in

‘Lingoreteira’, de Xarope Tulú, pecha o ciclo ‘Tras as ameas’

É a última actividade que acolle a edición actual do programa da Deputación de Pontevedra

Lingoreteira 1
'Lingoreteira', de Xarope Tulú

O Castelo de Sobroso en Mondariz acolle este martes 29 de agosto o peche da actual edición do programa da Deputación de Pontevedra “Tras as ameas”. O espectáculo de contacontos Lingoreteira, da man de Xarope Tulú, será a encargada de poñer punto e final a este ciclo a partir das 19:00 horas nos xardíns da fortaleza e xa conta con todas as prazas esgotadas.

Lingoreteira é unha homenaxe á parte máis charlatana de cada persoa que mantén viva a transmisión oral dos contos. Dirixido a un público familiar, combina a narración oral, a música e a manipulación dunha marioneta, para pór en valor a lingua mediante as historias. En escena, unha narradora e un músico fannos viaxar por novos camiños a través da música e da palabra.

Con oito anos de actuando nos escenarios, Xarope Tulú é unha compañía comprometida coas linguaxes escénicas dirixidas á infancia e a mocidade. As súas propostas están ligadas á narración oral, ao teatro de obxectos, á interpretación actoral e á música. Actualmente a compañía, composta pola actriz Atenea García e o escenógrafo e músico Nicolás Zamorano, conta con varios espectáculos en cartel como ‘Nómades’, ‘Rilla-Rilla’ ou ‘Roupa Tendida’.


Publicidade

Con Lingoreteira conclúen as 13 actividades deste ciclo de “Tras as ameas”, unha iniciativa cultural e familiar da Deputación de Pontevedra que ten como obxectivo dinamizar os espazos dos castelos de Soutomaior e Sobroso a través da organización de concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos. As accións dividíronse en cinco bloques: ‘Noite no castelo’ (accións nocturnas), ‘Música con historia’ (concertos para público familiar), ‘Nin príncipes nin princesas’ (contacontos), ‘O teatro vén de visita’ (teatro de rúa), ‘Creando no xardín’ (obradoiros participativos de arte), ‘Vaia circo este castelo!’ (espectáculos de circo exterior) e ‘Entre muros de maxia!’ (espectáculos de maxia).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Teresa Cayolla Porto e Afonso Becerra no Museu Nacional do Teatro e da Dança. Foto: Rui Mourão.

O paradoxo maravilhoso: o teatro, a dança e o museu

Microefectos dramatúrxicos Imaxe de Pepe Saavedra reducida

Os Microefectos Dramatúrxicos volven ao Club Clavicémbalo