O Teatro Gorrilla pecha a tempada este sábado 20 de maio co clásico Festival Teatro Gorrilla, onde varios bares da zona de Churruca, en Vigo, acollen pezas de teatro, danza e varietés. Ábrese ás 19 horas na Cantina Candela (Rúa Martín Códax, 12) con Eva Comesaña e o seu work in progress Cómo alabar en voz alta, un solo de danza contemporánea onde a palabra e a xestualidade se unen para pór de manifesto e reflexionar sobre o feito de dar e recibir, e entender o que hai no medio de ambas.
Continúa a programación na Casa de Arriba (Rúa Martín Códax, 23) con María de las Llanderas e un fragmento da súa peza A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas, espectáculo que xira en torno a entrevistas feitas á súa nai, quen compartiu cidade e xeración coa poeta Xela Arias. Nestas conversas, apareceu repetidamente o clima de inestabilidade, tensión e perda que viviu a súa xeración nos anos oitenta. Esta performance é un pequeno ritual dedicado a ela.
Prosegue a velada na Sala Kominsky (Rúa dos Irmandiños, 3) con Clara Ferrao e Carlos Salomón Penso e o seu work in progress La Cura, un dúo de danza contemporánea.
Xa entrada a noite, ás 22 horas, o programa convida a asistir no Tinta Negra (Rúa dos Irmandiños, 2) á presentación de No clareo, de Meiga.I; unha peza “con canto, pouco traballo e moito lercheo”. O remate do festival vén dado polo DJ SET de Nenaza e Heterita na Sala Kominsky ás 23.30 horas.
Teatro alternativo de Gorrilla
Teatro Gorrilla é un proxecto autoxestionado e alternativo que Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña levan a cabo, e que pretende transformar e democratizar a cultura na cidade olívica, levando propostas contemporáneas de artes escénicas aos bares, lugares cheos de vida que apoian o arte a través de múltiples concertos, por iso, queren que as artes escénicas tamén teñan presenza nestes espazos non convencionais, e así, visibilizar novas propostas de artistas independentes de Galicia.
Este proxecto comeza como resposta á baixa visibilidade das artes escénicas e a escaseza de espazos para a súa práctica e desfrute na cidade de Vigo. O funcionamento de billete inverso, é a de pagar polo espectáculo unha vez sexa desfrutado e que a persoa valore canto quere pagar por el, sendo o mínimo recomendado pola organización de 3 euros. Isto está inspirado no teatro de rúa onde se “pasa a gorra”.