in

A muller como ventre da nosa humanidade no É-Aqui-in-Ócio 2022

Antón Lamapereira e Xoán Carlos Riobó asistiron ao festival portugués na que se celebrou os 25 anos de Varazim Teatro

Veias de Sal da Compañía Certa. Foto: Vitor Ferreira

A Associação Varazim Teatro, organizadora do festival, conmemorou o seu 25 aniversario nesta XIII edición do É-aqui-in-Ócio, celebrada entre o 23 de setembro e o 1 de outubro na localidade portuguesa de Póvoa de Varzim. Se na anterior edición, o núcleo temático foi o ser humano, nesta, baixo o lema de Uma mesma Origem Un só Ventre A Nossa Humanidade, Muller, a temática versa sobre a muller e a súa condición na sociedade, aínda que, a equidade, sempre está presente nesta programación. Outra das características que se manteñen e se acentúan no festival é a práctica inclusiva, ao dispoñer de espectáculos con autodescrición para persoas cegas ou de baixa visión e, baixo a colaboración da ACAPO, follas de sala en braille, así como, nesta ocasión, grazas á colaboración coa Associação de Xurdos do Porto, espectáculos con tradución para lingua xestual portuguesa dirixidos a persoas xordas ou cun elevado déficit de capacidade auditiva.

A erregueté estivo convidada o 25, 26 e 27 de setembro, días nos que vimos os seguintes  espectáculos:

Veias de sal numa terra com lágrimas de mar. Este é o poético e expresivo título da duodécima produción da Companhia Certa, que ofrece esta estrea á poboación de Póvoa de Varzim para conmemorar o 25 aniversario da Associação Varazim Teatro. Con esta montaxe abriron o festival o día 23, estando tres días en cartel e recibindo a un total de 700 espectadores.

Nesta creación, baseada nas raíces e a procura da identidade poveira, a compañía partiu dunha investigación sobre os elementos distintivos da comunidade e, ao mesmo tempo, das súas características universais. A partir deste material crearon un espectáculo dividido en cadros sen orde cronolóxica, profundamente visual no que apenas existe o texto e como tema fundamental, a muller que olla a mar. Reflicte, nestes cadros, unha sociedade matriarcal na que a muller facía traballos de recollida de algas, a venda de peixe, gobernaba a casa, coidaba das crianzas e soportaba a violencia do home. Esta temática tan propia da poboación local, na que se engaden traxes e cancións típicas, contrastan con temas tan universais como poden ser a mirada ao mar agardando aos seus homes ou a traxedia dun naufraxio. Todas estas accións foron interpretadas cunha nítida expresividade corporal por un elenco de tres actrices, Alexandra Moreira, Ana Lídia Pereira, Leonor Godinho e dous actores, Miguel de Riba e Miguel Magalhães, foráneos todos que, ao longo dos ensaios, souberon nutrirse do vivir histórico das xentes da vila. O traballo de investigación é de Joana Soares, o movemento de Pedro Calbalho e a dirección de Eduardo Faria. Destacamos tamén a excelente composición musical que acompaña moi ben ao movemento, composta por Rafael Maia, que puxo a música desde o palco. O público sentíase identificado co que pasaba no palco, ría, cantaba e aplaudiu finalmente con moita emoción.

Veias de Sal da Compañía Certa
Veias de Sal da Compañía Certa. Foto: Vitor Ferreira

Teatro Livre é unha asociación cultural que ten como obxectivo reflectir no palco a sociedade actual para que o público recoñeza esa realidade inherente aos seus espectáculos. A compañía Lisboeta representou no Cine-Teatro Garret, Mater, un texto da brasileira Mana Adelaide Amaral, autora que ten unha obra prolífica tanto en teatro como en series de televisión. En escena están as actrices Luísa Ortigoso e Carla Chambel, que fan os personaxes de Rute e Luísa, nai que foi filla, e filla que tamén é nai. A acción descorre nun encontro-desencontro entre dúas xeracións, con momentos de aproximación que rápido volven á distancia, á dureza, aos reproches mal dixeridos. As dúas mulleres fóronos conducindo polos seus sentimentos, segredos, emocións e contradicións, a través dos oito movementos nos que se divide a trama, poñendo ao público en pé ao final da actuación.

Libre coma os Paxaros
‘Libre coma os Paxaros’. Foto: Vitor Ferreira

A programación incluíu tamén a presenza da compañía galega Teatro do Atlántico que representou a obra dedicada a Rosalía de Castro, Libre coma os paxaros.


Publicidade

A Escola de Mulheres-Oficina de Teatro, foi creada en 1995 por un grupo de mulleres de xeracións e experiencias diferentes para dar visibilidade á muller e difundir por medio de lecturas dramatizadas as obras de autoras contemporáneas. Esta asociación presentou na Biblioteca Municipal Rocha Peixoto, Da voz humana, lectura dramatizada con poemas de Catarina Santiago Costa, nas voces de Marta Lapa e Vitor Alves da Silva, acompañados do violín de María do Mar.

Outras actividades para conmemorar o 25 aniversario da Associação Varazim Teatro foron a proxección do documental realizado por alumnos e alumnas da ESMAD-IPP, Documentário Espaço d´Emente, onde Joana Soares, Eduarda Faria e Joana Luna, os tres piares da asociación, son entrevistados no propio local da compañía.

Mujer destejida, de Con Ciencia y Arte
Mujer destejida, de Con Ciencia y Arte. Foto: AnaPatriciaSilva

Mû Mbana, cantautor, compositor e poeta multi-instrumentista da Guiné-Bissau, ofreceu un concerto a continuación do documental. Posteriormente, os membros da asociación convidaron aos presentes a unha copa de cava e á torta conmemorativa de tan importante aniversario.

Houbo tamén as seguintes exposicións: Mulheres e resistência-”Novas cartas portuguesas” e outras lutas e O feminino no caminho-25 anos da Varazim Teatro, expostas ambas no Espaço Junqueira, 25. Finalmente, no Museu Municipal de Etnografía e História da Póvoa do Varzim,  José Caldas conmemora os 50 anos de teatro con Escapulários.

Antón Lamapereira

Antón Lamapereira

(Monforte de Lemos, 1945). Profesor xubilado de Filosofía no Ensino Secundario. Cofundador da Escola Dramática Galega e fundador e director da erregueté | Revista Galega de Teatro ata o ano 2016. Membro do seu Consello Editorial. Actor e director de teatro afeccionado en diferentes grupos como Avelaiña teatro (Pontevedra) ou Teatro Aberto (Cangas do Morrazo).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

20221024 CDG Quintas Camoes ACHADICO foto Joao Tuna |

O Salón Teatro acolle a segunda edición das ‘Quintas do Camões’

DSC08649 |

Do pequeno, do teatro que non se ve