in

Virus

Imaxe Artigo 14 |
Imaxe de Raimond Klavins

Estou escribindo este artigo un domingo pola mañá. Vou tarde e non teño claro que vaia saír publicado hoxe. Ademais, esta máquina de escribir con moitas posibilidades non parece estar funcionando ben e xa me borrou cousas.

Levo enfermo catro semanas. Foi un virus mal curado que se fixo forte no me corpo porque o paracetamol non mata virus. Entón, o que debía ser un virus de outono sen moita historia converteuse nun mes case en branco.

O malo de estar enfermo en 2021 é que tes o móbil demasiado cerca. Así que pasei moitas horas navegando polas vidas privadas dos demais. Agora sigo contas de famosos e leo moitos xornais independentes.

Parece que no mundo hai moitos problemas. E tamén parece que non hai espazo para todos. Hai un serio problema de espazo nesta época nosa. Algo lin sobre que Marx consideraba o espazo como un símbolo de liberdade. Parece que non todo en Marx era tomar os medios de produción, tamén había que descansar e ter tempo libre. Como dixen, leo moito xornal independente.

Neste mes pasaron moitas cousas e non pasou gran cousa. Coma sempre, todo parece gravísimo e logo non o é tanto ou o sistema consegue neutralizar a ameaza coma se fose un gran antibiótico de amplo espectro.

Hai lugares do sistema aos que o antibiótico non chega. Pequenos focos de resistencia que conseguen escapar do gran vixilante para facerse fortes.

O teatro é resistencia porque segue a ser puro. E a súa natureza faino así. O teatro debe ser un espazo de descanso para poder ser un foco de liberdade.


Publicidade

E de rebeldía.

Ante o avance firme e constante de ideas que criamos ancoradas no pasado, o teatro debe ser, como xa o foi, un lugar incómodo para todo virus de odio e nostalxia da escuridade.

Os rebeldes sempre fomos nós, e é fundamental manter esa actitude do noso lado. Ante todo e pese a todo.

O teatro tamén é memoria. E a memoria é o último que nos separa da barbarie. Sen memoria, todo virus campará tranquilo por un sistema noqueado e inerte. A memoria activa as células, activa incluso algo tan intanxible como a enerxía. A memoria debe poñernos en funcionamento.

Xa o dicía Sacristán naquela película: “Hay que recordar”.

Hai que lembrar, como lembran as células os virus que xa pasaron, como lembra o corpo cada golpe e como lembran as táboas de cada teatro as funcións que se fixeron sobre elas.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Drop 1 |

Drop

Festival FTV de Teatro Valacar |

A Coruña acolle o III Festival FTV de Teatro Valacar