in ,

Experiencia vital de mestizaxe e fraternidade no 5º Festival Transfronteirizo de Teatro Amador

O festival reuniu en Viana do Castelo aos amantes do teatro amador de España e Portugal

Aló polo mes de maio, a FETACyL acolleu na localidade leonesa de La Bañeza o primeiro festival PLATTA deste ano e no mes de xuño, Nigrán foi a sé do segundo encontro organizado pola FEGATEA. Viana do Castelo deu acubillo á última parada deste 5º Festival Transfronteirizo de Teatro Amador, que se desenvolveu entre os días 16 e 18 de setembro na Sala Experimental do Teatro Municipal Sá de Miranda, baixo a organización de Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana-TEIA (Teatro en Iniciativa Associativa).

O teatro amador a escena

Curiosamente, os tres espectáculos aos que asistimos tiveron varios puntos en común. Os tres están escritos por membros de cada compañía e nos tres, os personaxes son un home e unha muller. Cada un deles vai dirixido a unha franxa de idade diferente, abarcando a un público adulto, aos adolescentes e ás crianzas, e como tema recorrente, o suicidio. Mentres os portugueses expresaron máis cara ao público e con monólogos, os galegos e castelán-leoneses utilizaron o diálogo desde unha construción naturalista.

A Companhia de Teatro de Santo Tirso foi a encargada de abrir o festival con Baú dos malvados, espectáculo dirixido ás crianzas. Baixo a dirección de Sara Salgueiro e dramaturxia de Sérgio Macedo, eles mesmos son os que interpretan esta fábula interactuando con cinco personaxes representados por obxectos. Cigarra, dragón, bruxa, lobo e serpe, son personaxes que pertencen ao baúl dos malos porque esa maldade lles está atribuída polo imaxinario popular. Catalogados como malos, abren o seu interior, e van entrelazando as súas historias persoais para facernos reflexionar sobre a diversidade e a diferenza e tamén de como nos relacionamos cos demais.

Métrica Pura Teatro. 5 segundos y 120 kilos. Teatro para adultos. A compañía salmantina ofreceunos un espectáculo dirixido por María Teresa Alfonso González con dramaturxia e interpretación de Pablo Málaga González e Isabel Ortiz de Zárate. Escrita durante o período da pandemia, a acción transcorre nos momentos de confinamento, co tema do suicidio como xustificante para que Rebeca e Antonio, dous veciños que viven no mesmo edificio, se coñezan. Desde o principio intúese algo que se esconde e que nos deixará intrigados ata o final. Un excelente traballo actoral na xestión dos sentimentos e das emocións compartidas.

Festival Transfronteirizo de Teatro Amador
Companhia de Teatro de Santo Tirso Baú dos malvados.

Teatro do Ar. Lonxe dos teus abrazos, obra para adolescentes que obtivo unha mención especial nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven en 2021. Escrita e dirixida por Pedro Rodríguez e interpretada por Sheila Figueroa e Carlos Denis. Unha parella de mozos namorada, graduados os dous, ela facendo un traballo precario nun supermercado e el no estranxeiro. Ela non soporta a situación e intenta suicidarse despois de un silencio por parte del. Unha relación tan contemporánea como é o amor a distancia preséntanos toda unha serie de atrancos e dificultades polas que pasan as mozas e mozos da actualidade con temas tan clásicos como poden ser a depresión e o suicidio.

Lecturas dramatizadas en portugués, castelán e galego

As lecturas dramatizadas desenvolvéronse na Sala Experimental do Teatro Municipal Sá de Miranda, un espazo alternativo e máis próximo ao público que a sala principal. O texto lido nos tres idiomas foi un fragmento de O Ogrocho, escrito por Suzanne Lebeau, unha das dramaturgas máis importantes dentro do teatro para infantes e publicado pola erregueté | Revista Galega de Teatro no número #61. Os grupos estaban compostos por unha persoa nativa que dirixía a catro actores/actrices que representaban a dous personaxes, nai e fillo, nun idioma que non era o seu. A modo experimental e na procura de fórmulas que estimulen a relación e a creatividade do grupo nun curto espazo de tempo, engadiuse, por primeira vez, unha dificultade á lectura: cada grupo tería que inventar dúas das tres probas que o Ogrocho tiña que superar. A reacción dos grupos foi positiva e nun día de ensaio prepararon as lecturas que nos ofreceron o domingo pola mañá.


Publicidade

O grupo castelán-leonés da Asociación Cultural Cimbalaria comezou esta experiencia baixo a dirección do galego Paco Pernas, de Petanaporta Teatro. Na súa proposta engadiron o cantar de cego e o cambio de personaxes.

Festival Transfronteirizo de Teatro Amador

No elenco portugués participaron catro actrices de Teatro Vitrine, de Fafe, que foron dirixidas pola leonesa Pilar Asensio da Asociación Cultural Cimbalaria. Nesta proposta mantiveron durante todo o momento á mesma actriz como personaxe principal. A directora engadiu nas dúas probas, un texto cómico que as actrices souberon realzar coa súa expresividade, que mantiveron durante toda a actuación.

A formación galega estivo composta por actores e actrices de Porta Aberta, Carvot e Max Teatro,  baixo a dirección da portuguesa Rosa América Amores. A directora dividiu ao elenco en dúas parellas, nai e fillo, ambas co mesmo vestiario, e con movementos coreográficos bastante medidos. Houbo tamén momentos cómicos, con xogos e incluso sombras corporais.

Festival Transfronteirizo de Teatro Amador
Participantes das lecturas dramatizadas do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador.

É salientable a gana de facer, de crear, de xogar con distintos xéneros, de utilizar distintas técnicas e de expresar corporalmente, mais, a dicción, é un terreo que precisa mellorar. Non é doado imitar a respiración dunha lingua foránea, introducirse no seu ritmo, escoitar a súa melodía, mais é necesaria unha maior aproximación e arriscarse á hora de ler. Está previsto na próxima edición que cada grupo estea composto por dúas persoas foráneas e outras dúas nativas e así ter un maior contacto   co idioma e a súa sonoridade. Tamén nos demos conta da dificultade que hai en crear un personaxe neno, de como é fácil caer na infantilización por parte do adulto lector. De todos os xeitos, rímonos a esgalla e pasamos bos momentos neste intercambio de idiomas que, no fondo, é unha experiencia vital de mestizaxe e fraternidade.

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Recortes, caneos e outras formas de driblar'

O FIOT 2022 bota o pano coas entradas esgotadas

Espectáculos calendario

O sometemento da arte