A OV430 clausura esta semana a súa xira Xacobeo 21-22. Tras os seis primeiros concertos, esta fin de semana, Betanzos, A Coruña e Vilalba terán a oportunidade de gozar do Programa III, unha proposta interdisciplinar que combina unha selección de arias da ópera Alcina de Händel coa danza das coreografías de Alejandra Balboa. Ademais, a Orquestra Barroca Vigo 430 interpretará o programa xunto á soprano Eugenia Boix, e contará con Pavel Amilcar como director.
Unha illa afastada onde nada é o que parece. Bellísimas flores e animais exuberantes que algunha vez foron humanos, amantes de Alcina, feiticeira e matriarca da illa. O amor é a súa procura e baixo o seu feitizo, caen rendidos os viaxeiros aos seus pés. O amor verdadeiro é a súa procura. Pero chegou o cabaleiro Ruggiero e con el, unha serie de triángulos amorosos que o cambiarán absolutamente todo. Alcina terao todo e perderao todo.
Baseado en Orlando o Furioso do poeta italiano Ludovico Ariosto, G. F. Händel compón en 1735 a ópera Alcina e inclúe varias danzas con acentuado estilo francés para que fosen bailadas pola renombrada bailarina e coreógrafa francesa Marie Sallé. 286 anos despois, este proxecto de Alcina toma aberturas, arias, sinfonías e danzas da ópera, querendo crear un fío condutor que mezclea o discurso operístico handeliano —interpretado con criterios históricos— e unha concepción escénica contemporánea actual, onde música e danza convidan o espectador a recrear a ilusión dunha illa enfeitizada e hipnótica… Onde conto e movemento vólvense imaxe, onde o corpo faise son, onde todo é posible.
O venres 19 poderá verse en Betanzos. E o domingo 21 en A Coruña, no Museo de Belas Artes, a partir das 12:30 horas, e no Auditorio de Vilalba a partir das 19:00 horas.
Con estes tres concertos péchase a primeira xira Xacobeo 21-22 da Orquestra Vigo 430. Unha xira que conta coa produción de Zarpa Music, e que pode seguirse en streaming grazas á colaboración establecida con Tolemias. Unha experiencia posible grazas ao apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, e que que permitiu que a Orquestra Vigo 430 representase antes os seus programas en Allariz, Mondoñedo, Viveiro, Culleredo, Lugo e Monforte con éxito notable.