in

As orixes do poder, o alumnado da ESAD e a nai que me pariu!

318507427 560287182762986 7739511187287867440 n |
Foto de Pablo Fernández.

Estou estes días lendo a Riane Eisler no seu libro El cáliz y la espada e atópome reconfortada co seus achados sobre a civilización prehistórica, sobre a maneira de organizar a sociedade e a distribución de poder entre os seres humanos.

Riane demostra amplamente o porqué do machismo tamén na arqueoloxía. Fundamenta este feito en que os primeiros xacementos prehistóricos atopados foron a mediados do século XIX, cando o nesgo patriarcal nas descubertas era a norma, sen cuestionarse a posibilidade doutra maneira de organizarse socialmente, onde non imperase o poder xerárquico, nin os homes. Este é o motivo polo que as teorías sobre a prehistoria están dando unha volta total á realidade e, probabelmente, teñamos no pasado a resposta á crise como especie, que vivimos na actualidade.

Na prehistoria existía outra forma de organizarse, onde as mulleres estaban ao mando, nunha relixiosidade que se rexía por render culto ao corpo da muller, a través da deusa, por iso a presenza de todas as estatuínas que mal chamaron, a partir no XIX, venus.

Se tivemos outra forma de vernos entre nós que non se fundamentara na dominación, senón na colaboración, aínda temos futuro común como especie.

Isto faime pensar en como exercemos o poder cando sabemos que o temos, como por exemplo á hora de dirixir unha peza de teatro ou nunha clase de interpretación.

É difícil e emocionante, á par, lanzarse á piscina e dirixir vixiándose a si mesma e poñendo coto ás parcelas de poder e revisándose, como se as nosas actitudes fosen piollos, porque cando creamos en horizontalidade temos que facer iso. Iso e tamén saber onde están as tarefas de cada oficio, por iso a creación con equipos humanos é complexa. E por iso o fan moi ben as mulleres, porque saben traballar en rede e escoitar máis que falar.


Publicidade

E non só hai que practicalo na dirección, tamén debemos practicalo nunha clase, sobre todo se é unha clase de arte, onde a persoa é a súa propia obra, canto máis en interpretación, onde o uso do poder debe ser cuestionado e revisado de forma estrita.

Son profesora de dirección de escena na ESAD de Galicia e, dende hai tempo, o alumnado reclama que as aulas sexan lugares seguros onde poidan explorar as súas emocións e os seus corpos sen abusos de poder, e eu non podo estar máis de acordo.

A forma de exercer o poder defínenos e nunha aula temos que ensinar a que non todo vale para ser actriz e se non o sabemos, entón teremos que aprendelo de quen o saiba e, por experiencia, neste caso son as alumnas quen saben todo o que pasa dentro dunha aula, e non debemos negarnos nin a aprender, nin a escoitar.

O libro que vos amentei conta como, despois da civilización da paz, chegou a civilización da guerra, da espada e da dominación e tentou borrar toda a memoria que nos conectara co pasado colectivo, igualitario e de paz, a sociedade do cáliz, pero a memoria sempre axuda ás comunidades a non repetir os erros e a avanzar para ser máis xustas.

Temos que revisar as nosas cabezas, para non esquecer e para revisar se hai piollos que nos convenzan para querer exercer o poder como dominación. Moito “ZZ” botou miña nai nesta cabeza piollosa, e será por iso que agora cando me reviso, non atopo ren de piollos e cando me lembro dela, da miña nai, lembro como organizaba toda a familia, que non deixa de ser unha estrutura social, sen ostentar nin o poder nin a dominación.

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Recortes, caneos e outras formas de driblar' do CDG & Ainé Producións. Foto de Aigi Boga.

A pseudocrítica en ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’

'Onde pousa a humidade' de Marcia Vázquez

A danza chega ós bares de Vigo nunha edición especial do Teatro Gorrilla