in , ,

‘Cigarreiras’, de Contraproducións, gaña o Premio do Público da 30ª edición do FIOT

FIOT 30 Cigarreiras © Vanessa Rábade |
Imaxe de Vanessa Rábade

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, FIOT, vén de dar a coñecer o palmarés da súa trixésima edición, celebrada entre os días 24 de setembro e 29 de outubro. O público decidiu, cos seus votos, escoller o espectáculo Cigarreiras, de Contraproducións, como a mellor obra do Programa de Sala do FIOT30. Cunha elevada puntuación (9,32 sobre 10), a peza dirixida por Cándido Pazó, que realizou unha residencia e preestrea no Pazo de Cultura no mes de setembro, resultou a clara vencedora dunha edición na que o público recoñeceu a calidade da programación dos espectáculos, nos que a media da liña de Sala acadou os 8,43 puntos. No segundo lugar, a peza máis valorada foi Solo un metro de distancia, de Serena Producciones, e Greenpiss, de Yllanna, completa o podio deste FIOT.

Xunto ao Premio do Público do Programa de Sala, as espectadoras e espectadores do FIOT tamén tiveron ocasión de escoller a peza e a interpretación máis salientables, segundo o seu criterio, do V Certame de Microescenas Metro Cadrado, celebrado os sábados 9, 16 e 23 de outubro. A proposta OldPlay, de Antón Coucheiro, creada para desenvolver no parque infantil do Parque de Anllóns, foi a vencedora na categoría de mellor obra, mentres que Sara Guerrero, creadora de A miña casa é un palco de música, obtivo o recoñecemento á mellor interpretación. Cada premio do Metro Cadrado conta cunha dotación económica de 150 euros.

XX Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís

O FIOT30 bota o pano hoxe coa celebración da entrega de premios co concurso escolar de Teatro Lido, que neste 2021 festexa o seu 20º aniversario. A iniciativa consegue, desde hai dúas décadas, que as voces máis novas de Bergantiños cheguen a todos os recunchos da comarca a través das ondas radiofónicas.


Publicidade

Nesta edición participaron un total de 24 grupos, formados por de 150 rapazas e rapaces de 10 centros escolares de Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha e Laxe. Por mor da COVID-19, este ano unicamente catro grupos de escolares, os finalistas do certame, tiveron ocasión de facer a súa lectura dramatizada en estudios profesionais de radio, e que volverán facer diante do público esta tarde no auditorio do Pazo da Cultura. A gala, aberta ao público familiar, comezará ás 18.00 horas e contará co actor Fran Rei como mestre de cerimonias.

O XX Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís conta con dúas categorías: unha para grupos de Educación Primaria e Infantil, e outra de grupos da ESO, Bacharelato ou CF grao medio. No primeiro caso, os colectivos finalistas son o grupo Xoaniña, de 3º de EP do CEIP Canosa-Rus, coa peza Exemplo a seguir; e o grupo Cristinatreiros, de 3º EP do CEIP Plurilingüe A Cristina, coa obra O conto dos sete medos. No caso da 2ª categoría, as propostas finalistas son Segredos abertos, do grupo Areeiras de 4º ESO do CPI Cabo da Area, e Unha avoa a catro patas, calcetíns e gravatas, do grupo Calcetíns de 2º ESO do IES Alfredo Brañas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Erregueté Premio da Crítica

A erregueté recibe o Premio da Crítica de Galicia 2021 polo número 100 da publicación

Cigarreiras 2 |

‘Cigarreiras’