in ,

Juancho Gianzo: “Matarile está tendo unha boa aceptación, pero a min gustaríame o que é xusto o meu traballo: conseguir que todo vaia a mellor”

Foto Juancho Gianzo.Erregueté scaled |
Imaxe de Iván Nespereira

Puidemos asistir a un dos ensaios, cando Matarile estaba a preparar a súa última peza, INLOCA, en coprodución co CDN e que  se estrea no Teatro María Guerrero de Madrid, logo dunha serie de presentacións da súa anterior produción, El diablo en la playa no Teatro de la Abadía da mesma cidade. Durante este tempo, tivemos a sorte de entrevistar a Juancho Gianzo (Santiago de Compostela, 1980), encargado da produción da compañía dende o 2017, e poder así falar con el de aspectos que, se cadra, teñen que ver co que acontece máis alá do palco, e que resultan imprescindíbeis para que unha produción poida chegar ata o escenario.

Como chegaches ao teatro?

JUANCHO GIANZO.- Pois cheguei ao teatro porque son o cuñado de Xesús Ron, e a través de Xavi (o meu marido) coñecín a Sala Nasa, onde me afeccionei moito ao teatro e á danza contemporánea, ata o punto que ía catro ou cinco días á semana. Vía absolutamente todo o que había. Namorei do teatro como espectador, porque eu, en ningún momento, pretendía traballar neste eido. Non foi ata que marchei a Barcelona a estudar moda, formándome en vestiario para o audiovisual e o teatro, que comecei a traballar neste campo, facendo precisamente o vestiario para Chévere, algo que me gustou bastante. Nese tempo, Patricia de Lorenzo – que é moi lista -, vendo como me organizo, díxome que podía ser moi bo para a produción. Ofrecéronme facela para Testosterona e aí comecei neste novo campo, quedándome con eles tres anos. Foron a miña escola e son a miña familia.

Publicidade

E entón?

JG.- Fixen con eles varios espectáculos, e a partir de 2012 comecei como produtor freelance, traballando moito no eido audiovisual. Fixen a produción de Escenas do cambio na Cidade da Cultura e xusto na súa terceira edición, en 2017, coñecín a Ana Vallés e Baltasar Patiño, que estaban programados con Antes de la metralla.

Como foi ese encontro?

JG.- Houbo un frechazo. Gustámonos mutuamente e cando rematou o festival, escribinlles directamente, ofrecendo a miña axuda para proxectos concretos ou cousas esporádicas, e Ana contestoume que non, que me quería como produtor para a compañía. Entrei en abril do 2017 e ata hoxe.

E que tal?

JG.- Estou súper feliz. Non quero estar noutro sitio. E non o digo porque se me estea a gravar, dígoo en serio. A pesar do teatro.

Cóntame iso.

JG.- É un medio difícil, precario, onde o recoñecemento non sempre vén acompañado de recursos.

Como ves á compañía dende a túa posición?

Publicidade

JG.- Matarile leva moitos anos con picos, e penso que agora está no seu mellor momento, tanto a nivel creativo como de recoñecemento, sendo certo que ten pasado por intres moi bos e de moita repercusión, tanto a nivel estatal coma internacional. Hai que pensar que Matarile ten viaxado a 27 países estranxeiros, algo que poucas compañías galegas poden afirmar.

INLOCA EQUIPO 3 |
Imaxe de Edición Rusa

Falabas antes de que este recoñecemento non sempre vén acompañado de medios. Como se traduce o momento que está a vivir Matarile no que atinxe á produción?

JG.- Non ten unha tradución directa, non hai compensación. Matarile é unha compañía de poucos bolos, que adoitan venderse unha vez a peza está xa estreada, non antes. Imos a sitios fantásticos, con moi bos teatros e moito público… pero son poucos bolos. Con isto quero dicir que aínda que esteamos a vivir un bo momento, teño a sensación de estar sempre correndo, a buscar o xeito de seguir para adiante. A distribución é complicada, e unha boa produción non sempre significa unha boa distribución.

Como está o mercado para vós a nivel de distribución?

JG.- Complicado! Moi complicado. Por exemplo, temos a un distribuidor específico para xestionar o mercado catalán, porque é moi difícil que unha compañía de teatro contemporáneo que non sexa catalá chegue ás súas salas. Logo está a complicación da pandemia, xa que os orzamentos para artes escénicas de moitos concellos están moi afectados. Falamos de recortes de ata un 40%, que sufrimos as compañías pequenas ou de teatro contemporáneo, especialmente as que levamos espectáculos que non son baratos.

Como é Matarile nese aspecto?

JG.- Pois como produtor de Matarile sosteño que non son espectáculos caros. Por que? Pensa en Inloca, por exemplo. Catorce persoas en xira, infraestrutura… Todo está moi axustado para que poida viaxar e chegar á xente. Obviamente, hai programadores que pretenden que un espectáculo así custe o mesmo que un con sete persoas, pero non pode ser. Dito todo isto, non quixera dar unha visión vitimisma. Son moi consciente de que non estamos mal, que temos unha boa aceptación e que hai compañías que o están pasando moito peor, pero a min gustaríame que fose todo aínda mellor. O que é, xusto, o meu traballo: conseguir que todo vaia a mellor. Por exemplo, agora marchamos a Madrid para dez funcións de El diablo en la playa na Abadía, porque eles apostan polos nosos proxectos.

Esta é unha das dificultades, se cadra, para que compañías como Matarile teñan maior número de bolos nos seus espectáculos: a falta de salas específicas de exhibición.

JG.- Por suposto. Non as hai nin en Madrid. Estaban as Naves del Matadero e acabaron con elas, con gran parte do sector en contra do proxecto e boicoteándoo de xeito activo. Como se non houbese xa espazos para o teatro “de texto”. Logo de destituír a Natalia Álvarez Simón, quitaron a palabra “contemporáneo” da cristaleira dos Teatros del Canal… En realidade seguimos como sempre: cando semella que hai un avance, en realidade é un espellismo. Cando unha persoa encargada da programación cultural dun concello fala do teatro contemporáneo como espectáculos para os que “o meu público non está preparado” está falando dunha mirada estreita, dalguén que non fai o seu labor de dar a coñecer a nosa realidade teatral nin se preocupa de que o “seu” público descubra outras linguaxes. É unha análise difícil, pero aquí estamos, facendo o que máis nos gusta. Sen deixar de reivindicar.

Como o fai Matarile, segundo o teu punto de vista?

JG.- O feito de seguir facendo o noso teatro logo de 35 anos creo que é unha moi boa forma de reivindicarnos.

Falando de reivindicación, dirías que Matarile fai espectáculos dende un puntos de vista LGTBIQ+?

JG.- Se mo preguntas a min, si. Se cadra non diría que sexa unha intención consciente, en modo activista, senón que é visíbel, sae de xeito natural. Hai que ter en conta que ao ser proxectos de creación colectiva, todo o mundo pon moito de si mesmo, e cando as persoas que participan dun proxecto teñen esta mirada xa incluída, iso sae. Como calquera outro punto de visión, queda manifesto. Por exemplo, non polo feito de que Celeste sexa transexual imos a ter un espectáculo con ollada LGTBIQ+, senón que o é polo contido do que Celeste fala. Non é que Ana Vallés queira facer un espectáculo sobre a transexualidade, senón que unha das compoñentes do equipo é transexual. E todo iso trátase dun xeito moi natural.

 

Inloca estrearase no Teatro María Guerrero de Madrid o venres, 21 de xaneiro.

Poderemos ver a mesma peza en Galiza no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, o 21 de maio.

Antes, Matarile volverá a Vigo para repoñer El diablo en la playa, na Sala Ártika, o 1 de abril.

Publicidade
Publicidade
Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

269844914 339147081367985 93914357367465367 n |

Circo de Nadal

Il Dottor Balanzone della Commedia dell'Arte. Tiziano G.

Títulos, titulite e confusionite