in

Homenaxe a Manuel Lourenzo

Detalle do cartel para o Festival Internacional de Teatre de Sitges. Obra de Isaac Díaz Pardo.
Detalle do cartel para o Festival Internacional de Teatre de Sitges. Obra de Isaac Díaz Pardo.

Hoxe é domingo 19 de decembro de 2021, día de feira en Becerreá, igual que o 19 e o 3 de cada mes. Hoxe, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a federación de asociacións culturais Galiza Cultura celebra unha grande homenaxe a Manuel Lourenzo.

Aínda lembro o moito que desfrutamos cando lle dedicamos a XV Noite Poética A Pipa de Becerreá, o 29 de decembro de 2007, organizada pola Asociación Cultural A Pipa da vila ancaresa.

O Valadouro é un mundo, igual ca o é os Ancares, velaí a pegada no cinema de Oliver Laxe, por exemplo, velaí as orixes da orixinalidade da obra dramática de Lourenzo.

A terra igual que pode dar froitos, as fabas de Lourenzá, as castañas dos Ancares, tamén pode dar dramaturgos, aínda que estes sexan unha especie rara. Pero habelos hainos e cómpre celebralos.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a AELG, pediunos un texto para sumarse á grande homenaxe coa que festexamos este home do teatro. Eu redactei unhas liñas que reproduzo a continuación e coas que a erregueté | Revista Galega de Teatro tamén quere unirse a ese recoñecemento. Unha honra para un ser bo e xeneroso, a quen sempre que llo pedimos colaborou con nós.

Con todo o meu agarimo e admiración, Manuel!


Publicidade

“MANUEL LOURENZO é o dramaturgo máis prolífico da historia do teatro galego, con máis de trescentas pezas de diferentes formatos, xéneros e estilos. Todas as súas pezas poñen en valor, a partes iguais, o literario e o teatral. A dramaturxia de Lourenzo asenta na palabra, explorando todas as súas capacidades performativas (na súa capacidade para facer e actuar, para mover), plásticas (na súa rendibilidade para xerar imaxes), sonoras (na exploración da musicalidade e de todos os seus reflexos) e ideolóxicas (porque nos seus textos o pensamento e as ideas ferven).

A obra de Lourenzo é, en si mesma, unha institución teatral de grande robustez e flexibilidade para atravesar os tempos e as modas. Nela conviven os mitos coas pequenas grandes historias do presente. Nelas entra o máis terrible e o máis marabilloso da condición humana.

Grazas a Lourenzo, desde mediados dos anos 60 até a actualidade, a praza pública do teatro, esa asemblea que se pensa xogando nos escenarios, nunca estivo baleira nin ficou pobre ou encollida.

Por iso Manuel Lourenzo soborda a Letra E de escritor, que lle concedeu a AELG, como máxima homenaxe, coa letra D de dramaturgo, porque a súa escrita salta dos libros á praza pública, a través dos corpos, as voces e o xogo teatral. Galiza é máis Galiza e nós somos máis nós na dramaturxia de Lourenzo.”

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ManuelLourenzoPorXulioGil |

O Teatro Rosalía de Castro acolle unha festa en homenaxe a Manuel Lourenzo

La Scortecata

La Scortecata