in

Feira de teatro de bonecos, marionetas e formas animadas de Freixo de Espada à Cinta

Foto Freixo 2 scaled |
Imaxe de Rita Trigo

XOÁN CARLOS RIOBÓ | ANTÓN LAMAPEREIRA 

Conta unha das lendas que el-rei D. Dinis de Portugal percorreu o Norte do Reino na procura do seu fillo D. Afonso polos excesos e abusos que este cometía. Así continuou a persecución polos camiños do Norte ata que el-rei atopou un gran freixo. Canso, pensou nun merecido repouso. Alí mesmo desatou o seu cinto coa súa espada, colgouno nunha das polas desta magnífica árbore e descansou na súa apetecible sombra. Máis tarde ese lugar, pertencente a Trás-os-Montes, regado polo Douro e preto da raia con España, chamaríase Freixo de Espada à Cinta, un municipio agrícola que vive fundamentalmente da recolección da uva e a oliva.

Os antecedentes desta Feira de Freixo atopámolos na vila de Fafe que durante dous anos (2016-2017) e dentro do programa nomeado Fafe Cidade das  Artes, acolleu dúas edicións que deixaron de ter continuidade por carecer do apoio da câmara. Este proxecto de animación socio-teatral, organizado pola Associação Malazartes e coordinado por Moncho Rodríguez, foi presentado de novo en Freixo, terra dos esquecidos, para recuperar e dar forma a unha nova feira que se desenvolveu nesta localidade entre os días 2, 3 e 4 de setembro.

Aínda que Moncho Rodríguez non estivo presente nestes días por problemas de saúde, houbo unha pre-produción onde se traballou a integración da comunidade na que participaron as distintas asociacións da vila e a comunidade xitana e venezolana. Asemade veñen traballando desde 2018 con crianzas de 7 a 17 anos, facendo ensaios abertos onde as crianzas elaboran os figurinos, constrúen escenarios e monecos, estudan textos e son alentadas para que fagan o que máis lles guste. A presenza das crianzas en todo o proceso fai que familiares e amigos participen dalgún xeito nos ensaios abertos e, serán elas mesmas, as que fagan de guías, tanto das compañías como dos programadores que asisten á feira.

Un problema desta zona do interior de Portugal é a emigración  constante,  pois as crianzas teñen que marchar a estudar secundaria a outros lugares e moitas delas non volven. Desde a Associação Malazartes tentan crearlles a sensación de pertenza á comunidade para que eses nenos e nenas regresen.

A programación incluíu a presentación de espectáculos de compañías portuguesas, galegas e do resto do estado español e tamén de Venezuela.

Nesta feira participaron tres compañías galegas e a súa presenza foi extensa e intensa. Tanxarina chegou co seu clásico Titiricircus, do que tamén presentou o libro homónimo conmemorativo do 25 aniversario do espectáculo. Editado por Kalandraka, conta a historia do espectáculo con deseños de Pablo Giraldez “Pastor”. Monicreques de Kukas veu co tamén clásico Xan Perillán e a Maleta Máxica, un espectáculo divertido e máxico no que Kukas fai gala da súa tenrura e humor. A compañía completou a súa estadía en Freixo presentando o cómic Don Gaiferos, unha revisión do que se publicara no 93, na que colabora o Consorcio de Santiago de Compostela e tamén unha pequena mostra de marionetas de fíos do mesmo espectáculo que forman parte, xunto coas do novo revisado, dun proxecto que se chama Don Gaiferos polos camiños cara a Compostela, que está xirando por Galicia desde marzo. Trécola Producións foi a terceira compañía galega que veu co divertimento Tolitates, un espectáculo feito con marionetas de fíos, bunraku e luva. De igual xeito participaron cunha preciosa exposición de xoguetes autómatas, Kinético, feitos polo xogueteiro Manu Taboada de A Chintofanería e o marionetista e construtor Ero Vázquez de Trécola.

Do resto do estado tamén houbo unha importante participación.

Periferia Teatro con Nube, nube, un espectáculo poético inspirado no conto A Sereiña, de Andersen, que trata valores como a axuda e a amizade. Un traballo coidado en todos os seus aspectos e feito con onomatopeas e palabras clave en italiano que se fan comprensibles para todo tipo de público. Conta tamén coa colaboración de Dora Cantero na brillante narración. Este traballo foi premiado como mellor espectáculo de títeres en Feten 2020 e na Feira de Titelles de Lleida 2021.

Baychimo Teatro amosou a súa versión revisada e en portugués de Contos para crianças perversas. Eles transgriden e parodian os felices contos de Perrault e os irmáns Grimm, Carapuchiña vermella, a Cincenta e Os tres porquiños con humor, cun estrepidante ritmo musical e cunha coidada métrica no texto. Utilizan diversas técnicas de manipulación e os intérpretes interactúan cos monecos e co público.

Completa esta sección La sonrisa del Lagarto con La mona Simona, un espectáculo que mostra valores como a amizade e o amor pola natureza a través da técnica de sombras chinescas e a narración, que engancha aos espectadores tanto polas coloridas imaxes como pola cálida e rumorosa voz de Marli Santana, nesta ocasión, en portugués; Cacaramusa é unha compañía de marionetas de Cuenca que representou Conciertos enReDo menor, teatro musical. Utilizan marionetas e autómatas dunha gran beleza estética; Neamera Teatro, cun espectáculo de máscaras silenciosas, Glorious Visions. Finalmente Antonella D´Ascenzi, italiana afincada en Barcelona, presentounos Piccolo circo de hilos, un espectáculo poético-visual de danza e marionetas.

Dentro da programación, participaron as seguintes compañías portuguesas.


Publicidade

Teatro invisíbel presentou o seu traballo, Anel das fábulas, nunha pequena carpa con capacidade para dez persoas. Un excelente espectáculo que nos fala da vida de dous cabaliños de mar que deciden ter fillos. O pai fará de nai. A escenografía preséntanos un fondo mariño cheo de habitantes feitos con papiroflexia. Moi ben contado e manipulado; Pedra no sapato de Kopinxas é un traballo de mesa onde uns pares de zapatos dan vida á historia. Destacamos tamén o espazo sonoro con música en directo; Trupe Fandanga, Qubim, un proxecto construído na parte traseira dunha furgoneta con caixas de madeira das que xorden personaxes realizados con obxectos; Valdevinos, Dom Roberto é un espectáculo de moi boa feitura cos tradicionais robertos portugueses; Quinta parede, Acende a noite, entra no universo dun rapaz que non gostaba da noite, mais chea de marabillas insospeitadas.

Trupe Fandanga, Morsa Polar, Realejo Artes, Telba Carantoña e Entre Linhas son cinco compañías de Portugal, España e Venezuela de Teatro en Miniatura ou Caixas Lambe-lambe que ocuparon durante os tres días da feira e a diferentes horas unha praza do centro histórico. O público interesado, crianzas, mozas e adultos, agardaban a súa quenda para poder contemplar cada unha das representacións.

Como é sabido, nas Caixas Lambe-Lambe, o espectáculo acontece dentro dunha  pequena caixa, na cal o espectador, individualmente, vai espiar por unha fenda para asistir ao enredo. El vai recibir uns auriculares para escoitar a narración da trama ou a música. Do outro lado da caixa, estará o actor/manipulador que vai dar vida aos personaxes e contar a historia operando a sonoplastia, a iluminación e manipulando os escenarios e personaxes. Cada Compañía ofreceu a súa obra de teatro en miniatura, de poética fugaz e intensa tanto na súa estética como na súa dramaturxia.

Todos estes espectáculos desenvolvéronse en prazas, xardíns e parques deste municipio, de espazos abertos e casas baixas cun amplo centro histórico. Nel destaca a igrexa de San Miguel de estilo manuelino, sobria por fóra e cunha bela decoración no seu interior e o castelo (S. XIII), do que se conservan parte das súas murallas e a torre heptagonal chamada Torre do Galo. Tamén se pode visitar o museo da Seda e o Territorio e os variados miradoiros que ofrecen unhas espléndidas vistas ao Douro.

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vigocultura

Vigocultura arranca a programación de outono que contará con 37 funcións

Tres Tristes

‘Tres Tristes 2.0’, de Kirenia Danza, estréase na Coruña