in ,

A dramaturga Esther F. Carrodeguas recibe o premio Hai unha voz

Marilar Aleixandre e Rexina Vega son as outras dúas autoras gañadoras da primeira edición do certame

carrodeguas
A dramaturga Esther F. Carrodeguas

A dramaturga Esther F. Carrodeguas é unha das tres autoras premiadas no certame Hai unha voz, que a Deputación de Pontevedra promove xunto á asociación Clásicas e Moderna ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, “co obxectivo de visibilizar e impulsar o talento feminino na cultura e distinguir a pegada das mulleres no eido literario”. Carrodeguas vén de ser distinguida, xunto con  Marilar Aleixandre e Rexina Vega, nesta primera edición do certame. As tres recibirán os seus galardóns, dotados con 5000 euros cada un, na gala que se celebrará na Sala Rosalía da sede provincial en Vigo esta tarde, ás 19.30 horas. O evento será presentado por tres das integrantes do Manifesto: Mariana Carballal, Silvia Penas e Isabel Blanco, e contará coa actuación musical de Guadi Galego.

Esther Carrodeguas, Marilar Aleixandre e Rexina Vega foron elixidas polo xurado entre un total de dezasete candidatas de distintos eidos do mundo literario, tanto escritoras como tradutoras, críticas ou libreiras, propostas tanto polas integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior como por entidades locais, culturais ou profesionais. O xurado estivo composto por Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación; a técnica deste departamento Ana Isabel Amoedo e varias integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior: Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación;  Mariana Carballal, profesora, actriz e directora; Edurne Baines, periodista e editora; Isabel Blanco, avogada e escritora; Mercedes Corbillón, escritora e editora; Anna R. Figueiredo, escritora e profesora; e Silvia Penas, escritora, poeta e profesora.

No caso de Marilar Aleixandre, o xurado dos premios valorou “a indiscutible traxectoria” desta escritora, académica da RAG, autora de ensaio, novela para público adulto, xuvenil e con diversos galardóns, “sempre traballando a favor da lingua, da literatura galega e desde un punto de vista ético e feminista”, que se veu referendada co Premio Nacional de Narrativa o pasado 2022 por As malas mulleres.

Rexina Vega é escritora, profesora e investigadora e conta cunha sólida traxectoria como autora de narrativa e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro. O xurado destacou os seus artigos na revista Tempos Novos e a súa participación na curtametraxe documental Cunqueiro. A grande ilusión como unha das voces máis autorizadas para falar do autor. Amais, ao longo de 2022 contribuíu á internacionalización da lingua e cultura galegas coa súa presenza en foros de pensamento, como no webinar auspiciado pola Universidade de Kentucky sobre Álvaro Cunqueiro e congresos en Bos Aires e Varsovia, entre outros.


Publicidade

Pola súa banda, “a dramaturga e poeta Esther Carrodeguas ten tamén unha sólida traxectoria literaria e escénica marcada polo compromiso social, o feminismo e a loita pola igualdade”, segundo destacou o xurado. “Foi candidata aos Premios Max 2023 pola súa obra Supernormais, que aborda a temática da diversidade e que compaxinou con outros proxectos para colocar o teatro galego feito por mulleres no escalafón máis alto a nivel nacional e internacional”, sinalaron tamén á hora de concederlle o recoñecemento. Este ano, Esther, que forma parte do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, tamén impartiu un dos cursos da Escola de Letras que promoven a Deputación e a Editorial Galaxia.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Ifixenia'. Foto de Marion Bornaz.

O Salón Teatro acolle a ‘Ifixenia’ do Proxecto NÓS/NOUS

Laranxas cortadas.

Erro