in ,

Cucaracha con paisaje de fondo

Amor sacro e amor profano

'Cucaracha con paisaje de fondo' de Mujer en obras. Imaxe: Rosiña Rojo para a MIT de Ribadavia.
'Cucaracha con paisaje de fondo' de Mujer en obras. Imaxe: Rosiña Rojo para a MIT de Ribadavia.

“Yo no nací sino para quereros;

mi alma os ha cortado a su medida;

por hábito del alma mismo os quiero.

Cuando tengo confieso yo deberos;

por vos nací, por vos tengo la vida,

por vos he de morir, y por vos muero.

Garcilaso de la Vega, Soneto V.

 

O colectivo Mujer en obras chega á MIT de Ribadavia logo de acadar os premios Max de teatro ao mellor espectáculo e autoría, ambos na categoría de revelación, este mesmo ano 2023.

Unha compañía conformada por 12 actrices, un director/autor/actor, un encargado de escenografía e vestiario e un axudante de dirección, e cuxo obxectivo é “descubrir un novo espectro de personaxes femininos” elixindo á muller como orixe e desencadeante da ficción, aínda que nesta peza a autoría, dirección e mesmo a interpretación do único papel masculino estean todas nas mans dun home, Javier Ballesteros, que non puido acudir a Ribadavia e foi substituído polo sevillano Pablo Chaves.

Logo do éxito da súa primeira peza LA {mujer en obras}, coa que acadaron encher os Teatros del Canal en varias tempadas, chega Cucaracha con paisaje de fondo, unha observación da obsesión pola maternidade e unha aceda crítica ao uso do amor como escusa para as nosas vilezas.

Nese sentido, a peza contrapón o uso da amizade, para acadar unha especie de eutanasia, e a necesidade de ser nai, para poder dar o amor gardado, como dous xeitos diferentes de xustificar unha existencia baleira, rematando unha para evitar un sufrimento imaxinado e prolongando a outra a través da descendencia.

De fondo, unha paisaxe de mulleres encirradas nun balneario onde o aire de repouso vai construíndo unha atmosfera cada vez máis claustrofóbica, acompañando o desenvolvemento da trama. Unha paisaxe onde destaca a figura do médico, un home cuxa obsesión é acadar a inmortalidade do xeito máis mesquiño e que ten máis a man.


Publicidade

En figura, a “cucaracha”, a cascuda. Unha muller, Fernanda (interpretada por María Jáimez), cuxa estilizada vestimenta negra destaca sobre todo o branco que compón a escenografía e o vestiario, salientando así a súa diferenza sobre as outras mulleres. Malia que o seu motivo para chegar ao balneario sexa acadar unha solución amábel para a súa doenza terminal, o certo é que, como todas as cascudas, será a que fique en pé e escape da tolemia que se desenvolva, como boa supervivente que é.

Fronte a ela, a personaxe que interpreta June Velayos, unha especie de Karen española de perruca loura e xesto clasista, e que agocha no seu discurso de amor altruísta a necesidade de ser nai para darlle sentido á súa vida e unha raiba reprimida a forza de azucre.

Opostas como antagonistas, lembran ao cadro de Tiziano, Amor sacro e amor profano, onde dúas figuras de muller representan as dúas caras do amor neoplatónico: o amor divino (representado pola figura dunha muller ricamente vestida, probablemente de noiva) e o amor humano ou carnal (o Venus Vulgaris, representado pola figura dunha muller sospeitosamente semellante á primeira, semiespida). Entrámbalas dúas, a figura dun neno repoludo e despistado, o Amor.

Esta imaxe especular fálanos da dobre cara que teñen as cousas, segundo a interpretación que lles deamos, e así actrices e personaxes xiran a unha ao redor da outra. A primeira, representado a envexa que nos corroe até acabar con nós. A outra, como o falso amor co que vestimos de xenerosidade infinita as nosas vidas, cando en realidade somos nós es que necesitamos ser amades.

Outros elementos desta Cucaracha remiten á representación clásica do amor: o trío de axudantes a modo de Tres Grazas, as cortinas a modo de columnas, a imaxe da Venus de Boticelli nalgunha prenda…

Estas referencias clásicas teñen que ver tamén cun dos grandes puntos fortes da peza: a actualización da comedia do Século de Ouro e o emprego do verso nun escenario cotiá, algo que, como espectadores, nos leva a entrar no xogo de enredos e mentiras agochadas que, intelixentemente e cunha dramaturxia moi ben pensada, se vai presentando diante de nós. Como ruptura e efecto de estrañamento, o emprego dun coro –que nos leva de novo a pensar nos clásicos– onde figuras extraordinarias exercen de comentaristas da trama e de augures do que está por vir.

A “benfeitura” dramatúrxica axuda a que a dirección teña claros os seus obxectivos e así os vai colocando sobre o escenario, a modo de crebacabezas no que van encaixando as súas pezas, acompañando os movementos máis singulares con reviravoltas máis ou menos inesperadas e rematando nunha traxedia tan clásica como cómica.

Como antes mencionamos, o escenario aparece vestido de branco –como adoita acontecer nos balnearios–, unha cor que fala da pureza e coa que se agochan as miserias, como fai a lixivia cos malos olores. Unha escenografía dominada por unha piscina que lamentamos non fose empregada dun xeito máis significativo para o desenvolvemento do drama, aínda que así sexa para o xogo de niveis que lle axuda á axilidade do movemento escénico.

Un deseño firmado polo mesmo Pablo Chaves que substitúe nesta ocasión ao director e autor da peza, Javier Ballesteros. O mesmo Chaves firma tamén o exquisito vestiario da peza, especialmente visíbel nos modelos en negro ou nos traxes de baño que agochan os albornoces do balneario.

Como terceiro vértice do noso triángulo, o seu personaxe de médico é o único elemento masculino da peza, unha especie de pailán que rega co seu seme ás clientas que a el acoden e que aparece convertido en obxecto de desexo por todas elas e mesmo polas súas empregadas, o que nos leva a reflexionar sobre se realmente estamos nunha ficción, na que é a muller quen a desencadea, ou non.

Un home infantil como ese neno repoludo pintado por Tiziano e que, se cadra, xoga ao despiste, como xeito de exercer a súa manipulación, metendo os seus pés na piscina das emocións, como fai o Eros coas suas mans, no cadro referido.

Cucaracha con paisaje de fondo, Mujer en obras

Dirección e Dramaturxia: Javier Ballesteros

Elenco: Laura Barceló, Eva Chocrón, Virginia de la Cruz, Matilde Gimeno, María Jiménez, June Velayos, Pablo Chaves

Iluminación: Juan Seade

Música: Isabel Arranz

Deseño de escenografía e Vestiario: Pablo Chaves

Produción: Raúl de la Torre

Fotografía: Laura de la Isla, Oliver Roma

Axudante de dirección: Víctor Nacarino

 

Auditorio Rubén García, Ribadavia. 22 de xullo de 2023.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto Antonio Salas - Bailarina Ana F Melero / Danza No Claustro en santa María de Xunqueira de Espadanedo 6 de Agosto de 2023

Danza no claustro 2023

'Pedro e o Lobo' de Fantoches Baj, 2023.

Fantoches Baj estrea ‘Pedro e o Lobo’