PUBLICIDADE

A terceira edición do Festival FTV de Teatro Valacar estase a desenvolver na Coruña dende o xoves 18 de novembro ata o 5 de decembro. Trátase dun festival anual pioneiro en España cuxos protagonistas son os actores e actrices cegos ou con grave discapacidade visual que compoñen o Centro de Produción e Formación Teatro Valacar.
O  FTV naceu no ano 2018 co obxectivo de converterse nunha proposta cultural con “visión propia” e, á vez, nunha nova alternativa cultural e teatral para a cidade (con vocación de periodicidade anual) e nunha ferramenta de convivencia e visibilidade do colectivo cego e con discapacidade visual coa sociedade á que pertencen. Debido ao éxito das edicións anteriores, esta ampliouse, ofrecendo funcións do grupo todos os xoves, venres e sábados ata o 5 de decembro, ás 20.30 horas, na sala de Teatro Intermitente ‘ Valacar’, dentro do Edificio ONCE (na rúa Cantón Grande, 3). As entradas poden recollerse no despacho de billetes, a partir das 19.00 horas, mostrando un cupón da ONCE do mesmo día da función á que se desexe asistir, ata completar a capacidade da sala. Esta semana poderá volver verse Ataque preventivo, de Juan Pablo Heras, o xoves, o venres e o sábado, ás 20.30 horas.

Premio  FTV de Integración nas Artes Escénicas

Como nas pasadas edicións, o  FTV vén de conceder o seu premio á Integración nas Artes Escénicas. Trátase dun galardón pioneiro que recoñece a persoas, empresas, ONGs e entidades públicas ou privadas que destaquen pola súa traxectoria a favor da integración (en todas as súas variantes) das persoas con diversidade funcional nas artes escénicas (teatro, música ou danza).
Este ano, a gañadora do Premio FTV 2021 é a  Asociación Poten100mos, por impulsar a plataforma DIVESIDARTE para a promoción, produción e difusión das artes escénicas realizada por persoas e artistas con diversidade intelectual, física, psíquica, sensorial ou en risco de exclusión social. O premio foille entregado o pasado xoves, antes da estrea de Ataque preventivo.
En edicións anteriores entregouse o Premio  FTV 2018 e 2019 ao Grupo de Teatro Chévere e a Reyes  Lluch pola súa contribución á integración nas artes escénicas de persoas con discapacidade. A celebración do FTV coincide coa obtención da Medalla de Ouro que recibe a ONCE da Academia das Artes Escénicas de España coa que se recoñece o labor que desenvolve a Organización no ámbito cultural, en xeral, e en particular, ao apoio e a colaboración para a inclusión das persoas con discapacidade visual no mundo do teatro. Os promotores do Premio  FTV son a propia compañía Teatro  Valacar e a Asociación Cultural de Cegos e Deficientes Visuais de Galicia patrocinada pola ONCE.

Centro de produción e formación integral

O Centro de Produción e Formación Teatral  Valacar, baixo a dirección de Pedro Rubín, é un centro integral de artes escénicas que combina un centro de formación teatral aberto e dinámico con aprendizaxe de práctico e teórico, a produción anual de espectáculos, o premio  FTV de integración nas artes escénicas (premio pioneiro en Europa) , un festival de teatro con periodicidade anual (único en España das súas características) e a Sala de Teatro Intermitente Valacar en pleno centro da Coruña onde se sitúa a súa sede e se desenvolven todas as súas actividades. 

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!