Será que ao final chegará o día onde non saia o sol? Ese día onde o que pintou mal realmente acabou tendo mal aspecto, onde o malo cumpriu as expectativas e, en fin, todo se confirmou traxicamente?
Pregunto porque parece que esta semana a realidade se nos quedou un pouco máis triste grazas a ese don humano de escoller opcións que van á contra dos seus propios intereses nun exercicio común de castigo.
Será a ignorancia, serán os discursos tendenciosos repetidos todo o tempo en todos lados ou simplemente que a xente é mala. Pode ser e non o descarto. A maldade existe e pódese dar en calquera, así que, por que non?
Non teño a sensación de que non vaia saír o sol de novo pero é certo que choveu toda a semana e iso tampouco invitou ao optimismo.
Hai negatividade no ambiente, tristeza ante o que pode pasar nun par de meses, ante o traballo que xa se perdeu, as axudas que xa non se van dar e, por exemplo, a votación sobre a Lei de Ensinanzas Artísticas que por fin chegara ao parlamento pero que non poderá ser aprobada. Hai parálise nacional, unha vez máis.
Ante a parálise son necesarios os estimulantes culturais que vertebran os elementos significativos da nosa dignidade.
Porque unha das tarefas máis fundamentais da cultura, na forma que sexa, é emocionar no máis amplo sentido da palabra. Porque a gran derrota humana virá da man da falta de emocións. Sentir na súa totalidade é fundamental. Non se trata de vivir no mundo da felicidade infinita, nin no mundo da desesperanza. Trátase de vivir nun mundo onde as cousas sigan sucedendo, onde as cousas non se paren e onde un sinta que está vivo.
A cultura da denuncia social está ben e é necesaria, máis tamén é necesaria a cultura das emocións. Aprender e sentir é aprender a empatizar. Aprender a empatizar é aprender a identificar as cousas que non poden ser e os comportamentos que non se deben tolerar. Sentir é a base da nosa humanidade ante unha sociedade lanzada ás mans da idea do éxito, do triunfo e do diñeiro.
E xa vos digo agora que sentir non é unha cousa que se lle poida preguntar a calquera das IAs de moda. Sentir non é un algoritmo que poida calcular unha máquina, non é algo que un programa informático moi elaborado poida conseguir.
Unha IA nunca vai poder escribir As flores do mal, nin o guión de Casablanca, nin a Sétima Sinfonía de Beethoven, nin poderá teorizar nunca sobre a banalidade do mal nin nada remotamente parecido. Porque as máquinas non saben o que é sentir. Sentir é de uso exclusivamente humano. Que non nolo quiten.