in

O Salón Teatro acolle a ‘Ifixenia’ do Proxecto NÓS/NOUS

É a estrea en Galicia desta montaxe dirixida por Claudia Stavisky a partir do texto de Tiago Rodrigues

'Ifixenia'. Foto de Marion Bornaz.
'Ifixenia'. Foto de Marion Bornaz.

Ifixenia, a nova montaxe desenvolvida ao abeiro do Proxecto NÓS/NOUS, chega a Galicia. O Salón Teatro do Centro Dramático Galego acolle esta fin de semana a estrea en Galicia desta posta en escena que parte do texto do dramaturgo, director de escena e actor portugués Tiago Rodrigues e que está dirixida por Claudia Stavisky, actriz, pedagoga e directora de escena, e tamén directora do Théâtre des Célestins de Lyon. Forman parte do equipo artístico da peza 16 persoas que están a rematar os estudos superiores de Arte Dramática, nas súas diferentes especialidades, seguindo cos principais obxectivos que se atopan detrás do Proxecto NÓS/NOUS.

Esta iniciativa, de natureza internacional ao implicar institucións de Francia, Portugal e Galicia, é un espazo de creación escénica e de intercambio entre catro compañías públicas (o CDG, o Célestins – Théâtre de Lyon, o São João do Porto e o Dona Maria II de Lisboa) e outros tantos centros de ensino (ENSATT de Lyon, ESAD de Galicia, con sede en Vigo, ESTC de Lisboa e ESMAE do Porto) que ten como obxectivo “promover tanto a profesionalización como a internacionalización de estudantes no treito final do seu período académico, ao poñelos en contacto con figuras consolidadas do sector teatral”.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa neste proxecto internacional, que conta co financiamento do programa europeo Erasmus+K2, a través da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e do Centro Dramático Galego. O Salón Teatro é a segunda parada da xira de Ifixenia, tralo seu paso polo Célestins, onde se desenvolveu o proceso de montaxe e onde se estreou o pasado 16 de xuño, con dúas citas máis os días 17 e 18. A sede do Centro Dramático Galego acollerá dúas funcións da peza, unha mañá, sábado 24 de xuño, ás 20.00 horas, e outra o domingo, 25 de xuño, ás 19.00 horas. O espectáculo desenvólvese nas tres linguas (galego, portugués e francés), e no seu paso por Galicia contará con subtítulos para o francés. O acceso será gratuíto, previa retirada de entradas no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes de cada función. A cabida nestas funcións será máis reducida do habitual xa que nesta montaxe o público estará sobre o escenario, formando parte do xogo escénico da peza.

Equipo Proxecto Nós
Equipo artístico de ‘Ifixenia’ no Salón Teatro.

Tralo seu paso polo Salón Teatro, Ifixenia viaxará a Lisboa, onde estará no Dona Maria II o xoves 29 e o venres 30 de xuño, e pechará a xira no Teatro Carlos Alberto do  Porto, onde se poderá ver o 7 e 8 de xullo. 

Dende a ESAD de Galicia participan nesta montaxe Bañera (Iria Aboal Díaz), que está a rematar os seus estudos na especialidade de Dirección e Dramaturxia, e que desenvolveu as tarefas de dramaturxia; Daniel Rodríguez Iglesias, de Escenografía, nas tarefas de iluminación; e Laura García Recarey e Lúa Rodríguez Pagán, de Interpretación, que forman parte do elenco da peza.


Publicidade

Afondar na memoria compartida

Claudia Stavisky, a directora da montaxe, refírese así á posta en escena deste texto: “Iso é o que quero transmitirlles a eses mozos e mozas que están a punto de iniciar a súa carreira no mundo do teatro. A través dunha experiencia singular de comuñón europea, que transcende as nacións, os idiomas e as identidades, arredor dun dos máis grandes mitos fundadores da nosa historia común: o de Ifixenia.
O xenio de Tiago Rodrigues ofrécenos nesta obra un material extraordinario para afondar na nosa memoria compartida, consciente ou inconsciente, do poder, da guerra, da violencia, da xustiza, do amor, da patria, da morte, do individuo ante o mundo. Imaxine un «bistrot» unha «taberna», unha «fonda», onde, dende hai multitude de xeracións, as persoas comen, toman copas, cohabitan alegremente, se cruzan, falan, bailan xuntas… Onde os nenos e as nenas de hoxe se chaman Orestes, Electra, Ifixenia, xogan ao fútbol no descampado do lado sen recordar de onde procede o seu nome… E, de súpeto, chega alguén ou algo que esixe que o recordemos. Velaí esa estraña viaxe…”.

Ficha artística

Texto: Tiago Rodrigues
Dirección: Claudia Stavisky
Tradución francesa: Thomas Resendes
Tradución galego: Xosé Couñago
Elenco: João Amaral, Laura García Recarey, Pedro Nunes, Hippolyte Orillard, Lúa Pagán, Catarina Pitrez, Francisca Queiroz, Christophe Vauthey
Asistencia de dirección: Teresa Silveira Machado
Asistencia de dramaturxia: Bañera l. Aboal Díaz
Vestiario: Adriana Figueiredo
Iluminación: Daniel Rodríguez Iglesias
Escenografía: Tomás Richter, Rubén Meireles
Coreografía: Ricardo Moreno
Director de produción: Emmanuel Serafini
Responsable de produción: Luke Gotail
Asistencia de produción: François Meteau
Director xeral: Laurent Patissier
Interno: Milena Menadier
Grazas: Ricardo Moreno
Fotografías: Marion Borna
Colaboración: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades – Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Instituto Politécnico do Porto /Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo, Instituto Politécnico de Lisboa / Escola Superior de Teatro e Cinema, École Nationale Supérieure des Arts et Techniques du Théâtre / Centro Dramático Galego, Célestins – Théâtre de Lyon, Teatro Nacional D. Maria II, Teatro Nacional São João

Proxecto financiado polo programa europeo Erasmus + K2
Duración: 1h15
Espectáculo en linguas galega, portuguesa e francesa

Ifixenia, de Tiago Rodrigues, está publicada nas edicións Les Solitaires Intempestifs, na recompilación Ifixenia, Agamenón, Electra.

O autor

Nado en Amadora (Portugal) en 1977, Tiago Rodrigues é o actual director do Festival de Aviñón. Tamén é actor, director de teatro, dramaturgo e produtor. Traballou coa compañía tg STAN en 1997, o que influíu enormemente nas súas creacións, sobre todo na súa inclinación polo traballo colaborativo. En 2003, fundou a compañía Mundo Perfeito e creou preto de 30 espectáculos que se presentaron nunha vintena de países. Entre 2015 e 2021 foi o director artístico do Teatro Nacional D. Maria II.
Recibiu numerosos premios e distincións polo seu traballo, en particular o premio Pessoa en 2019. Entre os seus espectáculos máis recentes atópanse Catarina e a beleza de matar fascistas (2020) e O Cerejal, creado para o Festival d’Avignon (2021). Varias das súas obras foron presentadas nos Célestins nos últimos dous anos, como O coro dos amantes, Ifixenia ou Na medida do imposible.

A directora

Nada en Bos Aires, Claudia Stavisky chegou a Francia en 1974 para estudar no Conservatorio nacional superior de arte dramática. Comezou a súa carreira baixo a dirección de Antoine Vitez, despois, actuou en obras de autores de renome antes de asinar as súas primeiras producións teatrais en 1988.
No ano 2000, asumiu a dirección do Célestins. Dirixiu unha trintena de espectáculos con xiras por Francia e en todo o mundo, alternando creación contemporáneas e clásicas.
Claudia Stavisky tamén está comprometida coa formación de actores e realizou numerosos obradoiros de práctica artística en cárceres, casas de traballadores inmigrantes e barrios desfavorecidos.
As súas últimas creacións son unha homenaxe aos clásicos (A Praza Real, de Corneille, ou A triloxía do Veraneo, de Goldoni), ás grandes obras do século XX (A vida de Galileo, de Bertolt Brecht) e aos textos contemporáneos (Rabbit Hole, de David Lindsay Abaire, ou Escena dunha execución, de Howard Barker).

Cuarta montaxe

Ifixenia é o cuarto espectáculo coproducido pola Xunta de Galicia dentro do Proxecto NÓS/NOUS trala peza Bilingüe, dirixida por Pedro Penim, a obra O mundo persistente, escrita por Fernando Epelde e dirixida por Tito Asorey, e o Tartufo, de Molière, baixo a dirección de Tónan Quito

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O futuro ao outro lado do espello. Aula de Teatro SEI San Narciso

25 anos de teatro no ensino secundario do Morrazo

carrodeguas

A dramaturga Esther F. Carrodeguas recibe o premio Hai unha voz