in

Circo de Nadal

269844914 339147081367985 93914357367465367 n |
Imaxe de Trece Amarillo

Onde todo é posíbel

Dentro da intensa programación coa que o Concello de Vigo agasalla a veciñxs da cidade e visitantes  polo Nadal, unha das máis interesantes atraccións é a do Circo de Nadal, un espectáculo que recupera o aire de fantasía romántica propia dos circos de toda a vida, cheo de maxia e números de impresionante pericia acrobática.

O Circo de Nadal consegue devolvernos  ao sentimento asociado con estas datas, grazas á súa humildade, exenta de excesos luminiscentes. O convite é a entrar nun mundo de soños, e vaia se a xente entra. O Circo de Nadal esgotou os billetes dende que abriu a súa carpa ao público, o pasado 4 de decembro até o 9 de xaneiro.

Así pois, benvidxs ao Circo! (Música de orquestra.)

O espectáculo divídese en dúas quendas, separadas por un descanso, chegando aos 90 minutos de duración. Algo accesíbel para a gran cantidade de pícarxs que acoden ás súas gradas, para quen están pensadas tamén outras distraccións como os flocos de millo ou a venda de souvenirs.

O circo, como corresponde, ten unha pista redonda que lembra a súa orixe cabalar, e será nesta pista onde aconteza a maxia, acompañada, en todo momento, por unha orquestra e unha música moi efectiva, con diferentes aires para cada número. É de agradecer tamén o acompañamento que nos fixo a orquestra durante a entrada e os intermedios, con cancións asociadas ao Nadal en versión de estilo jazz. Tivemos mesmo unha jam session que nos sorprendeu gratamente.

A liña dramatúrxica que fía a sucesión de números está pensada para levarnos ao mundo da fantasía: un ser máxico, unha especie de fada do Nadal, convídanos a escribir unha carta expresando os nosos desexos, xa que a maxia do Nadal é quen de facelos posíbeis. Esta fada, encarnada pola cantante Alexandra Sánchez, acompañará, de cando en vez, a evolución dos números, actuando mesmo como unha estrela xiratoria no número de acrobacia de Illari Delgado, cantando temas coñecidos como All I Want For Christmas Is You, Fly Me To The Moon, etc.

Pola pista pasa a unha serie de seres que habitan este mundo romántico, que nos lembra un tanto xs veciñxs do Barrio Latino da Bohème, a ópera de Puccini de ambientación invernal. Estes personaxes teñen cadanseu desexo por cumprir: a parella de namorados, a rapaza soñadora, o carteiro, o xeadeiro, o pallaso ou un indixente que dorme nun banco pasando frío.


Publicidade

Cada un destes personaxes pasará pola escena para escribir a súa carta máxica mentres desenvolve o seu número circense. Pasaremos, xa que logo, por números de acrobacia diversos, con voos de trapecistas e pericias de forza e equilibrismo, tanto a peso como sobre a corda frouxa ou a bicicleta (un número que lembra, precisamente, os primeiros espectáculos sobre cabalos que deron orixe ao circo), malabares, patíns e, por suposto, o pallaso que, neste caso, andaba algo cabreado porque non lle funcionaba o asunto da carta máxica.

Todos os números están executados por profesionais do virtuosismo circense, verdadeiros atletas de orixes e procedencias diversas, que lle dan ao espectáculo ese aire de “familia mundial” que sempre tivo o circo. Dende Colombia a Rusia, pasando por Venezuela, Canadá e varias das provincias españolas, a troupe convértese nunha comunidade internacional, incluíndo ao malabarista galego Noel Fandiño, quen é o encargado dos imprescindíbeis números de xogo con mazas e pelotas.

Se ben é certo que o espectáculo decorre de xeito áxil e enganchando ao público. Se cadra, atopamos unha certa descompensación entre a primeira e a segunda parte, polo feito de abrir con números tan espectaculares e que xa usan as acrobacias no aire, que volver a pasar por números que utilizan o mesmo recurso (malia a diferenza entre eles e, volvo dicir, a enorme pericia dxs executantes) réstalle un tanto ao crescendo de sorpresa esperable.

Con todo, a rapazada permanece fascinada polo efectismo ilusionista dos números, pensados para engancharnos ata o “non vai máis” co que adoitan rematar as demostracións, onde moitas veces nos sorprendemos aguantando o alento coa tensión.

Finalmente, e para alegría de todxs, cada un dxs participantes acada o seu desexo cumprido e así somos quen de volver a crer na maxia do Nadal, algo que xs cativxs teñen a man, pero que nós, adultxs, se cadra, esquecemos e que está moi ben lembrar de cando en vez.

Tal é a maxia do Circo do Nadal. Volvemos a soñar?

(Música de orquestra.)

Circo de Nadal, de Culturinvest

O Elenco: Camilo Caicedo (pole aéreo e equilibrio con cadeiras), Richard Javier Guerrero Murias (roda cyr, hand to hand, aerial straps), Alexandra Ostashina (hand to hand, aerial straps), Stephanie Bouchard (funambulismo), Rubén Martín (bicicleta acrobática), Fuman (clown musical), Noel Fandiño (malabares e maxia),  Illari Delgado (acróbata aéreo), Alexandra Sánchez (cantante e bailarina)

A Orquestra: Alberto López (percusión), Iván Gulín (violín, contrabaixo e cantante lírico), Lucas Rafael Castellano (saxo e acordeón), David Lojo (piano e trompeta)

Mozos de pista: Marcos Blanco, Sito Rodríguez

Dramaturxia e Dirección: Paulo Medal

Coreografía: Alicia Rodríguez

Vestiario: Ali Otero

Espazo Sonoro: Isaac Millán

Iluminación: Orquestra París de Noia

Escenografía: Eufrasio Lucena, Omar Khattar

Coordinación Infraestrutura: Claudio Torralvo

Encargado de Estruturas Escénicas: Luís Medal

Técnico en alturas e Mantemento: Peter Vajda

Produción Executiva: Xandre Vázquez

 

Gran Carpa da Avenida Castelao, Vigo. 2 de xaneiro de 2022.

 

O Circo de Nadal estendeu a súa carpa con tres funcións diarias desde o 4 de decembro ata o 9 de xaneiro.

 

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Demente de Fran Sieira

Vigocultura presenta a súa nova programación, que leva a Vigo 20 pezas de artes escénicas entre os meses de xaneiro e abril

Foto Juancho Gianzo.Erregueté |

Juancho Gianzo: “Matarile está tendo unha boa aceptación, pero a min gustaríame o que é xusto o meu traballo: conseguir que todo vaia a mellor”