in

Conciliar as preposicións co teatro

París, Agosto de 2022. Foto: Irene Moreira.
París, Agosto de 2022. Foto: Irene Moreira.

Nestes días lembrei unha conversa que tiven cun dos meus fillos, porque me serviu de panca para falar nesta nova irreverencia sobre as estreas teatrais nos seus momentos pre e pos, é dicir, no antes e no despois da voráxine.

O meu fillo de 9 anos chegou da escola e esta foi a conversa:

  • Que tal na escola, Leo?
  • Ben, sabes? Hoxe tiven que explicarlle a miña profe o que era unha estrea teatral.
  • E iso, por que?
  • Pois porque leva toda semana pedíndome cousas para clase e xa lle dixen que non podía traer nada esta semana porque estabamos de estrea na casa e iso significaba que o máis importante era a estrea da peza de teatro. Pero que quedara tranquila porque a semana que vén xa todo volvía a ser coma antes.

Fíxome pensar moito e o primeiro que cismei foi “Aidiormío, a profe vai pensar que somos uns titiriteiros do carallo, vai etiquetar ao coitado do Leo”, despois  “Pero que ben o estamos a facer na casa, el non nos pediu nada nin se queixou…ogallá estude para notario” e de todo este ruído mental lembreime cando hai unhas semanas volvín estrear e ao día seguinte ía dedicarme a descansar tooodo o p**o día, pero entón caín na conta das lavadoras que tiñamos por facer na casa, non só non tiña descanso posible senón que non me chegaría un só día para recuncar no pulso da vida familiar. E comecei a reflexionar nos días de antes de estrear, onde o caos comeza a imperar na casa, na escola, na vida, vaia! Conecteino de seguido coas conversar que teño, cada vez máis veces, coas compañeiras de profesión sobre a diferenza de ter crianzas e non ter para asumir un proceso creativo, porque só a loxística que temos que facer para cadrar o plan de ensaios é tan complicado coma facer un pano de boca de encaixe de bolillos.

Iso senón falamos da modalidade residencia artística, que é demoledora. Porque, perdoa, eu non podo pausar a miña vida, durante dúas semanas, para crear, por moi importante que sexa para a compañía. Porque fago teatro para vivir e non para morrer no intento. Escollín esta profesión porque me encanta tanto como vivir e non deben ser incompatibles os dous conceptos: vida e teatro.


Publicidade

Iso pasa por ser muller multitarefa e disto habería que escribir longo e tendido… Sempre imaxino as vidas deses homes das institucións, abafados por esas mañás de evento en evento, sinaturas varias, roldas de prensa… E compároas coas vidas que coñezo de primeira man, as de antes de saír para o ensaio deixar a casa arranxada e as crianzas preparadas na escola, ir no coche prevendo o xantar de despois, por exemplo. As de, entre unha cousa e outra, toda a mañá de clases, reunións, responder correos, organizar ensaios. Desexando chegar a casa, pola tarde, para aproveitar o tempo morto das actividades extraescolares, mentres fas chamadas de traballo ou preparas material para o día seguinte… En fin, que sería do capitalismo e do patriarcado sen as mulleres? Eh? Que sería? Non somos nin capaces de imaxinalo… Puxen de exemplo criar pero serve igualmente para coidar nais, pais e parentes, xunto coas demais situacións que adoitan tirar da capacidade e paciencia das mulleres, eses seres dos que, sen o seu empeño invisible, a práctica totalidade dos homes grises non poderían levar a cabo case ningunha das súas importantes xestións.

O certo é que case é un eido exclusivo das mulleres pero temos algunha rara avis masculina, que exerce a súa paternidade e a súa parcela de coidados, non por iso temos que facerlle unha festa, iso está claro! Pero non podo estar máis contenta, porque temos que aprender a poñer límites tamén nisto, e isto é algo que as novas xeracións teñen que pensar porque non queremos unha profesión de usar e tirar, queremos unha profesión onde ficar. E non estou disposta a colaborar co neoliberalismo que precisa desas tarefas invisibles e imprescindibles para manterse e que, para sorpresa de ninguén, recaen nas mulleres!

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Theatro Circo. Foto: CMBraga.

Nasce em Braga o festival Utopia

jordifont

Ellos y yo o esa extraña sensación de que los árboles te miran