in

Existe o teatro infantil?

Imaxe creada con Intelixencia Artificial

O outro día, un colega fíxome esta pregunta: “existe o teatro infantil?”. Sabía claramente a súa resposta e coincidía plenamente coa miña opinión: NON.

Iso si, os motivos que tiñamos cada un de nós para facer tal afirmación partían de posicionamentos moi diferentes. El partía de que non se pode considerar o teatro infantil como unha disciplina en si mesma, como modalidade ou xénero, como poden ser a danza,  os monicreques ou o circo. Dicíame que o teatro é teatro e lanzábame outras preguntas: “acaso o bo teatro non é teatro para todo o mundo?”, “o teatro infantil é só para crianzas?”, “”existe o teatro infantil ou o teatro para adolescentes?”.

O meu “NON”, viña por outras direccións. E non ten que ver con que eu non considere que existe unha modalidade escénica específica dirixida fundamentalmente aos públicos máis novos, senón pola negación do propio termo. Para min non existe o teatro infantil como expresión dunha especialidade de teatro destinado a un público concreto por debaixo dunha determinada idade, nunca na miña vida utilicei ese adxectivo para cualificar este tipo de espectáculos. Eu sempre falo de teatro familiar ou teatro para nenos e nenas, e así me gusta denominalo, porque penso que o teatro para a cativada ten que estar dirixido a toda a familia que acompaña e leva da man a estas persoíñas que, polo momento, non poden ir soas ao teatro. Un teatro para toda a familia, desde a máis pequecha, ata o membro máis vello. De feito, interpretando a propia expresión no sentido estrito da mesma, concibo máis o teatro infantil como o teatro feito pola propia infancia, non o realizado por xente profesional adulta para a cativada.

Publicidade

Por outro lado, o propio termo infantil implica connotacións que poden levar a confundir o sentido real do adxectivo de xeito pexorativo. Todas e todos recoñecemos expresións como “ter un comportamento infantil”, “ser un pouco infantil”…; incluso moitas veces cando pensamos en espectáculos “infantís” podemos caer na tentación de pensar en actores e actrices facendo o parvo, espectáculos facilóns, graciosos, sen moita chicha: “Se total é para nenos…”.

Nada máis lonxe da realidade. O teatro dirixido ao público máis novo, ademais de ter que facerse ben, implica outras cuestións que, pola idade, espontaneidade e sabedoría do público destinatario, fan que sexa aínda máis complicado de facer.

As persoas adultas somos máis contidas (por norma xeral) e aguantamos carros e carretas aínda que un espectáculo non nos guste. Os nenos e as nenas, sobre todo os máis novos, cando non lles gusta algo dino claramente, e se fai falta até o berran sen ningún tipo de pudor. Este tipo de teatro, ademais de requirir exactamente as mesmas necesidades que o teatro que denominamos para “público adulto”, – dramaturxia, traballo actoral, deseño de luz e son, vestiario, dirección, maquillaxe, etc.- , ten que coidar moito máis o que conta e a forma de contalo. Primeiro porque os destinatarios non teñen as ferramentas e coñecementos que ten o público máis maior (case sempre), segundo porque están nunhas idades nas que é moi importante deixar algún tipo de pegada (emocional, cultural, educativa, de valores…), e terceiro, porque non só está destinado a ese público cativo, senón tamén ao que o acompaña. Unha peza para público familiar ten que gustar a toda a familia, desde os máis pequenos, ata as avoas que os acompañan. A misión fundamental deste tipo de teatro é crear afección, que queiran volver aos teatros, as persoas pequenas e as maiores.

Non sei se o meu querido amigo que me facía as preguntas que desembocaron nesta reflexión, ve ou non moito teatro familiar. O teatro familiar, incluso dentro do propio sector, sempre foi considerado de segunda división. Os cachés sempre son moito máis baixos, incluso comparando cun espectáculo para público adulto, co mesmo número de actores e actrices e mesmas características técnicas.

Os propios profesionais da xestión cultural facemos diferenzas á hora de contratar este tipo de espectáculos. Por norma xeral non temos ningún reparo (sempre que os orzamentos o permitan), en contratar un espectáculo dirixido a público adulto que teña un caché de 8.000 €, pero á hora de contratar un espectáculo familiar parécenos sumarísimo todo aquilo que supere os 4.000 €, sen parar a pensar no traballo e en todos os profesionais que hai detrás del.

No sector da crítica teatral as diferenzas tamén son palpables, basta con facer un percorrido por calquera columna de crítica, tanto en revistas especializadas como en medios xeralistas, para ver cantas críticas existen de espectáculos para maiores, e cantas sobre os que están dirixidos a nenas e nenos.

No caso dos propios actores e actrices pasa un pouco o mesmo. Os considerados grandes intérpretes, son en xeral os profesionais que se dedican ás producións para público xeral; para eles son os premios, os recoñecementos, de público, crítica, xestores…

Nos últimos anos, a maioría dos grandes premios teatrais, engadiron a categoría de “teatro infantil”, unha vella reivindicación das compañías profesionais que se dedicaban a producir este tipo de pezas. Sen afondar minuciosamente na raíz desta loita, penso que un dos motivos fundamentais era o difícil que resultaba competir con espectáculos dirixidos a público adulto, en canto a calquera categoría: mellores actores e actrices, mellor deseño de luz, de son, maquillaxe, dramaturxia, adaptación…, e sobre todo, a mellor espectáculo. Só hai que ver a listaxe de espectáculos galardoados na historia dos Premios María Casares e comprobar en cantas destas categorías recibiron premios espectáculos de carácter familiar.

Negar a existencia das artes escénicas para nenos e nenas como disciplina, modalidade ou xénero en si mesmo, penso que é descoñecer en gran medida o que hai detrás dun espectáculo destas características. Non hai máis que ver a industria que xera este tipo de propostas, que contan incluso con feiras específicas dirixidas a este tipo de espectadores e espectadoras. FETEN, a Feira Europea de Artes Escénicas para nenos e nenas, é a feira de artes escénicas máis importante e que máis profesionais da xestión cultural move a nivel nacional, e as contratacións de espectáculos familiares moven máis número de actividades programadas que o teatro para público adulto en cómputo global.

Publicidade

Convido a todos e todas a reflexionar e valorar este tipo de espectáculos, e convido á crítica teatral a achegarse a eles para que, dunha vez por todas, a igualdade tamén chegue a esta disciplina, a máis complicada de facer, a menos recoñecida e a menos valorada.

Publicidade
Publicidade
Marta Núñez

Marta Núñez

Marta Núñez (Vigo, 1976), licenciouse en Socioloxía pola UDC e, posteriormente, estudou Ciencias Políticas na UNED. Funcionaria de carreira do Concello de Vigo, traballa desde hai máis de dúas décadas na Concellería de Cultura como técnica de actividades culturais e educativas.
Xestionou programas como o "Vigo a Escena", o "Festival de Música Are More", ou o "Festival de Jazz Imaxinasons", e desde 2008 é a responsable da programación municipal de artes escénicas "Vigocultura", conseguindo incrementar en máis dun 80% a participación e asistencia de público.
Desde o ano 2021 forma parte da asociación Academia Galega do Teatro e na mesma data foi Premio de Honra do Festival de Teatro Galego FETEGA.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Facer Memoria Berrobanbán

As vivencias e historias da veciñanza soben a escena no peche de Facer Memoria 2022

Meiga-i cun micro na man e o público de fondo no Agrocuir

Criaçom de comunidade no Festival Agrocuir