in , ,

O Titiriberia celebra a súa oitava edición

O festival de títeres tradicionais desenvolverase en Rianxo entre o 24 e o 30 de xullo

titiriberia 2023 reducida
Presentación da oitava edición do Titiriberia

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebrará en Rianxo entre o 24 e o 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o festival levará até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correrán a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal. A esta cifra cómpre sumarlle os artistas e formacións que participarán na nova edición de As varietés de Barriga Verde, produción propia do Festival que protagonizará unha das cinco estreas que acolle o festival.

“Rianxo volve ser, un verán máis,  fogar para o teatro de monicreques”, sentenciou Comba Campoi, presidenta da asociación Morreu o Demo, quen participou na presentación desta oitava edición xunto ao concelleiro de Cultura, Educación e Deportes do Concello de Rianxo, Julio Alcalde, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

“Esta oitava edición aposta de novo polos grandes principios de Titiriberia”, sinalou Campoi antes de subliñar o carácter “integrador e descentralizador” deste festival que espalla durante unha semana o seu programa por diferentes escenarios, parroquias, centros sociais e praias, ademais do Auditorio Municipal de Rianxo. “Porque procuramos crear públicos e atoparnos co público no seu día a día, en pé de rúa, nas prazas, nos escaparates e nos campamentos da cativada, apoiando e axudando na conciliación”, lembrou Campoi.

Nomes galegos

O programa deste 2023 achegaralle ao público unha visión completa dos grandes nomes do noso teatro de monicreques. O cartel combina formacións pioneiras dos bonecos en Galicia como son Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Trécola ou Viravolta con nomes consolidados con longa traxectoria como son A cova das Letras, Os monifates, Diáspora, Larraitz Producións Artísticas,  Seisdedos, ou Títeres Alakrán.

Precisamente, estas dúas últimas formacións estrearán coproducións con Titiriberia nesta oitava edición. Alakrán ofrecerá o martes 25 e o mércores 26  O xigante Barriga Verde, un espectáculo de rúa que presenta o histórico personaxe galego do teatro de cachaporra en gran formato. Pola súa banda, Seisdedos ofrecerá O Cego dos Monifates: Romance de Peito de Lobo o sábado 29.

As outras estreas de Titiriberia serán a tamén coprodución de Coa música a outra parte, de Trécola, o xoves 27; As Varitédes de Barriga Verde, que reunirán o venres 29, baixo a condución de Clara Gayo, as actuacións de artistas como Santi Prego, Ura Vázquez, ou Títeres Alakrán, e A Festa dos monicreques, pasarrúas de Viravolta, Tïteres Alakrán e Vai de Roda, outra produción propia que inaugurará o festival o luns 24 ás 13.00 horas.


Publicidade

Para pechar o programa, contarase un ano máis coa implicación de Teatro Airiños. A histórica formación celebrará no Titiriberia o seu 90º aniversario o domingo 30 coa última representación de República Sideral, texto da tamén rianxeira Esther Carrodeguas merecente do Premio Barriga Verde para textos de monicreques que convoca de forma bienal a Xunta a través da Agadic.

 

Presenza exterior

O programa de funcións complétase coa participación de compañías procedentes do exterior. Dende Portugal, a compañía de Aveiro Red Cloud Teatro de Marionetas representará Dom Roberto; dende Cataluña, contarase coa participación dos titiriteiros Toni Rumbau e Eudald Ferré; dende Euskadi, chegará a compañía  vasco-nicaragense Ostomila Títeres; e dende Aragón, a formación maño-brasileira Traspusteros, quen representará Marieta e o Boi Bumbá.

Os integrantes de Trapusteros (a investigadora brasileira Izabela Brochado e o titiriteiro maño Marcos Pena) impartirán un curso de formación sobre a dramaturxia no mamulengo, xénero popular brasileiro que protagonizará con máis de 30 bonecos unha das catro exposicións deste Titiriberia 2023. Outras dúas mostras retratarán os títeres de cachaparra de Europa e a historia do galego Barriga Verde e a cuarta, recolle xa dende a semana pasada nos escaparates de doce comercios locais figuras do repertorio artístico dos Monicreques de Kukas.

O programa de Titiriberia complétase cunha conferencia de José Luis do Pico Orjais sobre Castelao e os cabezudos de Rianxo, unha mesa redonda sobre os monicreques na II República, as charlas que dirixirá cos artistas participantes o titiriteiro e crítico teatral Toni Rumbau, os obradoiros da man de Babaluva de creación e manipulación integrados nos Campamentos de Verán do Concello de Rianxo e os encontros posfunción.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

front view books with glasses |

Os Laboratorios de Creación da SGAE aceptan proxectos de escritura teatral

'Mujer en cinta de correr son fondo negro' de Alessandra García. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.

Mujer en cinta de correr sobre fondo negro