in ,

O FIOT 2022 bota o pano coas entradas esgotadas

O FIOT de Carballo remata esta fin de semana consolidando o éxito de programación e público

'Recortes, caneos e outras formas de driblar'
'Recortes, caneos e outras formas de driblar'. Foto: Aigi Boga

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota o pano esta fin de semana con todas as entradas esgotadas para o seu Programa de Sala, que ofrecerá tres espectáculos das grandes voces das escenas galega e estatal: Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez e Xosé A. Touriñán.

O sábado 29 acollerá representacións de catro montaxes, todas elas estreas galegas ou absolutas; ademais da derradeira sesión ao vivo da Escola do espectador nas ondas. O día comezará coas últimas funcións das pezas que participan no VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado: ’Viaxar é un pracer’, de Assircópatas (Dani Blanco e Antón Coucheiro), unha comedia do absurdo que reflexiona sobre o noso papel coma turistas e que se poderá ver no despacho do alcalde; e ‘Actriz, chora’, a peza de Cacharela Teatro (Alba Nogueira e Irene Lorenzo) que critica, desde a comedia, os estereotipos e os desafíos do sector artístico, en especial das mulleres novas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas) e, coma sempre, recoméndase reservar previamente a praza.

Tamén pola mañá terá lugar a derradeira sesión da primeira tempada da Escola do espectador nas ondas, os encontros abertos ao público, con vermú e petiscos, para coñecer desde a proximidade as propotas escénicas do FIOT. A partir das 13.15 horas no Salón social do Pazo da Cultura, a xornalista Paloma Cortina (Dramedias, de RNE) manterá unha conversa co elenco de ‘La voluntad de creer’ e co seu director e creador, Pablo Messiez, quen participará vía telemática na gravación do podcast. A obra, unha coprodución do Teatro Español  e Buxman Producciones, terá precisamente esa tarde (20.30) a súa estrea en Galicia.

‘La voluntad de creer’, escrita e dirixida por Pablo Messiez, indaga na relación entre vontade, fe e suxestión a partir da historia dunha familia, cuxo irmán menor sostén ser Xesús de Nazareth. A peza, que inicia a súa xira estatal en Carballo logo da súa estrea en Naves del Matadero do Teatro Español -converténdose no último gran éxito da tempada escénica madrileña-, inspírase na película ‘Ordet’, de Carl Theodor Dreyer, quen á vez adaptou a obra ‘La palabra’, de Kaj Munk. Xa en horario nocturno, a partir das 23.00 horas, o humorista Óscar Terol, creador de ‘Vaya semanita’ ou ‘Allá abajo’, presentará no Mercado municipal o seu último monólogo: ‘Mundo para lelos’, no que revelará ao público, desde a comedia, un gran tesouro: nin existe o listo integral, nin o intelixente a tempo completo, todas escondemos miserias e encrucillados sen resolver.

O domingo 30 terá lugar o regreso de Blanca Portillo a Carballo, logo da súa aclamada interpretación de ‘El testamento de María’ na edición de 2015, e que as asistentes do FIOT recoñeceron co Premio do Público 2015. Desta quenda a actriz volve coa aclamada ‘Silencio’, do recoñecido dramaturgo Juan Mayorga, a quen se lle outorgou estes días, precisamente, o Premio Princesa de Asturias; galardón que se suma aos Premio Nacional de Teatro e Literatura Dramática, ademais de diversos Max. ‘Silencio’ parte do discurso de ingreso de Mayorga na Real Academia Española, un texto que converteu en teatro e no que pon de manifesto o valor do tempo e do silencio. Unha vez remate a función, o director do FIOT, Alberto Sueiro, fará entrega do Premio do Público 2015 a Blanca Portillo.


Publicidade

Peche inclusivo con ‘Recortes’

Finalmente, a última función do Programa de Sala deste 2022 será o 31 de outubro. Chegará da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, desta quenda en coprodución co Centro Dramático Galego. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, fará a primeira parada da súa xira en Carballo cunha función que porá o broche dourado á 31ª edición do FIOT. Precisamente esta última representación afondará nun dos retos principais deste ano do festival, como é a sustentabilidade e, particularmente, e inclusión e atención ás diversidades. Coa colaboración do CDG, o público asistente poderá gozar do espectáculo con audiodescrición. como xa aconteceu na función de ‘Pirolíticos’, e interpretación en lingua de signos, ao igual que nas pezas da Rúa dos Contos ‘Habito terra’ ou ‘Contando polos dedos’, que nesta ocasión será proxectada sobre os lateriais do escenario.

AXENDA FIOT31 SÁBADO 29 – LUNS 31


Sábado 29 de outubro

13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas na Casa do Concello | Despacho do alcalde
Metro Cadrado 
| ‘Viaxar é un pracer’, de Assircópatas (ESTREA ABSOLUTA).

13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas en Atener Solucións Técnicas | Sala de xuntanzas
Metro Cadrado 
| ‘Actriz, chora’, de Cacharela Teatro (ESTREA ABSOLUTA).

13.15 horas no Pazo da Cultura | Salón social
Onda FIOT 
| Escola do espectador nas ondas. Con Paloma Cortina, Pablo Messiez (vía zoom) e o elenco de ‘La voluntad de creer’.

20.30 horas no Pazo da Cultura | Auditorio
Programa de Sala 
| ‘La voluntad de creer’, de Buxman Producciones (ESTREA EN GALICIA).

23.00 horas no Mercado municipal
Rúa dos Contos 
| ‘Mundo para lelos’, de Óscar Terol (ESTREA EN GALICIA).

Domingo 30 de outubro

20.30 horas no Pazo da Cultura | Auditorio
Programa de Sala 
| ‘Silencio’, de Avance PT e Entrecajas PT.

22.15 horas no Pazo da Cultura | Auditorio
Entrega do Premio do Público 2015 do FIOT

Luns 31 de outubro

21.00 horas no Pazo da Cultura | Auditorio
Programa de Sala 
| ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, de CDG e Ainé Producións.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DSC08649 |

Do pequeno, do teatro que non se ve

Festival Transfronteirizo de Teatro Amador

Experiencia vital de mestizaxe e fraternidade no 5º Festival Transfronteirizo de Teatro Amador