in ,

Un total de 36 espectáculos optan aos Premios María Casares 2023

A finais de febreiro coñeceranse as propostas finalistas para as 16 categorías nas que se dividen os María Casares

Premios María Casares 2022
Foto: LaDiapo

Un total de 36 espectáculos e máis de 300 profesionais concorren aos XXVII Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados de forma anual pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O proceso de inscrición rematou o pasado 9 de xaneiro rexistrando unha gran participación. Desta volta, 36 montaxes postúlanse nas dezaseis categorías nas que se dividen os premios dende este 2023, ano en que se crearon dous novos apartados (dirección de movemento e espectáculo de monicreques).

Os María Casares concederán 16 premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, espazo escénico, espazo sonoro, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección de movemento, dirección, espectáculo, espectáculo infantil e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

Tras a fase de inscrición, iniciase a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e da programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das dezaseis categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro.

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión teatral. Este ano, a entrega celebrarase o xoves 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Deste xeito, tras tres edicións que se viron afectadas pola situación sanitaria, a gala dos María Casares volve celebrarse na semana do Día Mundial do Teatro, que se conmemora o 27 de marzo.

Durante a gala, entregaranse ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle concede cada ano como homenaxe a unha persoa ou a unha entidade cuxa traxectoria contribuíu significativamente ao desenvolvemento do sector, e lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

premios max 2023

Os galegos candidatos nos Premios Max 2023

Baltasar Patiño

Matarile estrea ‘Pussy Cake’