in ,

Mujer en cinta de correr sobre fondo negro

Caminante, no hay camino

'Mujer en cinta de correr son fondo negro' de Alessandra García. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.
'Mujer en cinta de correr son fondo negro' de Alessandra García. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.

“Caminante, son tus huellas

el camino y nada más;

Caminante, no hay camino,

se hace camino al andar”

Antonio Machado.

 

Foi con ocasión da última presentación dunha compañía profesional na Sala Ingrávida do Porriño, en 2020, cando puidemos ver por primeira vez a peza de Alessandra García, Mujer en cinta de correr sobre fondo negro, que agora chega á 39ª edición da MIT de Ribadavia.

Dende entón, este traballo que aparecía na súa versión de “work in progress”, xirou por media España e acadou premios e consideracións como El Ojo Crítico de Artes Escénicas (RNE, 2022), a Mellor Actriz nos premios Ateneo Teatro ou o Max ao Mellor Espectáculo Revelación, tamén en 2022.

Quen tivese a sorte de coñecer aquela sala porriñesa, profesional e irreverente, saberá que as pezas que por alí adoitaban pasar tiñan varios elementos en común: o compromiso artístico, o activismo social, a crítica política, o espazo para a reflexión.

Así, Mujer en cinta de correr sobre fondo negro presenta unha mirada sobre a nosa realidade, fundamentada no emprego dun humor corrosivo como ferramenta para a reflexión do mundo no que vivimos e que nós construímos cada día, comezando cun espazo para a observación do ser humano, acoutado á paisaxe da nosa veciñanza, do máis achegado: o noso barrio.

Unha muller, que non deixa de camiñar sobre a súa cinta de correr, observa o mundo e as persoas que a rodean, aproveitando esa observación para falar de como a clase e o poder económico actúan sobre os corpos, como exemplifica imitando o xeito de camiñar dunha muller vella e pobre e o dunha muller vella e rica.

Mujer en cinta de correr sobre fondo negro non anda con prolegómenos e ataca os nosos prexuízos de forma directa, empregando sen anestesia palabras que hoxe poderiamos considerar “incorrectas” ou de “mal gusto” polo pensamento politicamente correcto imposto dende as instancias do privilexio: vella, pobre, rica, negro, maricón.


Publicidade

Non son insultos, senón palabras empregadas para enmarcar unha realidade contuntente e inmisericorde, e que por iso mesmo tendemos a ocultar con segundas voltas e frases “bensoantes”, non vaia ser que o seu cheiro nos bata nos fuciños.

Mais iso é precisamente o que procura Alessandra García: bater nos fuciños dunha sociedade anestesiada con programas de entretemento e desexos de ser o que non é. Espertarnos, facernos pensar.

Unha sociedade que pensa que a felicidade é vestir de Versace é unha sociedade frustrada. Esa é a base do capitalismo feroz: facernos crer que os nosos soños se poden cumprir mercando cousas. E xusto por iso, deixarnos sempre co “case”, preto, mais nunca cumprindo realmente esas fantasías.

Así nace a sociedade da copia, que merca Ghalil Klein porque non pode mercar Calvin Klein ou Simba y Lola porque Bimba queda moi lonxe, afastada por liñas de buses que non conectan os barrios “malos” cos “bos”.

Unha crítica social feroz porque é real: realmente somos todes pobres. Cremos que non o somos, pero somos. Dinnos que non o somos, pero somos. Un espello no que nos podemos recoñecer cada vez que entramos no Lefties, no Primark, no mercadillo.

E nese soño de que a compra, o mercado, a posesión é sinónimo de felicidade cabe todo. Dende a roupa ao ático sen ascensor ou o neno roubado a unha familia marxinal. Mesmo es artistes, que se debaten entre a cultura e o entretemento, sen aceptar que a realidade é sempre mestura.

Un soño que, cando espertamos, revélanos que da frustración non se sae coa diferenza, a compra exclusiva ou o soño dunha felicidade inatinxíbel, senón a través da tranquilidade que acadamos no recoñecemento de que todes somos en esencia iguais, se cadra separades unicamente por un acento, por unha inflexión, por unha lingua.

Alessandra García propón unha peza onde o humor corrosivo e a rabia aparecen a partes iguais, bailando dunha emoción a outra ou mesturando as dúas, pois non son tan alleos o riso e o berro.

A composición corporal viste o discurso con accións sinxelas como camiñar ou xogar cunha pelota, mais é na transición entre as mesmas e no propio tránsito da acción, na súa evolución, onde podemos observar o efecto que provoca ese discurso no corpo: esa tensión entre o riso e o sorriso forzado, entre o xogo e o mareo, a danza ou a pelexa a morte cun boneco de aire.

Igualmente o espazo escénico (unha especie de caixa laranxa que enmarca tanto como encerra á artista) ou o sonoro (que nos ubica no contexto biográfico da actriz cos seus referentes andaluces) axudan a crear esta tensión e, mais que distanciarnos, a podernos mirar no espello que nos propón García.

Un espello de fondo negro como a realidade na que vivimos.

Mujer en cinta de correr sobre fondo negro, Alessandra García – Dos Bengalas

Dirección, Textos e Interpretación: Alessandra García

Axudante de dirección: Violeta Niebla

Dramaturxia: Ramón Gázquez

Vestiario: Dela-Delos

Iluminación: Azael Ferrer, Francisco Burgos

Deseño de espazo escénico: Beatriz Ros

Asistente de movemento: María del Mar Suárez

Arranxo sonoro: Bass Seismic

Rexiduría: Marta Howard

Audiovisual: Cruda Films

Perruquería: Ana García

Auditorio Rubén García, Ribadavia. 16 de xullo de 2023.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

titiriberia 2023 reducida

O Titiriberia celebra a súa oitava edición

'Aquellas que no deben morir' de Las Huecas. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.

Aquellas que no deben morir