in

Fantoches Baj estrea ‘Pedro e o Lobo’

Presentou o novo espectáculo o 15 de agosto, dentro da XLV Mostra de Teatro de Cariño

'Pedro e o Lobo' de Fantoches Baj, 2023.
'Pedro e o Lobo' de Fantoches Baj, 2023.

Fantoches Baj, unha das compañías teatrais máis consolidadas do panorama galego, vén de presentar un novo espectáculo. Trátase dunha adaptación do clásico conto de Pedro e o Lobo, desta volta representada con marionetas manipuladas coa técnica do bunraku, acompañadas coa música do clásico de Prokofiev e todo sobre unha maqueta de ferrocarril para contarlle especialmente aos nenos e nenas, pero tamén ao público familiar en xeral, “unha historia de emocións humanas: a superación, o amor, a vinganza, o medo e o orgullo e finalmente unha defensa do lobo e da necesidade de valorar a natureza”.

Pedro e o Lobo de Prokofiev é un grande clásico teatral para a infancia. Desde a súa estrea mundial en 1936 foron acometidas innúmeras postas en escena por todo o mundo con moi diferentes abordaxes. Pero quizais o máis repetido é o modo en que Prokofiev a estreou: un narrador que vai contando a historia de Pedro e o seu enfrontamento co lobo, ao mesmo tempo que vai tendendo pontes coa orquestra e enunciando como a música, cos seus timbres, melodías e ritmos é capaz de evocar espazos e personaxes e incluso describir accións. A partir de aí, desa proposta narrativa, o resto, polo normal, sexan no cine, danza, teatro con actores ou marionetas, representan a historia e o narrador desaparece ou pasa a un segundo plano.

A proposta de Fantoches Baj para esta nova posta en escena de Pedro e o Lobo é conciliar estes dous grandes modos de facer esta obra, unindo o relato do narrador (ou narradores) coa representación das accións que se describen ou evocan na música. Para iso, Fantoches Baj escolleu para representala marionetas manipuladas coa técnica do bunraku, pois esta técnica de manipulación a vista, sobre mesa, permite que convivan sen dificultade eses dous planos, obrigando ao manipulador a alternar entre as dúas funcións de narrador e de actor.

A proposta de Fantoches Baj tamén difire do clásico en que en vez de situar a historia nun mundo rural illado da modernidade, contextualiza o conto de “Pedro e o lobo” nunha estación de tren pechada, nun espazo que quixo ser moderno, pero que finalmente foi abandonado e que a natureza comeza a recuperar. Por iso, os que contarán a historia son tres antigos operarios do ferrocarril, apaixonados polos trens, que deixaron o seu traballo de desmontadores de estacións para converterse en donos dun parque infantil.

Argumento

Pedro e Mariola son descendentes dunha familia de traballadores do ferrocarril, donos agora dun parque temático onde se recrea en miniatura un circuíto dun antigo tren a vapor. Hoxe, utilizando algúns dos elementos escenográficos do seu parque (a estación de Montefurado, o vagón-vivenda do avó, unha augada e un bosque) cóntanlle a xente como se coñeceron na estación abandonada de Montefurado nun día en que toda a aldea andaba á procura dun lobo, de como Pedro cazou o lobo para facerse o valente e vingarse de que lle papara a seu “pata Branca” e como finalmente Mariola convence a Pedro para que perdoe ao lobo e o deixe retornar ao seu ámbito natural, o bosque.

A compañía

Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela, a compañía, afincada en Lalín, centra o seu campo de interese no teatro de títeres entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta mais tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo, “Tío Miseria” (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo, “O Asombro” (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés no espectáculo “As Pombas de Carboeiro”. Pasando por unha interrelación con outras linguaxes escénicas, co teatro de actor no espectáculo para adultos “A Saia da Carolina” (2008); co clown en “Rei, rei” (2008); cos xigantes e cabezudos en “Zampón o Lambón” (2009); coa maxia en “Sinda, Linda, Catrina, Simón e o demo Cobillón” (2009); co teatro de rúa en “Velocíclopes” (2010), Os golfiños e o xigante(2019), Novos lobos (2021), A vaixe feliz de Ramón Sanfiz (2023) Partindo da idea de que o teatro de títeres é un poderoso instrumento de contar historias Fantoches Baj non renuncia a ningunha tematica ou forma literaria, pero os gustos van sobre todo polas literaturas tradicionais e os discursos poéticos.


Publicidade

O seu director, Inacio Vilariño, gañou en dúas ocasións o premio Barriga Verde de Textos Teatrais nas dúas modalidades de infantil e de adultos cos textos “Auga que non vas beber” e “Fábula Galénica”.

Nesta compañía colaboran habitualmente Luis Iglesias, “Luchi” na construcción de bonecos e escenografías, así como actor e manipulador en moitos dos espectáculos; e Benxa Otero, na creación musical e interpretación en directo.

Para a interpretación do novo Pedro e o lobo, dirixida polo propio Inacio, Fantoches Baj conta ademais de con el, tamén cos actores Luis Iglesias e Larraitz Urruzola.

Pedro e o lobo trátase dun musical de teatro que se pode interpretar de dous xeitos: En formato de teatro con banda de música interpretando en directo os arranxos musicais realizados por Benxamín Otero; ou en formato teatral sen banda de música en directo, apoiándose nas músicas que irán soando gravadas no transcurso do espectáculo. Se ben a montaxe está concebida para as dúas formas de interpretación, a máis espectacular é a primeira delas, pola sonoridade e vistosidade de poder contar con espectáculo teatral con banda de música en directo. A compañía Fantoches Baj xa ten traballado nunha experiencia similar co espectáculo “As Pombas de Carboeiro”, interpretado con 20 bandas de música diferentes ao longo de toda Galicia, acadando unha fabulosa crítica tanto a nivel musical como teatral.

O vestiario de Pedro e o lobo foi deseñado por Olga Vieites, os arranxos musicais corren a cargo de Benxamín Otero, do deseño do cartel e das marionetas encargouse de Iván Suárez e da escenografía Luis Iglesias (Luchi).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Cucaracha con paisaje de fondo' de Mujer en obras. Imaxe: Rosiña Rojo para a MIT de Ribadavia.

Cucaracha con paisaje de fondo

'Une Cérémonie' de Raoul Collectif. Foto: Céline Chariot.

‘Une Cérémonie’ de Raoul Collectif