in

AdoroAdoro

Tempo de polarizacións

Foto: Afonso Becerra. ‘Time unveiling Truth’ (1733) by Jean-François Detroy. The National Gallery. London.
Foto: Afonso Becerra. ‘Time unveiling Truth’ (1733) by Jean-François Detroy. The National Gallery. London.

Quen non quere ser libre?

A cousa é saber o que pode ser iso de ser libre.

Pensamos que o somos, pero, ao peor, só facemos o que nos mandan sen decatarnos.

Dependemos uns das outras e as outras de nós e o sistema funciona de tal xeito que acabamos por interiorizar e naturalizar usos, costumes e consignas.

Agora mesmo, eu diría que estamos nunha época de grandes polarizacións ideolóxicas, morais e políticas (no sentido máis partidista).

Os algoritmos das redes sociais e dos distintos servizos dixitais, que parecen o principal medio de relación, fóronnos xuntando cos da nosa corda e retroalimentándonos nas nosas conviccións. Pouco a pouco, esas conviccións, retroalimentadas en bucle entre a nosa tribo de palmeiros e seareiros, fóronse afiando esquematizadas en tópicos, keywords (xeralmente en inglés) e cancelos (hashtags), que esgrimimos como carta de autoridade e como armas, até constituír ortodoxias. Poñemos cancelos e cancelamos todo aquilo que escape do noso rego ou que mova os nosos marcos. Cadrámonos e cadramos a vida en ismos que reducen a mirada, que a polarizan. Dígocho eu, nos meus ismos, que me declaro ecoloxista, galeguista e feminista, aínda que ande sen carné, sen slogans, sen erguer bandeiras, sen o xustillo da doutrina (doxa), rebelde dos meus ismos e de min mesmo.


Publicidade

Cando vou ao teatro fuxo das ortodoxias e das propostas que parecen ficar en conversas de barra de bar, desas que se parapetan nos titulares de actualidade ou nas consignas ideolóxicas do movemento X. Vou ao teatro para encontrarme cos matices, coa sutileza, co calidoscopio, coa complexidade e, si, coa liberdade. Esa que só a arte con maiúsculas ten.

Pero que difícil é encontrar obras de arte escénica libres, que non sexan produtos do mercado! Obras de arte escénica cuxo motor non estea ditado polo mero entretemento, vinculado a unha ortodoxia ideolóxica. Obras que non nos pretendan convencer dalgo.

O outro día, un colega de traballo que ten máis anos ca min e que tamén atesoura máis experiencia no teatro galego, comentábame, en base a certas polémicas relacionadas cos contidos no teatro, que estabamos nunha época que a el lle recordaba moito os inicios do teatro profesional galego, no que a meirande parte dos espectáculos se facían ao servizo de idearios reivindicativos e de consignas políticas. Viña a dicir que se trataba dun teatro “moi malo” que se xustificaba polos seus fins ideolóxicos. E viña a dicir tamén, ou así llo entendín eu, que facer teatro político era, e segue a ser, moi difícil. Dicíame que, daquela, todo o que non estaba nesa onda era sistematicamente condenado pola profesión. Que naquel panorama dos 80 a única excepción era Matarile e atrevíase, así, en petit comité, a establecer algunha excepción con compañías que eran capaces de conciliar un alto nivel estético e un provocador discurso político, citando a Artello e Chévere.

Alén desta conversa de corredor que ficou no xeral, o certo é que hai público para todo, para o Luar da TVG, para os shows de Abel Caballero e, por suposto, para o teatro ao que, seguindo o algoritmo das nosas tendencias, desa liberdade condicional, imos confirmar e reafirmarnos, entretidamente para mellor ser, nos nosos ismos e nos seus tópicos. Pero tamén hai algún público, se cadra menos maioritario, para pezas heterodoxas e iconoclastas que nos cuestionan, que se cuestionan e que descadran os algoritmos. Pezas que van máis alá de slogans ou de tendencias á moda. Pezas que creban os ditados das estatísticas e das enquisas que calculan o triunfo e pulan por unha maioría absoluta.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: bailarinas na Alemaña nazi

Sentido e sensibilidade

Escola Ramon Falcon

Lugo acolle a mostra de ‘Universo Reich’