No vasto universo das historias infantís, poucas figuran con tanta forza no imaxinario das crianzas como a do Rato Pérez. Esta figura emblemática é moito máis que un simple recolledentes, é un símbolo da transición, unha ponte entre a infancia e o crecemento.
Nesta última reinterpretación do personaxe presentada por A Xanela do Maxín o día 21 de novembro no Auditorio Municipal de Lalín en función escolar, o Rato Pérez realiza un traballo máis complicado do que pensamos. Ademais de conseguir moedas e agasallos que deixarlle ás crianzas, ten que buscar unha solución ao seu almacén colapsado de dentes. Xa non cabe un dente máis, así que, decide visitar outros recolledentes de diferentes culturas para coñecer outras tradicións e saber das distintas utilidades que lle dan a este tecido duro.
Para a acción utilizan varias técnicas, como son os monecos de mesa, de luva ou mesmo as sombras chinesas, e tamén o teatro de actor e actriz con Celtia Figueiras e Xosé Breijo “Topo” á fronte. O decorado destaca pola súa polivalencia, abrindo distintos espazos que son transformados pola técnica do vídeo mapping, coloreando maxicamente, realzando o movemento e dándolle significado dun xeito notorio e exquisito a cada momento.
A obra contén aspectos claves como son a importancia dos ritos e a tradición; a transmisión de valores como son a procura de solucións ante as adversidades e a responsabilidade; a sostibilidade e a xestión eficiente de recursos e, como non, a hixiene persoal. Estes paralelismos fan que a historia sexa tan relevante para os adultos como para as crianzas e reforzan a conexión entre ambas xeracións.
Esta nova interpretación da historia por parte de A Xanela do Maxín mantén viva a imaxinación infantil e, non só axuda que lenda continúe, senón que tamén a moderniza, facéndoa interesante para as realidades deste século.
A todo iso contribuíu Pedro González creando un espazo sonoro moderno á vez que tradicional, enérxico á vez que melancólico. Tamén a artista de Cangas Julia Abal, encargada da realización das imaxes que ilustran os diferentes espazos, e a de Rafael Iglesias na programación do video-mapping.
O Rato Pérez segue a ser un protagonista de peso nas nosas vidas, demostrando que as boas historias non só perduran no tempo, senón que evolucionan con el. Esta nova versión da súa historia é unha invitación a redescubrir o seu legado.