in ,

Pablo Reboleiro gaña o Premio Maruxa Villanueva do Concello de Padrón

Pablo Reboleiro en 'Drop'
Pablo Reboleiro en 'Drop'. Pistacatro. Foto Rubén Vilanova

Pablo Reboleiro Rama (1977) foi o candidato escollido por unanimidade para o XXI Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva 2021 do Concello de Padrón. O xurado, nomeado pola Xunta de Goberno Local,  reuniuse este luns, sete de febreiro de 2022  e estivo presidido por Lorena Couso Dopazo, concelleira de cultura de Padrón, e polos vogais, especialistas en artes escénicas, Inma López Silva, escritora e profesora da ESAD de Galicia, Carlos Caetano Biscainho Fernándes, actor e profesor da Universidade da Coruña, Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo, profesor da ESAD de Galicia e director da erregueté | Revista Galega de Teatro, Roberto Pascual, profesor da ESAD de Galicia e director da MIT Ribadavia, e actuou como secretaria Mª Cruz Taboada Álvarez, animadora social do Concello de Padrón.

O xurado valorou a traxectoria de Pablo Reboleiro Rama en defensa das disciplinas do circo en Galicia, a súa innovación, formación e creación. Tamén o seu papel na peza titulada Drop de Pistacatro, “na que exhibe a capacidade de hibridación do circo contemporáneo, botando man da tradición dos malabares á par doutras disciplinas artísticas, rompendo calquera fronteira e achegando ao público unha reflexión sobre conceptos da vida contemporánea, como a reivindicación do erro e a divulgación das matemáticas”, tal cal se pode ler na acta.

O galardón está dotado con 1200€ e coa contratación dunha función dun espectáculo do gañador, que se levará a escena dentro da programación teatral que organiza o Concello de Padrón.


Publicidade

Pablo Reboleiro Rama é un artista multidisciplinar, actor, pallaso, bailarín, músico, director escénico e director artístico da compañía de circo Pistacatro, da que foi fundador. Formouse na prestixiosa escola The Circus Space, National Center for Circus Arts de Inglaterra. En teatro estudou en Espazo Aberto, en Compostela. En danza e noutras disciplinas relacionadas co teatro físico e o circo, formouse con numerosas mestras e mestres. Ademais é licenciado en Matemáticas pola USC. Participou nunha quincena de espectáculos e en 2006 gañou o Festiclown coa súa peza Trasno.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

20220204 CicloConferenciasMariaCasares02 |

A Xunta inicia a súa programación especial polo centenario da actriz María Casares cun ciclo de conferencias

Roberto Pascual Premio Rafael Dieste

A Casa Museo de Quiroga Casares acolle a presentación de ‘Sophie non é o meu nome de guerra’