in

Manual de extorsión a pseudoseñoros

Imaxe atopada en internet pola autora do artigo.
Imaxe atopada en internet pola autora do artigo.

No verán falei cunha amiga, que manterei no anonimato porque tamén se adica ao teatro, sobre Byung-Chul Han porque ten unhas reflexións sobre as novas formas de narrar que me deron por pensar, a miña colega espetou:

– E dálle co coreano de marras que manía lle teño!

– Pero se fuches ti quen me agasallou un libro del hai tres anos, por iso o coñecín!

– Xa, pero estou farta de que opine de todo, sabe de todo. Sobre calquera tema ten unha lección.

E quedei pensando no que dixo a miña amiga que sempre vai ser máis interesante que o que diga o coreano de nome impronunciábel para nós.

E que queredes que vos diga? Pois que ten razón porque os tipos adoitan opinar de todo, e non falo dos señoros de manual, senón dos que non parecen señoros e son máis ca os outros, si os da esquerda, os da coleta cortada, os que se adican ao teatro. Os de na rúa o Ché e en casa Pinochet. Os que sentencian de todo nun proceso de ensaio, aínda que ti dirixas, sempre vai haber un ben intencionado pseudoseñoro que che diga porqué a escena non mellora… Son insufríbeis! E nas reunións, bufff, collen a palabra e poden facer uso dela durante corenta minutos, a que si? Se nunha reunión hai trinta persoas… imaxinade que todas as persoas asistentes falaran corenta minutos, pois  duraría 1200 minutos, ou sexa 20 horas. Porque, digo eu, o seu sería que nesas reunións de novos proxectos, de comunidade, de nais e pais, claustros… que sei eu, se puidera ter en conta a posibilidade que de todo o mundo poida falar, ou que pensades?


Publicidade

Para min eses tíos son como auténticos dementores, si, como os de Harry Potter, que me chuchan toda a enerxía e acabo pasando deles en primeiro termo e da reunión despois. E recoñezo que non pode ser, comezamos unha nova tempada teatral e teño que ir preparada para dar a batalla cada vez que poida, por iso estiven pensando en estratexias para cando iso suceda.

Por exemplo, que comezas a explicar un proxecto e collen a palabra corenta minutos, pois comezas a meter o dedo no nariz da persoa que tes ao lado, ou contas as palabras repetidas e comezas cun tic cada vez que as escoites, ou mellor estar súper atenta e poñer o cronómetro para despois en rogos e preguntas incorporar o comentario ca nova marca, tipo:

– Teño algo que nin rogo, nin pregunta, é unha felicitación para Fulanito, que mellorou a súa propia marca e monopolizou a reunión durante 38 minutos e 13 segundos, parabéns, compañeiro! Pido un aplauso para el e para o seu ego, claro!

Por certo, o que viña a contar o coreano é que o fracaso das historias ten que ver con que non se amarran ao pasado,  podemos velo na inmediatez do consumo de novas e acontecementos que non nos sitúan nunha narrativa construída en base ao tempo, son fragmentos inconexos, que nos nutren por un espazo de tempo pequeno para despois devorar outra nova información, sen deixar pouso para pensar ou para facer algo. Consumismo posmoderno! Total que nos está quedando unha realidade bonita de lonxe, pero se nos achegamos non hai máis que vinte centímetros de profundidade. E digo vinte, sendo xenerosa!

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Equipo Bulebule reducida

Os Náufragos Teatro estrea ‘Bulebule’

oniricamecanica rumbo

A Sala Ártika acolle pezas de Murcia e Cataluña da Red de Teatros Alternativos