in ,

Do pequeno, do teatro que non se ve

Foto Ana P. Souza.

Gustaríame falar do pequeno, do invisible, desas cápsulas locais nas que se agochan xoias escénicas que pasan desapercibidas pero que son moi necesarias, non só coma parte do combustible para crear unha rede escénica sólida, senón coma mecanismo de expresión, reivindicación e visibilización do noso colectivo. E para falar do pequeno citarei a un grande:

 

“O teatro é un microscopio para observar a vida”

Peter Brook.

 

A diversidade é o xerme da vida. Cando se acouta, se cerca, se censura, se clasifica e se criminaliza o que por natureza nos pertence, non nos queda outra máis ca berrar coma forma de supervivencia, e aí aparece o teatro. 

Un teatro que, fóra do sistema, se manifesta coma resposta aos discursos de odio que o propio sistema protexe, permitindo o seu libre acceso ás institucións. Fenómeno causante do grave aumento no número de agresións cara á nosa comunidade.

 

“Podo tomar calquera espazo baleiro e chamarlle un escenario nu. Unha persoa camiña por este espazo mentres outra observa e isto é todo o que se precisa para realizar un acto teatral”

 

Segue a dicirnos Peter Brook e isto é o que está a acontecer na comunidade lgbtq+: unha necesidade por expresar, comunicar os sentires e a indignación. Unha necesidade que se manifesta a través de elementos performáticos.

De súpeto, en lugares alleos a un teatro, de forma natural e espontánea e por parte de todo tipo de persoas, tanto vencelladas ao ámbito escénico coma xente que non pisou un escenario na súa vida, nacen pequenas pezas que son puro teatro.

A través do travestismo, da danza, do drag, do cabaret… nun ambiente puramente “underground”, a xente da nosa comunidade atrévese a presentarse diante dun público para reivindicar a dignificación dos seus sentires e a visibilización das súas problemáticas. Así, en bares, en pubs, nas rúas, en locais comerciais, torreiros, garaxes, vivendas privadas… prodúcense accións teatrais a modo de pequenas cápsulas perfomáticas onde nuns poucos minutos estes artistas presentan historias, humor, personaxes, dramaturxias, caricaturización, política, corpos disidentes… 

Son espazos agochados nas cidades e nas aldeas. Afastados desas grandes programacións culturais, que moitos concellos usan como marca publicitaria, destinando moitos miles de euros a grandes celebridades e deixando ao tecido artístico local totalmente abandonado, oculto e abocado ao autofinanciamento. Feito que se agrava no ámbito da escena queer máis subversiva que se afasta da foto “gayfriendly” protocolaria, ou do que as axendas estipulan coma “lindes do políticamente correcto”.  Vigo é, entre outros, un claro exemplo deste despilfarro e desamparo cultural.


Publicidade

P40508461 1 |
Foto P. García.

Á marxe medran eventos de grande interese artístico e activista lgtbiq+ que son concibidos con escasos recursos económicos, moitas veces custeados polos propios petos dos seus organizadores ou apoiados e amparados pola colaboración desinteresada de artistas e público. Grazas a esta vontade existe un tecido subterráneo que pon sobre a mesa as problemáticas da nosa comunidade, que resiste e propón unha programación alternativa que sobrevive máis aló do mes do Orgullo, único momento do ano no que a administración, promotores e programadores fan por lembrarse das manifestacións artísticas diversas e se atreven a levar espectáculos travestís aos seus teatros.

Con este artigo quero visibilizar e dar testemuña da grande importancia que teñen estes espazos disidentes. Levando á escena propostas e discursos de grande importancia para o noso colectivo, creando referentes que nos axudan e nos retroalimentan nos nosos procesos de autocoñecemento, transición, saída do armario, redes de acollida, socialización… Promovendo obradoiros, mesas de discusión, afondando na linguaxe inclusiva, xerando ficción e fábulas que se achegan de verdade e sen atranco á nosa realidade. 

Un entorno onde artistas profesionais comparten escena con artistas afeccionados, que soben ás táboas movidos pola necesidade de expresarse, nun proceso de aprendizaxe mutua.

Os primeiros desencadéanse do ambiente académico enriquecendo a súa arte con contidos e vivencias valiosas e máis radicais, que dan un sentido á técnica. Ademais de ser unha vía lexítima de supervivencia en tempos de escaseza laboral, un xeito de poder seguir activos artisticamente e pagar facturas.

Os segundos descobren unha vía apoderadora de comunicación e canalización psicolóxica, e moitos deles chegan a atopar un camiño no mundo teatral e seguen a formarse a nivel profesional.. 

Meiga-i a Drag Pandeireteira é un exemplo que, partindo destes lugares, chegou á profesionalización presentando unha reivindicación escénica da diversidade e cultura galega que xa forma parte de moitas programacións culturais.

En definitiva, estes espazos tamén serven como canteira de novos creadores e dun público crítico e demandante deste tipo de contidos e eventos seguros. 

Exemplo destas iniciativas son: O Claro Boba na Coruña, que acolle non só espectáculos senón tamén obradoiros; o Stars Café Bar de Carballo, que programa iniciativas promovidas por un par de  veciñas que, co seu esforzo, crean eventos para a nosa colectividade; a Asociación Cultural A Galleira en Ourense; Teatro Gorrilla, que organiza propostas de micro teatro en locais de Churruca (Vigo); eventos como Versos pola Diversidade organizado por Codimo en Bueu; a Gala Drag King de Vigo, celebrada na sala Kominsky; o grupo teatral Marinita y sus Maromas, que autoxestiona unha programación mensual de carácter queer fidelizando a un público estable no barrio de Teis en Vigo; Samaín de Avante en Santiago; o Centro lgtbiq+ en Vigo; a Festa da Xota celebrada en Porto onde se crearon sinerxias de grande interese entre artistas portugueses, galegues, brasileires, arxentines… 

Seguro que me deixo moitas máis iniciativas no tinteiro, das cales a difusión nin sequera chega á comunidade queer fóra do seu radio de acción local ou comarcal.

Todo isto do que falo non é cousa de “modernas”, é algo que leva existindo toda a vida. Sempre houbo lugares á marxe, agochados, que xorden pola necesidade de falar sobre cousas das que ninguén fala: crear ficción de vivencias que seguen a ser invisibles no noso sistema cultural, xerar fábulas nas que a disidencia sexa tamén protagonista, arte na que se escoite a nosa voz. 

O teatro forma parte de nós e aflora de xeito espontáneo, visceral… Estas manifestacións son unha proba máis. A nosa é a responsabilidade de pór todo isto en valor, de amplificalo, de xerar unha demanda e facer que medre. 

Porque é dende o pequeno dende onde podemos crebar o grande.

Nico Elsker

Nico Elsker

Intérprete teatral, cabareteiro e drag king asentado en Vigo, Galicia. Formado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia na especialidade de Interpretación Textual.
Con experiencia profesional en teatro infantil, teatro de rúa, animación, audiovisual e cabaret. Comeza a súa andaina teatral no 2013 na compañía Educateatro Producións na que segue en activo. Dende o 2014 comeza o seu estudo e especialización como Drag King arroupado pola compañía de teatro travestí e creación colectiva Marinita y sus Maromas.
Como traballo en solitario, destaca os espectáculos: O Gabinete de curiosidades de Nico Elsker e Contos Invertidos, ademáis de diversos shows dentr e fóra de Galicia.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Veias de Sal da Compañía Certa

A muller como ventre da nosa humanidade no É-Aqui-in-Ócio 2022

'Recortes, caneos e outras formas de driblar'

O FIOT 2022 bota o pano coas entradas esgotadas