in

O Teatro Gorrilla volve a Vigo cunha nova edición en formato festival

Clara Ferrao 2 |
Actuación de Clara Ferrao nunha edición anterior de Teatro Gorrilla

Os bares da zona de Churruca de Vigo transfórmanse hoxe, sábado 19 de febreiro, en teatros alternativos, acollendo unha programación de artes escénicas para todos os públicos, dentro da iniciativa Teatro Gorrilla.

A Sala Kominsky, o Tinta Negra, The Monk Pub e A Casa de Arriba serán o escenario de diferentes propostas  de danza, contacontos e teatro. O programa comeza en sesión vermú na Sala Kominsky (Rúa dos Irmandiños, 3) ás 13.30 horas coa peza de danza contemporánea Lume Sutil, interpretada por Vanessa Lozano e Eva Comesaña.

Segue a programación ás 16.00 horas co contacontos para toda a familia Contos da Lareira, de Iván Davila, no Tinta Negra, e continúa ás 17.00 horas coa actriz Carlota Rosón, que vai facer un número de bufón contemporáneo chamado Si te quiere te hará llorar no The Monk Pub.

A Cantina Candela (Rúa Martín Códax, 12) acollerá ás 18.00 horas a Sergio Llauger e o seu Karaoke, un monólogo traxicómico, e a xornada rematará con Marta Velázquez e a súa peza de autoficción Pink Monument, que terá lugar en A Casa de Arriba (Rúa Martín Codax, 23) ás 19.00 horas.

Teatro Gorrilla é unha iniciativa que comeza no 2019 cunha programación cada 15 días na Casa de Arriba como resposta á baixa visibilidade das artes escénicas e a escaseza de espazos para a súa práctica e gozo na cidade de Vigo. Tras a parada de dous anos debido á pandemia e á dificultade de programar baixo unha seguridade de saír adiante e as cabidas tan limitadas; este 2022 o Teatro Gorrilla arranca un festival que vai encher varios bares da zona de Churruca en escenarios.

Este proxecto autoxestionado e alternativo que Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña levan a cabo, pretende transformar e democratizar a cultura na cidade olívica, levando propostas contemporáneas de artes escénicas aos bares, lugares cheos de vida que apoian a arte a través de múltiples concertos, por iso, queren que as artes escénicas tamén teñan presenza nestes espazos non convencionais, e así, visibilizar novas propostas de artistas independentes galegas.


Publicidade

Apostan por crear espazos novos de intercambio de ideas e arte sen ter a preocupación polo que pode custar unha entrada a un espectáculo, por iso, a entrada é de libre pago voluntario inspirado no teatro de rúa onde se “pasa a gorra”.

 

CARTAZ |

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A illa da deslembranza de Ártika Cía.

Ártika Cía estrea ‘A illa da deslembranza’

'La Liberté guidant le peuple' (1830) de Eugène Delacroix.

O conto do progreso