo.

 

Ficha artística

Elenco: Susana Dans, Ledicia Sola, Ana Santos, Isa Naveira, Tamara Canosa, Covadonga Berdiñas, Mercedes Castro

Escenografía: Dani Trillo

Iluminación: Afonso Castro

Música: Manuel Riveiro

Vestiario: Martina Cambeiro

Deseño gráfico: Plan B Estudio

Axudante de dirección: Antonio Mourelos

Produción executiva: Belén Pichel

Adaptación e Dirección: Cándido Pazó

 

Autidorio do Concello de Vigo. 5 de novembro de 2021.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos