in

Diferenza e identidade

Ecoloxía, arte e cultura

IMG 1607 1 |
Lucas Cranach the Elder. 'Cupid complaining to Venus' (1526). Fragmento. National Gallery, London.

Sempre me atraeron as diferenzas e a diversidade. A igualdade prefíroa en dereitos e deberes.

Creo que tiven a sorte de criarme en plena natureza. Pero esa “natureza” non é un xenérico, senón a singularidade dun ecosistema único. Unha aldea da montaña de Lugo, entre soutos de centenarios castiñeiros e extensas carballeiras. Unha paisaxe telúrica e vibrante cun mundo composto de elementos vivos, animados e supostamente inanimados.

Todo isto afecta, alimenta e conforma. O que determina boa parte da miña idiosincrasia, pensamento e maneira de ver (entender) o mundo, está particularizado polas diferenzas, máis sutís ou máis grandes, desa natureza.

Non acredito niso de que somos seres superiores a outras especies, animais, vexetais ou minerais. Basta observar de cerca as incribles e complexas estruturas dun cuarzo ou o brillo máxico dunha lámina de pirita. Basta ler A vida das abellas (1901) de Maurice Maeterlinck, Premio Nobel de literatura e un dos meus dramaturgos preferidos. Por certo, teño a impresión de que Camilo José Cela lle copiou ou se inspirou na maneira que ten Maeterlinck de contar a vida das abellas, en La colmena (1951), para contar a vida das persoas no Madrid de posguerra, nos anos 40.

Non me parece a min que o ser humano sexa superior a outras especies, simplemente é diferente. Iso si, co desenvolvemento do cerebro suplimos a nosa debilidade física e a nosa vulnerabilidade, fronte a outras especies animais, por exemplo, con estratexias que nos levaron a dominar o planeta. Enfrontamos medos diversos con estratexias de forza tecnolóxica. Dominamos o planeta e algún día acabaremos con el.

Hai nese dominio, na miña opinión, a estratexia globalizadora, principalmente articulada polas grandes empresas multinacionais, que fomentan unha igualdade uniformizadora. Para aumentar a necesidade e o consumo de determinados produtos (non só de marcas de roupa ou tecnoloxía e hábitos de vida, senón tamén algúns formatos de espectáculos escénicos). Estratexias que incrementan beneficios económicos grazas a condicionar e manipular os nosos gustos. A publicidade, o marqueting e a cesión dos gobernos, facilitan esta globalización.

Cada mes de setembro, desde hai anos, cando empeza o curso escolar, encóntrome con alumnado nacido en Galicia que apenas sabe falar galego. Alumnado novo que non é consciente do grao de manipulación dos seus gustos e tendencias. Eu tampouco me libro. Ollo! Intento cortar algúns dos fíos que me transforman nunha marioneta do sistema global, pero non son capaz de chegar a unha emancipación total. Quizais non sexa posible vivir nun sistema e ser libre de todas as dependencias e submisións que xera e incluso exixe.

Dáme a impresión que, cada vez, temos menos conexión co ecosistema “natural” no que compartimos a vida con outros elementos (animais, vexetais, minerais, climáticos, orográficos, cromáticos, etc.) Ese ecosistema no que, por exemplo, se xestou unha lingua como a galega, un sotaque, unha musicalidade, un humor, uns sabores e uns olores… diferentes, sutilmente diferentes.

Non se trata de negarse á evolución e á mudanza de todo o existente, porque, evidentemente, nin as linguas, nin os humores, nin as paisaxes, permanecen perpetuamente iguais a si mesmos. Efectivamente a diferenza non só está nos ecosistemas, nos elementos que os compoñen e os seres que os habitan. Tamén, co tempo, van orixinándose pequenas e continuas diferenzas.

Pero si, trátase da miña oposición frontal á substitución (colonización) do autóctono, das mazás do país, por outras que veñen en avión, contaminando, desde o outro lado do globo terráqueo. E o mesmo que das mazás, porque non somos superiores a elas, podemos falar das palabras, das linguas e de todo aquilo que nos singulariza. A importancia de todo aquilo definible e indefinible que nos diferencia e identifica.

Creo que, a risco de parecer un neorromántico, para a Dramaturxia, como creación ou recreación de mundos, ou como enxeñaría de espectáculos teatrais (incluíndo todas as modalidades posibles), igual que para a arte en xeral, a atención aos detalles e ás diferenzas, nos seus aspectos máis sutís, é de radical importancia. De feito, como dicía Isaac Díaz Pardo, artista plástico e activista cultural, a orixinalidade deriva da conexión coas orixes. Esas que a globalización tecnolóxica está enterrando tralas pantallas.

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FIOT Fonico |

O FIOT de Carballo lanza ‘Onda FIOT’

Erre produkzioak Fake

Lugo acolle o Camiño Escena Norte coas obras ‘Fake (trampantojo)’ e ‘Del otro lado’