in

AdoroAdoro

Os perigos da cultura do entusiasmo: traballar gratis

Hai prácticas aparentemente inocentes que xeran dinámicas perversas

Sobre o baleiro Ana Abad de Larriva Manuel G. Vicente
'Sobre o baleiro', de Ana Abad de Larriva. Foto de Manuel G. Vicente | Cidade da Cultura

A segunda e a terceira acepción que recolle a RAG da palabra “entusiasmo” veñen definidas, respectivamente, como “sentimento que demostra grande alegría por algo ou alguén” e “adhesión viva a unha causa ou grande interese por unha empresa”. Aparece algo que te move, e pam, aí estás: si, si, veña, claro, que si, si, si, isto fágoo, si, si, apúntome, veña, veña, alá vou.  O entusiasmo en si mesmo é algo marabilloso, axúdate a fluír na vida e tamén no traballo. Eu son unha persoa que desborda entusiasmo polas cousas que me moven, e, como artista, isto é un gran pulo creativo, porque me fai seguir o fío de sensacións, imaxes, sons, historias, espazos, linguaxes, encontros, propostas… e cultivalas e facelas medrar.

Normalmente me enfoco niso sempre, na alegría, na ilusión, no positivo, en ver o lado bo das persoas e das cousas. Porén, cada vez me decato máis de que esta ferramenta tan marabillosa para a creación e para a vida pode converterse tamén na propia kryptonita da persoa que a posúe, se alguén —ou ata nós mesmas— se decide a empregala para manipularnos. E, o problema, é que, nesta sociedade, isto é algo que acontece con bastante frecuencia, e de xeitos aparentemente inocentes, pero bastante perversos.

Escribo este artigo para reflexionar sobre unha das cuestións que me xurdiron arredor deste tema; si, tamén dende o entusiasmo de expresarme arredor delas, pero sen ningunha vontade de xerar negatividade ou polémica. Non vou demonizar o entusiasmo; o entusiasmo é marabilloso. Non vou demonizar a quen ten entusiasmo pola vida e pola súa profesión, nin a quen ten medo de non poder saír adiante economicamente ou de non poder facelo dedicándose ao que lle gusta, e, contrariamente ao que pretendía, acaba aceptando propostas que no fondo nin agariman o seu traballo nin dignifican a profesión. Tampouco vou demonizar a quen tenta aproveitarse dese entusiasmo, porque moitas veces se fai de xeito inconsciente, aínda que noutras tamén se faga conscientemente. Eu caín moitas veces, e aínda sigo a caer, como entusiasta que son, en prácticas que no fondo me magoan. E pasa tamén que mesmo as persoas entusiastas caen na cultura do entusiasmo e a perpetúan levándoa a outras entusiastas, moitas veces sen decatarse de que, ao mesmo tempo, están a perpetuar as dinámicas perversas que se aproveitan do entusiasmo. Simplemente vou reflexionar sobre os perigos dalgunhas prácticas, por se pode ser de interese para novas reflexións e cambios.

Isto era algo no que xa levaba tempo pensando, non sei se foi efecto de ser autónoma, que che pon as cousas noutra perspectiva e fai que che entre unha febre parva de querer poñer en valor —léase tamén cobrar— o teu traballo; ou se foi pola acumulación de oportunidades que no fondo me roubaban tempo, enerxía, ilusión e recursos, se as poñía en perspectiva; ou se foi de falar bastante arredor destas cousas con colegas de profesión, en contextos profesionais e persoais… De feito, Irene Moreira regaloume hai pouco El entusiasmo, de Remedios Zafra, unha lectura que conecta moito con estas cuestións e me remexeu bastante nese sentido.

Traballar gratis

Hoxe vou escribir sobre algo que deriva do aproveitamento do entusiasmo: traballar gratis. Cando falo de prácticas perigosas ou que xeran dinámicas perversas, falo de propostas que ofrecen algo apelando á alegría e vontade de facer e de axudar, e tamén á vontade de saír adiante da persoa ou colectivo, pero que van aparelladas cunha “utilización” dese entusiasmo, mediante unha manipulación directa ou indirecta, normalmente embelecida por unha coidada presentación, que fai que aceptes cousas que, vistas dende outra perspectiva, quizais non aceptarías.

Nas profesións relacionadas co eido artístico e cultural son moi importantes as colaboracións, as sinerxías que se establecen. Moitas veces se acompañan e agariman proxectos pola propia vontade de colaborar, e iso coido que é san e fermoso. Porén, ás veces os termos colaboración e traballo mestúranse, o voluntario e o obrigatorio rabúñanse, e o fermoso remata cuberto dunha capa de cotra; ao tempo que as persoas se queiman e acaban desgastadas e desentusiasmadas.

Falo aquí de esixencias para facer pasar traballos por colaboracións non remuneradas, de colaboracións que se espremen para convertelas en traballos pero sen ser pagas ou sendo mal pagadas —cobrar unha cantidade ridícula por un traballo entra tamén dentro das prácticas perigosas, aínda que non sexa facelo gratis—; das colaboracións que fas sen cobrar porque che din que non hai cartos pero nas que, de súpeto, te decatas de que es a única persoa que non cobra, ou es a que cobra menos, mesmo traballando máis; dos regateos; de que aceptes facer unha cousa e polo mesmo prezo —ou ningún— che caian enriba cinco; de investir cartos en colaboracións, xa que os gastos derivados da colaboración tamén os tes que asumir ti; ou de que algo que pensabas que facías voluntariamente te decates de que o fas porque tes medo de sufrir represalias futuras se non o aceptas…  E o que pasa moitas veces cando che sobe esa febre parva de querer poñer en valor o teu traballo e o dis é que aínda se che repoñen. Que cousas ten esta! Que cousas! Cobrar por traballar. Onde se viu?

Pago en likes

Vou poñer un exemplo a partir dun caso que me aconteceu recentemente. Unha persoa dun concello galego no que actuara este ano (profesionalmente e cobrando, e nun marco moi fermoso) reenvioume a información dunha convocatoria para enviar propostas para unha programación especial dentro dun festival de música que se vai desenvolver entre esta semana e a que vén entre Galicia e Portugal. Esa programación ía dirixida especificamente a “poñer en valor a creatividade e o emprendemento do talento galego e portugués”, e entre as disciplinas artísticas das que se aceptaban propostas estaban, dentro das de exhibición ao vivo, o teatro, a danza e a música. Faríanse nun espazo non convencional singular e na información dicíase que se porían “os medios necesarios” para a execución de cada proxecto seleccionado.

Enviei unha proposta escénica dunha peza para adaptala a ese novo espazo e, con grande entusiasmo, recibín un correo dicíndome que, despois de estudar e seleccionar as propostas recibidas, me informaban de que querían contar comigo. Porén, ao preguntar á dirección do festival pola dotación económica para a execución da posta en escena, a resposta foi que non había ningún tipo de dotación económica pois era un “evento colaborativo e participativo de promoción do talento”, e que o que ofrecían era o “espazo singular”, así como “os medios de infraestrutura e divulgación”; os medios económicos non estaban contemplados. E preguntáronme se seguía interesada en facer a peza, porque se non avisaban as persoas en lista de agarda.


Publicidade

Claro, o meu entusiasmo nese momento bateu coa miña realidade e conciencia de artista emprendedora, autónoma. Como vas apoiar e poñer en valor o talento creativo e emprendedor de artistas de artes escénicas, sen valoralo, pedíndolles que vaian actuar sen cobrar?, pregunteime. Ou xa sen nin sequera contar cunha cantidade mínima para gastos. É que aquí non che daban nin para o transporte do material ou para un bocadillo. E, con moita mágoa, tiven que dicir que, sen ningún tipo de dotación económica, non podía facelo. Xa non houbo máis resposta. Por deferencia, escribín tamén á persoa que me reenviara a información —e que forma parte dun Concello que apoia o festival, xunto con moitas outras institucións galegas e portuguesas—, dicíndolle que presentara un proxecto, que mo seleccionaran pero que me dixeran que non había ningún tipo de remuneración e que me daba moita mágoa pero que non ía poder ir actuar sen cobrar —eu pensando que dende o Concello non estaban ao tanto. A resposta, para a miña sorpresa, foi: “Este festival ten como finalidade a promoción do talento nun espazo único cunha gran proxección internacional. É unha decisión persoal”.

Unha decisión persoal?

Nese momento quedei bastante chocada, debo dicilo. Mais como valoro o labor do festival e o das institucións colaboradoras, aprecio as iniciativas culturais que desenvolven e agradezo que aposten cada vez máis por promocionar as novas linguaxes e as novas voces, algo coido que moi necesario, —eu mesma estou moi agradecida ás entidades e iniciativas que me permitiron medrar e evolucionar como artista, non só cunha difusión, senón cun acubillo e unha dotación económica, maior ou menor, pero que sempre cubría os gastos básicos mínimos­ do meu traballo—, quixen afondar un pouco nesta cuestión, para achegar novas perspectivas sobre o tema, a partir de compartir as miñas meditacións, por se poden levar a novas reflexións e consideracións.

É que, precisamente por iso, como sei que estas persoas e institucións están a apostar por apoiar profesionalmente a cultura, coido que non é só unha decisión puramente persoal non ir, neste caso, traballar gratis —que, en realidade non é gratis, é pagando, porque todos os gastos recaen tamén sobre a artista—, ou non axudar a promover o traballo gratuíto, aínda que me encante o meu traballo, senón que é algo que nos atinxe colectivamente, e sobre o que penso que se debería reflexionar tamén dende as entidades que teñen a capacidade para facelo, porque coido que neste caso non o fan conscientemente por mal e cren que o feito de que o festival vaia ter cobertura mediática xa é pago abondo polo traballo.

Como idea é marabilloso querer promover o talento creativo e emprendedor, pero se non hai os medios para facelo, para pagar unha cantidade mínima digna a cada proxecto de artes escénicas seleccionado ou ofrecerlle, se non, unha pequena bolsa ou residencia de creación; pois penso que se podería facer un encontro, un espazo de debate e intercambio no que falar dos proxectos e establecer conexións entre artistas, e tamén indicar claramente nas bases que se poñen medios técnicos para o desenvolvemento da sesión, pero que non hai medios económicos para os gastos das artistas ou compañías seleccionadas.

Porén, nese evento o que van facer as artistas ou compañías de artes escénicas seleccionadas é facer unha función da súa peza ante o público do festival. Entón, facer unha convocatoria específica para poñer en valor e promocionar o talento creativo e emprendedor sen ter unha mínima dotación económica ou sen ofrecer algún outro tipo contraprestación de apoio á creación e o emprendemento, pero pedir a execución deses proxectos artísticos de artes escénicas ante o público gratis, a cambio de difusión, na miña humilde e modesta opinión, que non ten por que ser a correcta, é perpetuar a precariedade. Enténdese ademais que apoiar a cultura e a arte non é facer beneficencia: seleccionaron uns proxectos porque lles viron un valor para o público que os vaia ver, a quen lle poden producir unha experiencia estética e sensorial, ou mesmo intelectual, que lles faga sentir, reflexionar, cuestionarse cousas.

E eu pregúntome entón: que mensaxe se lle está a dar á xente que comeza a emprender nas artes escénicas, un sector xa bastante precarizado de por si? Que o seu traballo non é un traballo? Que ten que traballar gratis a cambio de darse a coñecer e ter difusión? E o tempo e cartos de formación, que nas nosas profesións é continuada e nunca remata; o tempo e gastos de traballo de ensaio, non só da propia posta en escena o día da función, os gastos da Seguridade Social, técnicos, de transporte, de material…? Tantas cousas que están detrás dunha actuación e que non se valoran. É como cando che din que podes ir actuar gratis a un local e que deas grazas de que non che cobren. Pero lembremos que a unha artista, cando vai mercar o pan á panadaría, non llo dan gratis a cambio de probalo e darlle publicidade; loxicamente, ten que pagalo.

Coidarse

Curiosamente, a miña peza seleccionada para participar no festival, adaptándoa ao seu espazo non convencional,  era Sobre o baleiro, que presentara o ano pasado dentro do festival Escenas do Cambio (cun apoio e un acubillo marabillosos). Esta peza abordaba precisamente isto: a queimazón ante a multitarefa, ante o traballo gratis ou mal pagado, ante o desbordamento ante supostas oportunidades e ofertas que rematan levándonos a unha actividade frenética e non remunerada, en malas condicións, que remata por arrasarnos. Eu teño moito entusiasmo aínda, e moitas ganas, a pesar do cansazo que me asola, pero e a xente que xa o perdeu, que xa non pode máis, que non pode soster o entusiasmo porque non ten xa a onde se agarrar? Por favor, falemos, reflexionemos, coidémonos, e coidemos o entusiasmo, que é algo valioso cando non se converte na nosa kryptonita. E fagámolo individualmente, pero tamén de xeito colectivo.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Ulysse de Taourirt'. Foto: C. Raynaud de Lage.

‘Ulysse de Taourirt’ | Compagnie Nomade in France

'La vida es sueño' de Compañía Nacional de Teatro Clásico, Cheek by Jowl e Lazona. Foto: Javier Naval.

‘La vida es sueño’ por Declan Donnellan