in

Drop

Drop 1 |
Imaxes de Rubén Vilanova

Que facer cando cae unha pelota?

Chega Pistacatro ao Audidorio do Concello deVigo co seu espectáculo Drop, palabra que en inglés significa tanto “caer” como “soltar”, un dobre concepto co que xogan nesta posta en escena que combina malabares e acrobacias do mesmo xeito que o fai coas artes circenses e o teatro.

Por iso Pistacatro dá en chamarse “compañía de Artes Vivas”, desenvolvendo os seus espectáculos dende unha base e técnica circense, a través dunha feitura teatral que posibilita que os mesmos sexan perfectamente acollidos nos palcos dos teatros.

No caso de Drop, a ligadura teatral está feita a partir da exploración da idea do fracaso de quen se presume que non pode fracasar, como é o artista de malabares: alguén ao que se lle supón un dominio da súa técnica ao nivel de mestría e ao que, polo tanto, pagarías por ver nun espectáculo.

Mais todo falla nesta peza dende o comezo. Rompen obxectos cando menos o esperas, caen os intérpretes, tropezan, cometen erros… Todo, para amosarnos unha cara da fraxilidade humana á que se cadra non estamos afeitxs: a do profesional ao que se lle esixe un altísimo nivel de perfección.

Tamén, a do home. Neste caso, temos un elenco integramente masculino que, con moito acerto, amosan que o nivel de esixencia do “home cara ao home” non é calquera: non pode fallar, ten que levar a mantenza á casa, quedar cos amigos, ser un bo fillo, veciño, pai, parella… Fálannos do cárcere no que se pode converter a idea de masculinidade cando vai, ademais, ligada á autoesixencia (“ser o mellor” e, aínda por riba, “ser mellor que os demais”). Un concepto que os homes de hoxe temos sen dúbida que cuestionar(nos).

A tensión asociada a tal altura de esixencia aparece tamén en diversas formas, como no falar apurado ou nos intres de ruído intenso, semellante ao que estoupa dentro da nosa cabeza cando nos pedimos cada vez máis ou cando nos recriminamos os erros que nos fan tan humanos coma axs demais.

Así, a liña dramatúrxica da peza lévanos cara a un sentimento de tenrura e mesmo de mágoa por esas persoas que se amosan tan humanas enriba do escenario como podemos ser cada un/hx de nós nos nosos asentos, como no sketch do “concurso” no que os xuíces da valía profesional do aspirante a malabarista, non son máis que as voces autosaboteadoras da nosa cabeza: as que nos din que non podemos, as que nos din que temos que chegar cada intre máis alto.


Publicidade

Mais, como dixemos ao comezo, drop é unha palabra que fala tanto da caída (involuntaria, o erro que non deberiamos cometer) como de soltar. É neste senso onde atopamos o truco do espectáculo, cando a sospeita é que se cadra o malabarista non é que teña erros na súa disciplina, senón que os erros sexan intencionados e entón… a mestría sería aínda maior! Xa que para poder “finxir” un erro e que o espectáculo siga como tal, a coreografía sería aínda moito máis esixente.

Toda unha tolemia representada nunha fórmula matemática coa que os artistas xogan co público igual que xogan co dobre significado todo o tempo: artista de circo/actor, malabarista/pallaso, erro involuntario/a propósito…

Subliñado cunha iluminación elocuente, traballo de Octavio Más, que nos remite tanto aos espectáculos circenses tradicionais como nos leva aos estudos de televisión ou ao mundo dos soños, e cunha idea escenográfica que abonda nesta derradeira imaxe: un lugar onde todo é posible, mesmo que chovan obxectos inesperados do ceo. Esta idea está desenvolta polos propios membros de Pistacatro, Belém Brandido e Pablo Reboleiro quen, por certo, é o autor da idea orixinal da peza e intérprete da mesma, xunto con Aitor Garuz (membro histórico do grupo) e mais Guillermo Porta e Santiago Montero.

Tamén a música, tocada en directo polo compositor Nacho Muñoz (aka Madame Cell), xoga un papel fundamental ao acompañar tanto as coreografías de malabares (case achegadas ao mundo da danza) como os estados emocionais dos artistas, servindo ademais de transición entre os sketches e ata de acicate para os mesmos, marcando intres de cambio inesperados.

Drop é un espectáculo para todos os públicos (a partir dos 10 anos) onde non só podemos gozar da mestría dun grupo de malabaristas, senón tamén atopar a humanidade do artista que está baixo do foco, e mesmo conmovernos co durxs que podemos chegar a ser con nós mesmxs.

Un espectáculo de Pistacatro Produtora de Soños

Idea orixinal: Pablo Reboleiro

Dirección: Pablo Reboleiro

Adaptación: Pablo Reboleiro, Diego Anido

Escenografía: Belém Brandido, Pablo Reboleiro

Construción: José Perozo

Iluminación: Octavio Más

Son: Nacho Muñoz

Música: Nacho Muñoz

Vestiario: Uxía Vaello

Produción: José Expósito, Belém Brandido

Deseño de cartaz: Juan Gallego

Elenco: AitorGaruz, Santiago Montero, Guillermo Porta, Pablo Reboleiro, Nacho Muñoz

Auditorio do Concello deVigo. 12 de novembro de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pioneiras

Vigocultura desenvolve unha programación especial polo 25-N

Imaxe Artigo 14 |

Virus