in

A erregueté recibe o Premio da Crítica de Galicia 2021 polo número 100 da publicación

Erregueté Premio da Crítica

O Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Artes Escénicas recaeu este ano na erregueté | Revista Galega de Teatro. Trátase dun galardón outorgado á edición do número 100 da publicación, que supuxo un fito importante na historia da revista.

O xurado destacou a dificultade na elección do premio e a calidade do traballo das finalistas, entre as que estaban Marta Alonso Tejada e a compañía Sarabela.

Durante a gala, celebrada hoxe no Centro Social AFundación de Vigo, o director da erregueté, Afonso Becerra, agradeceu o premio en nome de todos os membros da revista e destacou a publicación como “unha peza fundamental da nosa cultura”. “Non hai idioma abondo para recoñecérmonos, por iso necesitamos a danza, a música, o teatro e o circo. A memoria da danza, do teatro e do circo está recollida aquí: na erregueté“, subliñou.

Becerra, que convidou a xente a susbcribirse, recoñeceu o compromiso da revista coas nosas artes escénicas a través de iniciativas como a próxima publicación da colección de textos dramáticos en formato libro. Así mesmo, a erregueté quere agradecer especialmente o traballo de Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso polo seu traballo na edición do número especial galardoado.

Premios con historia

Os Premios da Crítica Galicia convócanse desde 1978, ano en que foron creados polo Círculo Orensán Vigués. En 1992 fíxose cargo deles a Fundación Premios da Crítica Galicia. Concédense en varias modalidades: creación literaria, ensaio e pensamento, investigación, música, artes escénicas…

O xurado na modalidade de artes escénicas desta edición estivo formado por Xavier Castiñeira Blanco, director de escena, docente na ESAD de Galicia e fundador da compañía teatral ButacaZero; Raquel Castro, escritora, profesora e presidenta da Asociación Teatral de Alxén;  Marcelino de Santiago Kukas, artista, dramaturgo, director, escenógrafo e fundador da compañía Os Monicreques, gañador da edición anterior; Iván Fernández, actor, director, dramaturgo e profesor de teatro;  Carmen Méndez, actriz e membro da Directiva da Academia Galega do Audiovisual;  Marta Pérez, actriz, creadora escénica e directora de Inversa Teatro e Malores Villanueva, Secretaría dos Premios da Crítica Galicia.

Os 100 números da erregueté

A revista, que celebra o vindeiro ano o seu 39 aniversario, publicou durante o ano 2020 a edición especial do número 100, un fito de relevancia para a historia da publicación nun ano onde a pandemia paralizou o mundo e as artes escénicas.


Publicidade

Esta publicación especial inclúe unha panorámica da evolución da publicación nas últimas décadas, así como o seu diálogo co panorama escénico dos últimos tempos. No editorial que abre a revista, a directora da publicación ata 2020, Vanesa Sotelo, sinala que a través do número 100 é posible viaxar na nosa historia e pasar da década de 1920 co teatro do Grupo Nós a proxectar o horizonte teatral de 2030.

O número 100 da erregueté tamén presenta un amplo abano de conversas entre creadoras, así como un nutrido conxunto de artigos que abordan desde a cuestión do teatro para a infancia ao teatro de monicreques, pasando polo estado da crítica teatral e a importancia de contar cun plan das artes escénicas en Galicia.

Ademais, no volume premiado, que conta na portada cunha ilustración do pintor galego Antón Pulido, deseñada exclusivamente para a revista, inclúense dous novos textos de creación, que se suman á colección de Dramaturxia Contemporánea da erreguetéOs Satélite, de Ricard Gázquez, obra gañadora do XLIV Premi Born de Teatre, na tradución de Tamara Andrés; e Materna, de Xesús Pisón.

 

Queres o número 100 da erregueté? Podes adquirir esta edición especial na Libraría Abrente.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe promocional coproducion Relato para un incendio |

A compañía A Antena vai coproducir co CDG ‘Relato para un incendio’, de Ernesto Is

FIOT 30 Cigarreiras © Vanessa Rábade |

‘Cigarreiras’, de Contraproducións, gaña o Premio do Público da 30ª edición do FIOT