in

Mudarmos o panorama

King Lear Banishing Cordelia, c. 1784-1790, Johann Heinrich Füssli, Toronto, Art Gallery of Ontario.
King Lear Banishing Cordelia, c. 1784-1790, Johann Heinrich Füssli, Toronto, Art Gallery of Ontario.

Esta semana Lourdes Varela fíxome unha entrevista para falar sobre a erregueté | Revista Galega de Teatro e sobre diversos aspectos das artes escénicas en Galiza. Saíu publicada no Faro da Cultura, número 835, do Faro de Vigo, o 31 de marzo de 2022.

Entre as cuestións que me formulaba hai unha que me gustaría ampliar un pouco, porque me parece estratéxica. Lourdes preguntábame pola recuperación do sector despois da contracción orixinada polos efectos da pandemia. Eu respondía que houbo algunhas iniciativas, como os investimentos da Agadic, orientando fondos do Xacobeo, para a actividade escénica, que contribuíron a dar un certo pulo. Creo que unha boa mostra diso foi o programa “Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio”, con 72 funcións de 30 espectáculos en 27 localidades espalladas por toda Galiza, descentralizando das cidades do eixo atlántico a oferta artística e sacándoa dos teatros. Porque Galiza ten escenarios naturais privilexiados para a súa revalorización ao seren activados coas artes vivas. Creo que este exemplo é moi importante e significativo do que se pode facer para achegar o ben inmaterial da danza ás persoas que non habitan en núcleos urbanos e para axudar a que as profesionais teñan traballo aquí. As artes escénicas son un ben cultural de primeiro nivel que debería ser accesíbel a toda a poboación, independentemente de onde viva. Un ben público cuxo lucro non se mide nun retorno económico, como acontece cos bens materiais producidos industrialmente en cadea, como poden ser os coches. O retorno que producen as artes escénicas mídese en saúde, en fomento da sensibilidade, do pensamento, do gusto estético, da activación e o sentimento de comunidade, de participación afectiva, etc.

As persoas deberiamos exixir ese servizo público, igual que debemos exixir unha educación e unha sanidade públicas, accesíbeis á marxe do poder adquisitivo e do lugar no que esteamos a vivir.

Neste sentido, non só a Consellería de Cultura ten esa obriga, nas competencias que lle foron transferidas polo Estado, senón tamén a administración provincial e local, as deputacións e os concellos.

Igual que teñen outras infraestruturas, sería óptimo que cada unha das catro deputacións tivese un teatro, igual que deberían telos todos os concellos. E que eses teatros tivesen unha dirección artística que elaborase un proxecto non só de exhibición de espectáculos, senón tamén de coproducións e residencias, de tal xeito que eses edificios comezasen a estar realmente habitados polas profesionais das artes escénicas.

Penso que é de xustiza e de lóxica que, igual que os sanitarios teñen o seu lugar de traballo nos hospitais e nos centros de saúde, as profesionais do teatro deberían estar nos teatros e auditorios que se construíron ou rehabilitaron con cartos de todas e que están pechados a maioría dos días da semana.


Publicidade

As compañías teñen que buscarse a vida para poder ensaiar as súas pezas, moitas veces en espazos que non reúnen as condicións necesarias para desenvolver axeitadamente o seu traballo. Mentres os auditorios e teatros públicos están pechados e só abren en fin de semana como lugares de exhibición, restrinxida a un día ou dous.

E no que atinxe á exhibición tamén é deficiente. Tanto ten que vivas nunha cidade cunha densidade de poboación de 300.000 habitantes. Ese espectáculo telo só ese día nun teatro municipal cunha capacidade para 300 persoas. Se ese día estaban esgotados os billetes ou ti tiñas calquera outra cousa, xa non podes velo.

Supoño que se entende que abrir un teatro de martes ou mércores a domingo é un gasto e non un investimento. Porque hoxe queremos igualar as obras artísticas, os espectáculos, a calquera produto funxible de consumo. E nesa equiparación, se cadra, efectivamente, as artes vivas, algunhas de formatos que requiren da proximidade e non da masa, non resultan rendibles economicamente. Iso si, despois eses mesmos concellos, deputacións e outros organismos de goberno e xestión, non lles importa gastar noutras cousas nas que os cartos si que se perden.

Eu, que quizais son un inxenuo utópico, sempre pensei que se os políticos, que van por quendas no poder, non son xente culta ou afecta á cultura e só lles interesa aquilo masivo que lles poida reportar votos, entón deberiamos ser as persoas do sector as que nos xuntásemos para elaborar proxectos viables, presentárllelos e tentar sacalos adiante. Se todas as compañías e artistas dun concello elaboran un proxecto viable para habitar un teatro municipal, con quendas de residencia, coproducións, oferta de actividades vinculadas aos espectáculos e unha programación rica, se cadra mudaban as cousas. Xa sei que non é fácil poñerse de acordo, pero tampouco é fácil que os de arriba (como se adoita dicir) nos solucionen a papeleta ou nos quiten as castañas do lume. Pasan os anos e xa vedes como está o panorama. Pois se queremos que mude, quizais imos ter que facer algo. Quizais tamén teñamos que mudar nós, o sector, a nosa maneira de actuar e as estratexias que até o de agora empregamos.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

teatropano |

Ultimamente non vou moito ao teatro

275252163 10160160139383322 2923845971210508936 n 2 |

O CDG estrea a súa nova produción, ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, de AveLina Pérez