in

Se fose un lugar, sería un furancho

image e1668416197310 |
Foto de Alex Sobrino

Pois coma nun furancho que cando remata o viño da colleita anterior pecha as súas portas, ás irreverencias pasoulles o mesmo e agora volvemos abrir, porque volvemos ter uvas coas que facer novas libacións dionisíacas.

E falando de furancho, venme á cabeza debater con vós sobre o intrusismo nos oficios. Non está ben vender nun furancho produtos que non sexan os do propio eido, pois son lugares para vender o excedente, iso témolo claro.

Pois non está ben apropiarse de ideas alleas en ningunha profesión, mais nunha artística elévase a broma a un delito. Exemplos disto hai moitos descoñecidos e menos coñecidos. A min agora venme á cabeza a roubada que lle fixo Disney a María de O Lejárraga, no conto que el mesmo titulou: A dama e o vagabundo. E, ademais, neste señor xúntanse outras ideas desprezables, como a explotación laboral como norma e, curiosamente, a ampliación dos dereitos de autor por setenta anos, grazas ao seu ratiño, que se nos meteu en todas as casas, incluso sen ter crianzas.

Na dirección de escena o dos dereitos de autoría está complicado, mais existen e o rexistro do libro de dirección é unha solución, mentres as xestoras de dereitos reclaman que se contemplen na lei de propiedade intelectual. Exemplos desta venda de dereitos témola nos musicais que, ademais do guión e a musica, tamén venden a montaxe de tal dirección, que adoita ser a que xa recolleu éxito noutros escenarios. Aínda temos moito traballo para a incorporación da posta en escena como autoría propia, feito que axudaría a reducir o intrusismo, sen dúbida.

Non podemos negar que hai unha serie de profesións que veñen por defecto co ser humano… A ver quen non se creu algunha vez adestradora de fútbol, e arquitecta? Pois iso, en todas nós hai unha voz que nos indica como debería ter feito a dirección de escena ou de cinema para que a peza ou o filme quedase mellor. Haiche moito “enxeñeiro” polo país adiante e é mellor atopalos no furancho que no teatro, penso.


Publicidade

E nestas, falando de intrusismo e autorías nun furancho virtual, lembro o que me dixo nunha aula Juan Alberto Salvatierra, onde me definiu o teatro coma un porco, ao que eu, sendo galega, me vin en plena matanza e non podía abrir máis os ollos, e sentenciou:

O teatro é coma un porco, cómeselle todo, con isto quero dicir que no teatro, continuou el, eu fago de todo.

E nesa afirmación, máis alá de discutir se hai intrusismo ou non, podemos recoñecer o sentido de oficio artesán e integral que é o teatro. Esa viraxe de 360º que proporciona perfís profesionais híbridos tan marabillosos, penso agora en Marta Pazos, e dos que o teatro galego se nutre tan ben, quizais por ser pequeno,  quizais porque nos gusta o porco enteiro.

E así comezamos esta tempada irreverente, nun furancho no medio do monte dixital, bebendo un viño virtual e brindando por un futuro cos gastos pagados!

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

continente maria 9 |

Continente María

Iria Ares

‘1888. Señorita Julia’, de Estudo Momento, continúa a súa xira galega