in ,

Continente María

Continente Melania

continente maria 9 |
Imaxe de Aigi Boga

Continente Melania

O centenario do nacemento da eximia María Casares (A Coruña, 1922-1996) vén marcado por varias celebracións en torno á súa figura e relevancia histórica. Exposicións, retrospectivas cinematográficas e documentais, coloquios e revisións da súa traxectoria profesional e vital sucédense ao longo deste ano, dado en chamar precisamente “Ano Internacional María Casares” promovido por varias institucións.

Dentro deste panorama de celebracións, a estrea dunha peza como Continente María convértese nun acto imprescindíbel. O espectáculo, unha produción de Ainé Producións coa colaboración do Concello da Coruña e a participación do Centro Dramático Galego, é unha declaración de amor ao teatro, coa figura de María Casares como eixo e nexo conector, catalizado a través do corpo, alma e talento da actriz Melania Cruz.

Continente María tivo a súa estrea o pasado 15 de maio precisamente no Teatro Colón da cidade herculina, e nós tivemos a oportunidade de asistir á súa presentación dentro da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, onde tamén celebraron a figura da actriz coa ponencia María Casares. A patria do teatro, de María Lopo, ou a lectura dramatizada do texto de Javier Villán, Política sentimental. Así, e de moi diversos xeitos, o público xeral pode achegarse e coñecer mellor a fascinante figura da actriz coruñesa, podendo establecer un diálogo coa que foi gran dama do teatro francés do século XX.

Publicidade

A peza abonda neste diálogo María/Espectadorx, facendo un percorrido por diversos intres da memoria da actriz, de xeito que chegamos a vela viva, palpitando tanto sobre as táboas (no seu papel de actriz), como na súa vida íntima (a muller detrás da máscara).

Non sería posíbel este diálogo sen o elemento catalizador, o corpo e a alma da actriz lucense Melania Cruz, que non só se pon a disposición da comunicación entre a Casares e o seu novo público, senón que tamén ela entra en diálogo coa diva, establecendo unha serie de comuñóns con ela que facilitan que a poidamos ver aínda máis humana, rindo, cantando e fumando na escena.

Neste sentido, o traballo de Melania Cruz é espectacular. Rendida á comunicación co espírito da Casares, ofrece tal despregue de talentos que, sen pretender emulala fisicamente, fai que apareza María Casares diante de nós. O exercicio de traballo vocal, por exemplo, así como a presenza escénica, a corporalidade ou a enerxía, axudan a que x espectadorx non perda un intre de atención sobre ela.

Con todo, é ese acto de ofrecemento do seu corpo (entendido como continente, en si mesmo, dunha estrutura tanto física como emocional, como espiritual) posto ao servizo da diva o que queremos salientar por riba de todo. A súa xenerosidade como actriz é o motor da peza, antollándose case como unha sibila posuída pola deusa, abrindo a súa gorxa para que fale por ela.

Non sería xusto, malia todo, ficar só nese elemento de espectacularidade. Toda a peza está construída de xeito que esa comuñón sexa posíbel, e a intelixente dirección de Tito Asorey vai na procura de que as dúas grandes liñas de traballo da peza colidan: o canto de amor e o diálogo.

O canto de amor, como dixemos, é tanto cara á figura de María Casares como cara ao teatro como arte. Isto é algo que advertimos no coidado e na atención que se fai aos elementos de significación escénica, ao traballo co texto (orixinal da dramaturga uruguaia Marianella Morena e adaptado polo propio Asorey), á proposta que liga ámbalas actrices coa vida e coa profesión. Precisamente, atendendo ao especial coidado posto sobre o traballo da actriz, sabemos que este espectáculo é tamén un canto de amor á propia Melania Cruz, algo que impacta no auditorio como un elemento que favorece a nosa empatía emocional co que acontece sobre das táboas.

Entón, postxs en comunicación, acontece o diálogo, que vai tanto de María Casares cara ao público como de María Casares cara a Melania Cruz (ou de Melania cara a María), mais tamén entre Melania e Vadim Yukhnevich, músico de orixe bielorrusa e experiencia na composición e arranxo musical para espectáculos teatrais, que converte a música en directo nun elemento integrador da peza, establecendo tamén el, grazas á súa extraordinaria pericia artística, diálogos coa peza e co público.

Esta triangulación da proposta, con vértices no elenco, no personaxe e no público, axuda ao dinamismo e ritmo da execución, podendo así salientar un dos elementos sobre os outros, dous ou todos eles, de diversos xeitos e en diferentes tempos. Unha disposición moi eficaz que axuda tamén a que a enerxía estea sempre en movemento e que sirva de fonte de alimentación para o elemento central, que xa non é tanto María, senón Melania como sibila.

Como dixemos, todo na peza está posto ao servizo de realzar o traballo de Melania Cruz e facilitar a homenaxe da proposta. Así tamén a composición escenográfica (un traballo no que José Faro “Coti” propón un escenario aberto, que lembra por veces ao Odeón de París, cunha estrutura de fondo e multifuncional, que serve tanto de pantalla de proxección como de ventá á memoria) e lumínica (coa impecable Laura Iturralde nos focos) axudan a xerar espazos onde as actrices se atopan e camiñan xuntas, do mesmo xeito que nós camiñamos con elas.

Publicidade

Publicidade
Publicidade

Continente María, Ainé Producións

Texto: Marianella Morena

Dirección e Dramaturxia: Tito Asorey

Elenco: Melania Cruz, Vadim Yukhnevich

Escenografía: José Faro “Coti”

Iluminación: Laura Iturralde

Videoproxeccións: Laura Iturralde, Miriam Rodríguez

Vestiario: Laura Baena

Espazo sonoro e Música orixinal: Vadim Yukhnevich

Voces en off: César Goldi, Tito Asorey

Fotografía: Aigi Boga

Vídeo: Jairo Iglesias

 

Continente María é unha coprodución entre Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, coa axuda do Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego.

 

MITCFC. Auditorio Xosé Manuel Pazos, Cangas do Morrazo. 8 de xullo de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pont Flotant

‘Eclipse total’, de Pont Flotant, obtén o Premio do Público do FIOT

image e1668416197310 |

Se fose un lugar, sería un furancho