in

Un novo encontro coa Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público de Almada

Companhia CertaDONODONADA 32 scaled
'DoNoDoNaDa', da Companhia Certa. Imaxe de Luís Aniceto

Aínda que a presenza da erregueté aconteceu na última semana do festival, a programación incluíu unha grande diversidade artística posta en escena por compañías portuguesas de Almada, Avanca, Lisboa, Loulé, Póvoa do Varzim e Ovar, e tamén doutros países como Bélxica, España, Canadá, Italia, e como non, unha vez máis, os galegos de .

16 compañías en total que representaron os seus espectáculos nos palcos de Almada e doutros concellos que apoian o festival como Barreiro, Loures, Montemor-o-Novo, Palmela, Seixal, Sesimbra e Setúbal.

Desde que asistimos por vez primeira a este festival, sempre nos chamou a atención o clima de encontro e coñecemento recíproco, propiciado con agarimo por Teatro Extremo, entre persoas de diferentes disciplinas artísticas. As compañías asistentes coas que tivemos ocasión de conversar coinciden coa nosa percepción, desexando ao tempo, un novo reencontro.

PUBLICIDADE

Espectáculos

A veterana e recoñecida compañía vasca Markeliñe representou dous espectáculos, completamente diferentes na súa concepción, un de rúa, Chef nature, e outro de interior, Euria. Con Chef nature fixeron tres actuacións en distintos municipios, un espectáculo para todos os públicos, sen palabras, de corte cómico, que se desenvolve nun restaurante moi especial que ofrece produtos naturais. Un xogo que parodia temas como o da alimentación, as adicións aos aparatos electrónicos e o estrés que producen. Todo isto levado con axilidade, enerxía e ampla xestualidade que conta coa participación do público máis miúdo.

Euria (Choiva), é un espectáculo visual sen palabras interpretado por dúas bailarinas e un actor que utiliza música e proxeccións para crear espazos e ambientes. Sumamente poético e evocador de emocións provocadas pola tristeza que carrexa a perda dun ser querido, polos recordos que impiden a alegría de vivir. Proceso marcado pola continua choiva que transcorre a través do vivir cotiá, das lembranzas dese ser que continuamente volve, da aceptación do que non é doado desprenderse. En contraste aparece a alegría que vai gañando terreo, que ofrece a esperanza de chegar a abrazala no día que escampe e saia o sol. Esta peza recibiu o Premio ao mellor espectáculo en FETEN 2017.

Areias, da compañía Imaginar do Gigante, de Ovar é un poema visual feito con rigor, contado a través de pequenos obxectos dos que destacan as formas origami, utilizando tamén multimedia con proxeccións gravadas e en directo. Esta peza amosa o tesouro das cores que se mesturan por todo o mundo nunha aperta de liberdade e mestizaxe. Este texto de Pedro Saraiva, autor e actor-manipulador do espectáculo, está editado nun libro ilustrado por Anabela Dias, igual que os anteriores traballos. Finalizado o espectáculo houbo unha presentación do libro coa asistencia da ilustradora na biblioteca itinerante Aletria, unha actividade paralela, que percorreu ao longo do festival diversas rúas e prazas de Almada.

PUBLICIDADE

DoNoDaNaDa é unha peza da Companhia Certa, da Varacim Teatro, interpretada por Joana Luna, Eduardo Faria e Joana Soares baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro.

A partitura está composta de xesto, movementos e accións corais moi marcadas pola música que lembran por momentos aos grandes do cine mudo. Ás veces, tamén semellan ser o pallaso cara branca e os augustos, enredados nunha serie de escenas divertidas que reflicten a diferencia de clases e de como a xente quere ter moito podendo vivir con pouco, sen valorar, verdadeiramente, o que fan no cotiá: xogar.

Tian Gombau, L´Homme Dibuixat, presentou Zapatos nuevos, no Teatro-Estudio António Assunçao de Almada, espazo no que reside a Compañía Teatro Extremo.

Con dramaturxia e dirección de Jordi Palet, o actor Tian Gombau vai narrando a historia dun rapaz que estrea zapatos e vai merendar ao río. Polo camiño descubre casas, paisaxes, persoas e animais. Os seus zapatos serán cada vez máis grandes e experimentados e el, paso a paso, tamén irá medrando.

Ao longo dos anos sempre imos acompañados polo tamaño dos zapatos. O tamaño mide o pe mais tamén a idade, as vivencias, o xeito de como camiñamos.

Un espectáculo sinxelo e belísimo, maxistralmente interpretado, que logra engaiolar ao público, infantil e adulto cunha perfecta sintonía entre o movemento e a música.

A escenografía e os obxectos, creación de Isa Soto con coidada artesanía, trasládanos á vida cotiá dunha pequena vila.

Narrada, nesta ocasión, por vez primeira en portugués, esta obra levou varios premios entre eles Mellor Espectáculo de Pequeno Formato FETEN (2019) e o MAX ao Mellor Espectáculo para Público Infantil e Familiar (2020).

A programación completouse cos espectáculos “a meias…”, de Kopinxas Companhia de Teatro, unha brincadeira a dous, Stories in the City, dos canadianos Les Dudes, un espectáculo de circo con malabares, equilibrios e canto. Finalmente O anel das fábulas, de Teatro Invisíbel, foi presentado nunha pequena carpa contando unha historia de amor duns cabaliños de mar da que xa falamos no artigo sobre a Feira de Teatro de Bonecos, Marionetas e Formas Animadas de Freixo de Espada à Cinta colgado na páxina web da erregueté.

Actividades paralelas

As actividades paralelas mostran o interese e o valor que Teatro Extremo lle da a relación entre o Teatro e a Escola. Ademais da xa citada Aletria-Biblioteca Itinerante, houbo, pendurada das paredes de entrada ao Teatro-Estudio António Assunçao, unha Exposición titulada Fantásticas , traballos de expresión plástica realizados polo alumnado de ensino secundario do Agrupamento de Escolas Emídio Navarro. E sempre co obxectivo de crear unha nova sensibilidade cara ás artes e a expresión programaron os obradoiros Avós e Dikum Dakum, o feitiço, dirixidos a nenas e nenos de 3 a 10 anos, e Artes de Bolso de 6 a 13 anos.

*Todas as imaxes do artigo son de Luís Aniceto.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará

GIPHY App Key not set. Please check settings

    20220629MovingCompass 2

    O CDG inicia en Noruega o proxecto europeo ‘Phone’

    Peter Brook

    Peter Brook n’O espazo baleiro