in

Queridas Raíñas Magas

IMG 20221223 WA0067 |
'Las tres reinas magas' de Gloria Fuertes, escenificadas a principios dos 80, polo grupo amador do colexio ao que ía Marta Núñez.

Moitas das persoas que se dedican á programación de artes escénicas, -técnicos ou técnicas de cultura ou directores e directoras artísticas-, tiveron algunha vez na súa vida algún tipo de relación directa coa práctica activa dentro do mundo escénico, ben no ámbito amador ou incluso no ámbito profesional, formando parte do elenco, dirección, dramaturxia ou calquera outra práctica escénica dentro da equipa artística.

Eu non ía ser menos. A miña primeira experiencia – e única -, como actriz, tivo lugar aló polo ano 1984. Despois de pasar por un duro e exterminador casting entre máis de corenta aspirantes e, a piques de que a chapona da clase me quitase o posto por unha única palabra na que errou – debería existir o VAR para comprobar que realmente foi así, pero agora xa non paga a pena remover este asunto -, finalmente conseguín o ansiado posto: Baltasara. Un marabilloso texto de Gloria Fuertes, tan marabilloso como todo o que tocaba o bolígrafo desta única e irrepetible poetisa, que de cando en vez tamén lle daba á dramaturxia. O título: Las tres reinas magas. Un texto áxil, enxeñoso, divertido e rítmico, no que xa por aqueles finais dos 70 no que o escribiu, Fuertes daba por primeira vez o protagonismo da epifanía a tres señoronas apoderadas, que, iso si, tiñan que facer o traballo dos seus esposos, xa que eles estaban en mesteres máis de machos alfa, como a defensa dos seus estados, alistándose nos seus exércitos como combatentes. O libro, que segue á venda no seu formato orixinal, incluía, ao final, indicacións sobre como facer a escenografía e o vestiario.

Recordo parágrafos completos do meu texto: “Pues yo no veas que tonteas, como haciéndome un favor, me otorgasteis o emplumasteis el famélico y utilitario dromedario, que resulta que es dromedaria! Hasta su nombre es difícil!”.

Hai uns anos estivo unha compañía madrileña representando este texto dentro da programación Vigocultura.

A experiencia foi a mellor da miña vida, e decidín que quería ser actriz. Foron varios meses de representacións en distintos pavillóns escolares, que culminaron cunha intervención radiofónica. Fun moi popular no meu colexio e, sobre todo, entre as miñas compañeiras de clase, e sentín, un pouquichiño, algo similar ao que debe sentir Melania Cruz cando camiña polas rúas de Compostela.

A miña vocación repentina esfumouse poucos meses máis tarde, cando por fin descubrín cal era de verdade a miña paixón, á que quería dedicar toda a miña vida. Esa non a direi aquí hoxe.

Recoñezo que me encanta o nadal, e non ten nada que ver coa cidade na que vivo. Isto vén do meu pai, que deixaba a pel e a vida en transmitirnos a ilusión desta época. Na miña familia, pola parte Núñez, todo comezaba coa lotaría do 22 de decembro. Á miña avoa paterna gustáballe enormemente reunirnos a todos arredor dunha mesa, cun chocolate con churros e as listas dos números, cos décimos e participacións que xogaba esparexidas. Mentres metía o churro na boca facía o reparto de todas as pesetas que nos daría a cada un de nós.

Papa Noel só deixaba presentes na casa dos meus avós maternos, republicanos de convicción, os Aboy, pero aquilo era espectacular. O meu avó, Antonio, do que xa falei na miña primeira columna, e que non consentía que a monarquía lle roubase protagonismo, escachaba cada ano os vidros dunha fiestra da casa de Teis, para que pensaramos que fora o gordo torpón, de barba branca, quen rompera todo ao entrar para deixar os presentes.

Pero o realmente marabilloso e importante era a chegada das SS.MM Os Reis Magos de Oriente, chegada que o meu pai vivía intensamente polo que era completamente imposible sequera imaxinar que estes seres máxicos non foran “realmente reais”.

O nadal é unha época de ilusión, pero tamén é un momento de repasar. De repasar todo o que pasou este ano que, nuns días, deixaremos atrás.


Publicidade

No sector das artes escénicas pódese dicir que este foi o ano da recuperación total da normalidade post-COVID. Unha normalidade que non consegue remontar as cifras de asistencia aos teatros e auditorios, consolidadas nos momentos previos á pandemia. O esforzo que custa crear unha programación estable, cun público fiel e asiduo, e o pouquiño que fai falta para que todo se derrube. As feiras de teatro volveron ás nosas vidas coa capacidade dos teatros e auditorios ao 100%, e as compañías volveron retomar as súas pezas producidas antes do apagón ou a lanzarse á creación de novas propostas, cos dedos cruzados para que non houbese volta atrás.

Pero o nadal é tamén a época de escribir as nosas cartas de desexos, e este ano, máis que nunca, os desexos están marcados pola proximidade das eleccións municipais que terán lugar a finais de maio do 2023. Porque a importancia dos resultados destas eleccións son directos e claves no futuro das programacións culturais dos nosos concellos. Nos últimos catro anos, vivimos como programacións culturais consolidadas e de calidade, caían das grellas dalgúns teatros e auditorios porque o politicucho de quenda decidía que o teatro galego non interesa aos cidadáns e cidadás das súas vilas. Porque o teatro e a danza galegos, as artes escénicas do país, en xeral, non enchen teatros e non merecen estar nas programacións. Non fai falta que poña exemplos nin que volva mencionar o tempo perdido, irrecuperable, e o complicado que será remontar esta gran perda.

O tempo aprema e, como estamos xa xustos, e a misiva ten que chegar ao afastado oriente antes da noite do 5 de xaneiro, non me demoro máis, así que aquí vai a miña carta:

Queridas raíñas magas:

Este ano fun boa (aínda que non sexa certo, non se pode prescindir desta forma de comezar calquera petición real, que é o punto de partida para que as raíñas se apiaden de ti e decidan colmarte cos agasallos que estás pregando).

Quero unha clase política implicada coa cultura, que defenda as artes escénicas do país e apoie o tecido artístico que hai en Galicia, que é moito, que é bo. Quero concelleiros e concelleiras de cultura que non veñan de rebote cando non saiban a quen meter nesta carteira, sen ningún tipo de formación, sensibilidade e empatía coa cultura. Quero políticos e políticas cuxa prioridade non sexa encher teatros, senón encher as cabezas e os corazóns de emocións, de experiencias vividas, de historias, de sensacións, de arte. Quero alcaldes e alcaldesas que cando senten cos interventores e interventoras dos concellos para preparar as contas anuais, decidan incrementar as partidas orzamentarias destinadas a cultura. Quero teatros e auditorios ben dotados. Quero que neses teatros e auditorios exista persoal cualificado, suficiente e axeitado traballando. Quero que se recoñeza o traballo deste sector do xeito que se ten que facer, sen consideracións de segunda, terceira ou cuarta clase, a todos os niveis. Quero que se coiden as programacións e todo o que se engloba dentro delas. Poder ter cartos para comunicar e comunicar ben. Poder ter cartos para coidar as compañías. Poder ter cartos para programar dobres ou triplas funcións. Quero autocrítica, quero recoñecemento do ben feito, quero paixón, quero emoción, quero rebelión. Quero que non sexa necesario estar pendente da paridade porque esta paridade sexa, por fin, unha realidade. Quero arte comprometida, non sometida (ver columna da erregueté do 30 de outubro) e quero liberdade. Liberdade á hora de crear, de programar, de opinar, de elixir, de crer, de pensar, de vivir, de sentir…

Queridas raíñas magas: quero políticas culturais dignas e quero políticos e políticas dignas tamén.

E con todos estes desexos, agardo que todas as que estades lendo isto, teñades un feliz nadal e un 2023 cheo de traballo, teatro e cultura. Felices festas!!!

Marta Núñez

Marta Núñez

Marta Núñez (Vigo, 1976), licenciouse en Socioloxía pola UDC e, posteriormente, estudou Ciencias Políticas na UNED. Funcionaria de carreira do Concello de Vigo, traballa desde hai máis de dúas décadas na Concellería de Cultura como técnica de actividades culturais e educativas.
Xestionou programas como o "Vigo a Escena", o "Festival de Música Are More", ou o "Festival de Jazz Imaxinasons", e desde 2008 é a responsable da programación municipal de artes escénicas "Vigocultura", conseguindo incrementar en máis dun 80% a participación e asistencia de público.
Desde o ano 2021 forma parte da asociación Academia Galega do Teatro e na mesma data foi Premio de Honra do Festival de Teatro Galego FETEGA.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Certame microteatro da memoria |

A Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia convocan o III Certame de Microteatro da Memoria

96595809 6. aquilesdescubiertoporulisesydimedespedropablorubens16171618 |

Palcos Disidentes